Diferentes voces alertan de deficiencias no sistema de protección de menores e acusan a Administración de retirar tutelas de forma “inxustificada” ou “cronificar” as problemáticas familiares. A Xunta defende “criterios técnicos” e nega que se declaren situacións de desamparo inexistentes. Esta é a primeira entrega dunha serie de dúas reportaxes nas que falarán persoas expertas e afectadas.

.

 

Unha nai entra cos seus fillos nun colexio

Unha nai entra cos seus fillos nun colexio | Fonte: EP Eduardo Sanz

 

 

Uxía Iglesias

“Achégase ao que é un secuestro. A Xunta asume a tutela dos menores mediante a declaración dunha situación de desamparo inxustificada, mete o rapaz ou rapaza nun centro de menores ou cunha familia de acollemento e dificulta o seu contacto coa familia”. Esta é a realidade que, segundo denuncia a plataforma ‘Xuntos’, enfrentan algunhas familias en Galiza. Unha práctica “habitual” por parte das administracións, di o porta-voz e perito xudicial Carlos Armada, que debuxa a “punta do iceberg” dunha serie de “fallos” do actual sistema de protección das crianzas e de retirada de tutelas, que acaba por “tronzar o futuro de moitas familias”.

O documento Valora-Galicia, editado no 2021 pola Xunta de Galicia, é o instrumento que recolle os criterios técnicos para a valoración da gravidade de cada situación e as correspondentes tomas de decisión. Nel explícanse as diferenzas entre unha situación de risco e de desamparo. A primeira define aquelas situacións nas que o menor se ve prexudicado no seu “desenvolvemento persoal, familiar, social ou educativo, no seu benestar ou dereitos” e que requiren dunha intervención da administración para evitar o “desamparo ou exclusión social”, pero sen ter que ser separado do seu entorno familiar. Pola contra, unha situación de desamparo é aquela na que os menores están “privados da necesaria asistencia moral ou material” e implica a separación do menor do seu entorno familiar e a asunción da tutela por parte da Xunta.

Se ben existen casos que requiren unha intervención urxente, diferentes persoas contactadas para esta reportaxe coinciden en sinalar que tamén se producen quitas de tutela “inxustas”. Sófrenas, sobre todo, familias con dificultades económicas, mulleres migrantes, en situación de monomarentalidade sobrevida ou vítimas de violencia de xénero. Un problema transitorio de saúde mental, unha denuncia de absentismo escolar, a escaseza de medios económicos ou, no caso das mulleres migrantes, un expediente de estranxeiría ou a propia situación de irregularidade administrativa poden derivar, segundo indican, na retirada dos fillos pola administración, no canto de promover un “acompañamento e saída desa situación familiar de vulnerabilidade”, comenta Armada.

“Mediante a declaración dunha situación de desamparo moitas veces inexistente, a Xunta de Galicia colle a garda provisional do menor pola forza do poder”, sen precisar dun amparo xudicial, explica. E é que as retiradas de tutela son executadas por funcionariado da administración á marxe da xustiza, sen a participación de ningún xuíz e, ás veces, sen que a propia familia teña constancia de que ese proceso está en marcha. “Isto é algo sangrante e que ocorre de seguido”, alerta, pero que “segue moi oculto porque se comete contra xente que non ten poder de discusión, nin capacidade económica nin formación como para poder rebater e denunciar estas situacións”.

UN SISTEMA “INQUISITIVO”

A avogada Sandra Garrido, que coñece ben o ámbito de gardas e custodias de menores, corrobora estas situacións. “O roubo legal de menores pasou toda a vida e forma parte do funcionamento habitual: catalógase a familia como problemática, intervense e quítase o menor. Acontecía moitísimo con mulleres xitanas, e agora está sendo moi brutal coas persoas migrantes”, describe. “Todo o que sexa un estigma fai que Menores medie”, engade, o que sume moitas familias nun círculo de estigma e vergoña, con “medo permanente e hipervixiadas”. “Non hai unha política de protección do menor, senón unha política de ‘imos evitar problemas’. Problemas institucionais, non de dereitos humanos. No 90% dos casos o interese superior do menor é quedar na súa familia“, explica.

