Unha delegación formada por persoas do Sahara e o Estado español, convidada a participar na 41° sesión do Consello de Dereitos Humanos na sede de Nacións Unidas, chama a atención sobre a situación de violacións dos dereitos económicos, sociais e culturais nos territorios do Sahara Occidental.

 

Sáhara Occidental Boujdour

“Cando nacín, o Sahara Occidental era unha colonia e España era unha ditadura”, comentaba Gorka Urtaran Aguirre, alcalde de Gasteiz o pasado 27 de xuño en Xenebra. Con efecto, o Sahara Occidental foi unha colonia española até 1975. Ese mesmo ano, xa reino, España entregou o territorio a Marrocos e Mauritania. Naquel momento, o exército español abandonaba definitivamente o territorio.

1975 é tamén o ano da Marcha Verde. O 7 de novembro, 250.000 civís marroquinos entraban nas terras do pobo saharauí. Despois destes feitos fórmase a Frente Polisaria (Frente Popular de Liberación de Saguia o Hamra e Río de Ouro), un movemento creado pola poboación da excolonia española para recuperar as súas terras.

O confronto entre Marrocos e a Frente Polisaria durou até o cesamento do fogo conseguido pola ONU en 1991. Desde ese momento, Marrocos goberna o 80% dos territorios saharauís, tendo recuperado a Frente Polisaria apenas o 20% dos mesmos. Unha fenda, chamada “Muro da Vergoña”, de cinco km de ancho e un 2720 km de longo, divide os dous territorios do Sahara Occidental.

 

“Hai un incumprimento flagrante de España co pobo saharauí así como coa resolución da ONU sobre a concesión da independencia aos países e pobos coloniais”

 

O cesar-fogo logrado en 1991 pola ONU debería ter servido para permitir un referendo que aínda non foi levado a cabo. Como resultado, a situación ficou estagnada en detrimento das poboacións indíxenas. “Hai un incumprimento flagrante de España co pobo saharauí así como coa resolución da ONU [resolución 1514 (XV) da Asemblea Xeral das Nacións Unidas do 14 de decembro de 1960] sobre a concesión da independencia aos países e pobos coloniais” declaraba Gorka Urtaran ante o Consello de Dereitos Humanos. “O goberno de España e da Unión Europea teñen que asumir a responsabilidade que teñen na resolución do conflito”, sinalou.

Efectivamente, a resolución 1514 (XV) da Asemblea Xeral das Nacións Unidas do 14 de decembro de 1960, sobre a concesión da independencia aos países e pobos coloniais, instaba a devolver a todas as colonias a súa independencia. Nese sentido, o Sahara Occidental continúa a ser considerado polas Nacións Unidas como un territorio non autónomo que debe ser descolonizado mediante o exercicio do dereito á autodeterminación. A Misión das Nacións Unidas para o referendo no Sahara Occidental -MINURSO- foi creada con este propósito en 1991.

Hai algúns meses -entre decembro de 2018 e marzo de 2019- despois de anos de silencio,  foron organizadas mesas redondas na sede de Nacións Unidas de Xenebra, Suíza, para decidir sobre o destino destes territorios, que viven nun limbo silencioso desde hai máis de catro décadas. Infelizmente, as últimas tentativas da ONU de chegar a unha resolución do conflito non foron concludentes e Horst Kohler, Enviado Especial do Secretario Xeral da Organización das Nacións Unidas, abandonou as súas funcións a final do mes de maio deste ano.

O estancamento da situación non afecta só á poboación saharauí que continúa a estar obrigada a vivir nos acampamentos de refuxiados de Tindouf, ao sur de Alxeria, senón que atinxe todo o territorio saharauí.

Os territorios gobernados polo goberno marroquino non se parecen moito aos territorios conservados pola Frente Polisaria, nin tampouco ao trozo de deserto árido deixado por Alxeria a quen fuxiu da guerra nos anos 1970 e 1980. Son territorios, os ocupados por Marrocos, que teñen fosfatos, petróleo, ouro, e unha das pescas máis importante a nivel mundial.

Empresas de 39 países diferentes explotan eses recursos, aínda que a resolución 1803 (XVII) das Nacións Unidas afirma que “a violación dos dereitos soberanos dos pobos e nacións sobre a súa riqueza e recursos naturais é contraria ao espírito e os principios das Nacións Unidas e obstaculiza o desenvolvemento da cooperación internacional para a preservación da paz”.

