Investigadores de diferentes ONG do Reino Unido levaron á sétima conferencia de Estados Parte do Tratado de Comercio de Armas un pormenorizado estudo sobre as vías legais para frear o comercio armamentístico co reino de Salmán bin Abdulaziz. Os especialistas destacan que no caso español hai unha obstáculo central: a Lei de Segredos Oficiais da ditadura franquista, chave a día de hoxe para garantir o elevado nivel de hermetismo sobre as operacións con Riad.

 

Soldados yemeníesSoldados iemenitas respaldados pola Arabia Saudita nunha manobra militar na provincia de Marib. Soliman Alnowab – EFE

 

As incertezas que rodean o comercio armamentístico entre o Reino de España e a Arabia Saudita ultrapasan fronteiras. Un grupo de especiaistas británicos levou á sétima conferencia de Estados Parte do Tratado de Comercio de Armas (TCA) -que se reúne virtualmente esta semana- un pormenorizado relatorio sobre as vías para frear o comercio de armas co réxime de Salman bin Abdulaziz. No caso do Reino de España detectaron un sinal alarmante: trátase do Estado máis restritivo de Europa a respecto do acceso a información sobre esa materia.

A opacidade no multimilionario negocio da venda de armas á ditadura saudita foi criticada en reiteradas ocasións por diferentes organizacións de dereitos humanos no estado español. Amnistía Internacional, Greenpeace, Intermón Oxfam ou FundiPau -integrantes da campaña Armas Sob Control- esixiron até non poder máis que as autoridades españolas fagan públicos os informes mediante os que se autorizan as vendas de material armamentístico á Arabia Saudita, ao tempo que esixen tamén que esas operacións se deteñan até o réxime pór fin aos bombardeos no Iemen.

Eses reclamos chocaron unha e outra vez co muro do Goberno. Por unha banda, A Moncloa asegura que os protocolos vixentes relativos ás exportacións de armamento son o suficientemente garantistas; por outro, sostén que se se publicasen os informes oficiais sobre cada unha desas operacións serían postos en risco os negocios coa Arabia Saudita, xa que o contido deses documentos podería afectar á “seguranza” do país comprador e, ao mesmo tempo, prexudicaría a credibilidade de España como un vendedor en que confiar.

Ese segredo, amparado nun decreto que aprobou o Goberno de Felipe González en 1987 ao abrigo da Lei de Segredos Oficiais da ditadura franquista, xera unha mestura de asombro e preocupación entre os membros do Grupo de Especiaistas sobre o TCA, conformado por investigadores da ONG británica Saferworld, da Rede de Acción Legal Global (GLAN polas súas siglas en inglés) con sede en Londres e do Centro de Dereito Internacional de Manchester.

No relatorio presentado no cadro da sétima conferencia de Estados parte do TCA, os investigadores destacan que “sen acceso aos documentos pertinentes relativos ás licenzas de exportación de armas, é difícil, se non imposíbel” acceder á “xurisdición dos tribunais administrativos españois” para “impugnar decisións administrativas concretas, como as autorizacións de exportación de armas supostamente ilegais”.

Os especialistas poñen o foco do seu asombro na Lei de Segredos Oficiais da ditadura franquista, cuxa modificación está pendente no Congreso. Após destacar que “todos os documentos relacionados coas licenzas” de exportacións de armas “están amparados polo segredo de Estado”, apuntan que ese silencio oficial é “un legado do réxime franquista e da contra-insurxencia española contra ETA”.

O investigador británico Roy Isbister, representante da ONG Saferworld e coautor deste relatorio, sinalou ao dixital Público que España “mantén niveis excesivos de falta de transparencia” nesta materia, polo que advirte que este asunto “podería acabar no Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos”. Esa posíbel vía cara a Estrasburgo aparece contemplada no documento elaborado polo grupo de especialistas.

“As leis de segredo en España amparan as licenzas de exportación de armas de tal maneira que as fan inalcanzabeis, bloqueando así por completo calquera revisión administrativa”, explica pola súa banda a avogada Valentina Azarova, integrante de GLAN e do Centro de Dereito Internacional de Manchester.

A xurista -que tamén é coautora do relatorio presentado na pasada terza-feira-  resalta que España conta a día de hoxe con “o réxime de control xudicial máis restritivo de Europa desta perspectiva”.

Ambos os investigadores sosteñen que tanto España como o resto de países europeos asinantes do TCA que venden armamento á Arabia Saudita vulneran o estipulado nese tratado, que “esixe aos Estados parte -entre os que se están todos os Estados da UE- non autorizaren as exportacións cando existir un risco significativo de que as armas poidan ser utilizadas para cometer ou facilitar unha violación grave dos dereitos humanos ou do dereito internacional humanitario”. “A subministración de equipamento militar á Arabia Saudita e a outras partes no conflito que podería ser utilizado no Iemen viola o TCA”, subliñou Isbister.

Danilo Albin

Público