A SOS Racismo Galicia non chegou a denuncia de ningunha muller migrante, pero si aseguran coñecer o caso de varias nais xitanas ás que a Xunta declarou os seus fillos en situación de desamparo. A avogada da organización Esther Lora cualifica o servizo de menores da Xunta como unha “roda imposible de superar” polo “nivel de esixencia e vixilancia”. “Hai situacións que evidentemente requiren intervención, pero trátase dun sistema moi inquisitivo que se asenta en valoracións heteronormativas e que pasa por riba das situacións e necesidades reais das familias”, relata esta avogada a Galicia Confidencial.

Para as mulleres vítimas de violencia de xénero supón pasar dun maltratador a outro. Tanto as casas de acollida para estas mulleres coma os centros de menores teñen réximes carcelarios”, explica Gloria Vázquez, que foi presidenta da Asociación Ve-la Luz e que coñece de preto o caso de varias mulleres ás que retiraron a tutela dos fillos tras sufrir unha situación de violencia de xénero. Denuncia que “non se ofrece atención psicolóxica continuada” e que o afastamento dos seus fillos só provoca que “as mulleres profunden en depresións”.

“O SISTEMA ESTÁ FALLANDO”

Todo comeza, normalmente, cun informe do persoal técnico de Servizos Sociais do concello no que se describe unha situación de risco ou desamparo da crianza e que se traslada a Menores. Un equipo técnico da Xunta de Galicia pode, entón, asumir a tutela e garda e decidir o tipo de acollemento para ese menor: en familia extensa – parentes da familia biolóxica -, allea – familias de acollemento -, ou en centros residenciais. Segundo os últimos datos facilitados pola Consellería de Política Social, correspondentes a 2020, son 1.780 os menores tutelados en Galicia, “a maioría en acollemento familiar”, sinala.

Dende Xuntos, porén, denuncian a existencia de casos nos que a Xunta “non promove as tutelas ao favor de ningún familiar”, a pesar de que así o especifica o Código Civil no seu artigo 172.4. Tamén a presidenta de ACOUGO (Asociación Galega de Familias de Acollida), Rebeca Ferrón, alerta sobre o “altísimo número” de menores de tres anos que son ingresados en centros de menores, se ben a normativa de protección da infancia prohibe o acollemento residencial para estas crianzas ou, en caso de imposibilidade doutra opción, limítaa a tres meses. “Hai nenos que van ao centro cando nacen e quedan ata os 18 anos. A situación real é dantesca”, denuncia Ferrón.

Segundo a súa análise, as eivas do sistema radican nun “problema moi grave de competencias” entre concellos e Xunta, ademais da “falta de criterios coherentes e unificados” e da “falta de formación e actualización” de parte do persoal, que sofre “moitísima rotación” e ratios de menores “inasumibles”. Isto deriva, sentenza, “nun maltrato sistemático a nais biolóxicas para que renuncien aos seus nenos e pasen a adopción”. “En Galicia non se está protexendo o dereito internacional a medrar en familia nin o dereito á familia de orixe”, remarca Ferrón, que describe o sistema de menores como unha “bóla de neve”. “Un neno dun centro de menores trae na súa adultez moitos nenos tamén usuarios de servizos sociais e que acaban neses mesmos centros”.

“O sistema está fallando”. Así de contundente se expresa María Casal, unha traballadora social do Concello de Cambados con máis de 20 anos de experiencia. “Atendes os avós, os pais, os fillos e os netos. Os problemas tápanse con parches e non se fai ningunha prevención“, explica. A causa é “multifactorial”: “o traballo en precario, a carencia de recursos humanos, unha falta de coordinación tremenda… Non damos abasto e estamos esgotadas, moitas de baixa por problemas de saúde”, di. Casal asegura que a decisión dunha retirada de tutela se “sopesa, medita e contrasta moito”, e nega que se decreten inxustamente, pero critica que o actual sistema non solventa os problemas de raíz, senón que os “cronifica”. Nesta liña se expresa tamén a avogada Sandra Garrido: “Quítanche o fillo pero non che dan solucións para solventar esa situación pola que cho quitaron. Non interveñen na pobreza da familia”.