Mahfud Mohamed Lamin Bechri, do International Institute for NonviolentAction (NOVACT), denunciaba en Xenebra que “hai unha explotación dos recursos nos territorios que viola as leis internacionais. Hai unha rede complexa de corrupción para continuar explotando eses recursos, aínda que legalmente iso non sería posíbel, e iso faise co consentimento silencioso da Unión Europea”.

A maioría das empresas estranxeiras camúflanse abrindo pequenas sedes ficticias en Marrakech, co fin de non recibir sancións e explotar tranquilamente os recursos naturais da rexión do Sahara Occidental. Esas empresas venden os seus produtos como se procedesen de Marrocos, unha vez comprados na Europa non podemos comprobar con precisión a súa orixe”, relatou Ahmed Ettanji, xornalista de Equipe Media.

MARROCOS É O PRIMEIRO PAÍS EXPORTADOR DE PEIXE PARA ESPAÑA
Numerosas empresas do sector pesqueiro español, principalmente andaluzas, canarias e galegas, están moi ligadas ao sector pesqueiro dos territorios do Sahara Occidental. Un relatorio do Observatorio dos Dereitos Humanos e Empresas no Mediterráneo recompilou os nomes dalgunhas das empresas españolas involucradas neste negocio, trátase de PULMAR, Canosa de Frigoríficos Camariñas, Congelados del Estrecho, Grupo Conservas Garavilla, Mivisa.

No Reino de España existe unha extensa rede de empresas que importan materias primas da rexión do Sahara Occidental para a súa comercialización e distribución posterior. Entre elas Salgado Conxelados SL, Discefa, ou Canosa, na Galiza; Viveros Merimar situada, en Palencia; Angulas Aguinaga en Euskadi.

Un dos produtos que máis se importa é o polbo. Desde Dajla 1.000 toneladas son importadas pola distribuidora Rosa dos Ventos (que comercializa sob a marca ‘O Pulpeiro’); 2.000 toneladas por Profand e 9.200 toneladas por Discefa.

Eses polbos son vendidos a outras empresas almacenistas, grandes superficies ou supermercados onde os adquiren os consumidores do estado español. O relatorio cita, entre outros, a Makro, o Corte Inglés, Carrefour ou Mercadona. No Estado español comercialízase peixe do Sahara Occidental, na súa maioría falsamente etiquetaxe como de orixe Marroquino.

No Estado español comercialízase peixe do Sahara Occidental, na súa maioría falsamente etiquetaxe como de orixe Marroquino

Segundo o Observatorio de Dereitos Humanos, “o proceso e a maneira de operar destas empresas na distribución dos seus produtos é moi variado. Algunhas delas dispoñen das súas propias plantas de procesado no país de orixe, onde se manipula a materia prima para a súa posterior distribución, como Salgado Conxelados SL, que dispoñen de plantas en Marrocos e tamén realiza o proceso de conxelación para manter a cadea de frío ou o da compañía Frigoríficos de Camariñas que en 2017 anunciou a apertura dunha nova planta en Agadir (Marrocos)”.

O último acordo de pesca entre a Unión Europea e o Marrocos foi aprobado o 12 de febreiro deste ano polo Parlamento Europeo. Nel inclúese a rexión do Sahara Occidental. Contodo, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea define moi ben na súa sentenza C-266/16 que os acordos de pesca son aplicabeis só “ás augas sob soberanía ou xurisdición” do Reino de Marrocos. Segundo a sentenza do Tribunal e en virtude da Convención sobre o Dereito do Mar, “as augas sobre as que o Estado ribeiriño ten dereito a exercer a súa soberanía ou xurisdición están limitadas ás adxacentes ao seu territorio e comprendidas no seu mar territorial ou a súa zona económica exclusiva”.

Portanto, continua o Tribunal, “tendo en conta de que o territorio do Sahara Occidental non forma parte do territorio do Reino de Marrocos, as augas adxacentes ao territorio do Sahara Occidental non están comprendidas na zona de pesca marroquina, obxecto do Acordo de pesca”. “A explotación de recursos naturais nun Territorio non Autónomo por unha potencia administradora só sería legais se fose levada a cabo en beneficio da poboación do dese territorio, no seu nome, ou co consentimento dos seus representantes. Ningunha destas premisas está presente no caso do Sahara”, denuncia pola súa banda o Observatorio de Dereitos Humanos e Empresas.

Elena Rusca

El Salto Diario