Freemuse, a ONG que traballa como consultora para as Nacións Unidas, acaba de presentar o seu relatorio sobre o estado da liberdade artística no mundo: The State of Artistic Freedom 2020, relativo ao pasado 2019. O Reino de España, con 14 artistas nos tribunais, lidera o ranking de estados que perseguen xudicialmente a liberdade de expresión neste ámbito.
Segundo o coordenador da organización no Reino de España, Alberto González Pulido, este colócase en cabeza con 14 persoas procesadas, por diante do Irán (13), Turquía (9), Myanmar (8), Exipto (6), a China (5) e a Rusia (4). Neste número non están incluídos Valtonyc nin Hassel, ainda que este último ingresará en prisión despois de o Tribunal Supremo ter recusado o seu recurso na semana pasada.
“O relatorio mostra que Occidente está perdendo rapidamente a súa posición de líder no respecto dos dereitos humanos e na defensa da liberdade, en tanto que no mundo avanza a intolerancia e a violencia contra as visións e as expresións non-mainstream”, sinala o director executivo de Freemuse, Srirak Plip.
O 42% das persoas perseguidas por exerceren a liberdade de expresión no ámbito artístico criticaron os seus respectivos gobernos nas obras que provocaron o proceso.