Así, recuperar logo as crianzas convértese nunha “odisea” que require de abundantes recusos e acceso a avogados especializados. Aínda que a situación que deriva nesa quita de tutela é “transitoria” nos meirandes casos, “moitas familias non volven ter os seus fillos ata que cumpren a maioría de idade”, especifica Garrido. Durante ese tempo, as posibilidades de comunicación das familias de orixe cos seus fillos son diversas -dende o “impedimento de contacto” que denuncia Armada nalgúns casos ao establecemento de visitas nos ‘puntos de encontro familiar‘- e dependen, segundo concordan as fontes consultadas, da xestión por parte do persoal técnico: “Hainos que son sensibles e que se deixan a pel no seu traballo. Cando se fai ben, a comunicación sae ben”, explica Ferrón sobre as relacións entre familias de orixe e de acollemento.

DENUNCIAN O “NEGOCIO” DOS CENTROS DE MENORES

Dende as asociacións Ve-la Luz e Xuntos denuncian o “negocio redondo para todas as partes” que, din, se agocha tras esta xestión “irregular” das situacións de risco e desamparo dos menores de idade. Alertan, así, da tendencia á “privatización do sector”, movido por “intereses económicos”. As fundacións e empresas que xestionan os centros de acollida reciben da Xunta unha subvención que oscila entre os “4.000 e os 9.600 euros ao mes por menor” e que derivan de fondos da Unión Europea, explica Armada. Unha contía que, sinala, deixa ampla marxe de beneficios aos centros de menores “amigos da Xunta”.

O perito xudicial denuncia o “ocultismo” que rodea estes centros, con “capacidade de destrozar a vida de moitos rapaces” aos que, di, os atrapa o círculo da vulnerabilidade: “Hai a quen só lle queda a vía da delincuencia cando sae”. Precisamente, de parte de Esculca, o observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades, poñen o foco tamén na súa “opacidade”  Hogar San José de Vigo foi denunciado no 2016 por maltrato e vexacións a menores], e demandan a implementación dun “mecanismo independente dos poderes públicos” e semellante ao establecido para os centros de detención, para que sociedade civil – en concreto un comité de persoas politicamente independentes – “teña capacidade de acceder a estes centros e saber que é o que acontece no seu interior”. 

A XUNTA NEGA UNHA QUITA INXUSTIFICADA DE TUTELAS

Consultada por Galicia Confidencial en torno a estas denuncias, a Consellería de Política Social traslada que é “radicalmente falso que se estean a declarar situacións de desamparo inexistentes”. Indica que as decisións neste sentido son adoptadas exclusivamente por técnicos especializados dos servizos de protección do menor da Xunta en base a “criterios técnicos e facendo prevalecer por riba de todo o interese superior do menor”. Neste proceso, prosegue, a Xunta de Galicia válese do documento VALORA-Galicia, unha “ferramenta técnica fundamental para a valoración das situación de desprotección, que proporciona seguridade e garantías nesta sensible materia”, indica.

Sobre este instrumento, a presidenta de ACOUGO recoñece que dende a Xunta de Galicia se estivo traballando “moi duro nel” e asegura que lle consta que en Política Social hai “compromiso con mellorar a situación”, pero indica que “ninguén está traballando para que este documento se coñeza e se use nos Servizos Sociais dos concellos”. “Cada un segue tomando decisións moi a título persoal, moitas veces sen coñecemento e con conceptos instaurados hai moitos anos”. Ferrón aposta, logo, por facer unha “gran inversión”: “Rompería todo e volvería construír o edificio porque os cimentos están débiles, afectados”, sentenza.

A nivel estatal, asociacións como APRODEME ou Asociación de Familias para la Sociedad del Siglo XXI levan tempo poñendo enriba da mesa a existencia destas situacións. A última delas demanda unha revisión lexislativa e a creación dun “pacto pola familia e a infancia” en cada autonomía, onde estean presentes forzas políticas, expertas e asociacións que denuncian o mal funcionamento do sistema.

Galicia Confidencial