O Ministerio do Interior comprou en 2016 unha potente ferramenta que dá pistas sobre cal pode ser o futuro na detección de sospeitosos de terrorismo que tomen un avión. Este sistema é capaz de tracexar perfís que delaten supostos terroristas cruzando datos que obtén, entre outras fontes, das redes sociais. A natureza deste “cerebro informático” choca así co Anteproxecto de Lei que taxa de forma estrita o tipo de información que pode nutrir o ficheiro de pasaxeiros para evitar discriminacións por motivos de raza, política ou relixión.

 

 

 

A oferta que lanzou Interior en febreiro de 2015, con Jorge Fernández Díaz á fronte da carteira, era clara. Buscaba unha ferramenta que fose capaz de construír un “perfil demográfico e sociolóxico” dos pasaxeiros dun avión e poder detectar os sospeitosos de terrorismo. Nese momento, o proxecto europeo do Rexistro de Nomes de Pasaxeiros (PNR, nas súas siglas en inglés) estaba bloqueado na Eurocámara pola ameaza que podía supor á privacidade e liberdades dos cidadáns europeos e o seu posíbel fomento da discriminación.

No verán de 2015, Interior debeu dar marcha atrás ao seu proxecto para adecualo ao relatorio da Comisión de Liberdades Civís, Xustiza e Asuntos de Interior da UE. Mais antes de acabar o ano, Europa estaba inmersa na conmoción polos atentados de París que custaran en novembro a vida a 137 persoas. En xaneiro de 2016, Interior adxudicou a Indra o proxecto, apesar de ser a oferta máis cara dos tres que se presentaron.

Por un 1,39 millóns de euros, a tecnolóxica española poría en marcha o sistema que Interior buscaba. No prego ténico orixinal establecíase que “a ferramenta debía ser capaz de analizar diferentes tipos de información, xa for en forma de feeds de Twitter, correo electrónico, imaxes, vídeo, rexistros de centros de chamadas, notas clínicas dun médico ou practicamente calquera outro formato”. Cando a tecnolóxica española informou que gañara o concurso confirmou que a súa ferramenta tería as citadas capacidades.

O proxecto, con todo, non explicaba de onde ía tirar algunha desa información, nalgúns casos especialmente protexida, como os historiais clínicos. Noutros casos, como as redes sociais e páxinas de Internet, o prego era preciso: Twitter, Instagram, Youtube ou Google serían algunhas das súas fontes abertas. Respecto da legalidade da obtención deses datos, Interior curábase en saúde: “Sempre que o permita a información incorproada de PNR e API (Información avanzada de Pasaxeiros) e as fontes de coñecemento socieconómico contra as que se modelen estes perfís”.

Este sexta feira, o xornal electrónico eldiario.es revelou o Anteproxecto de Lei que asina o actual ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido, e que aínda debe pasar polo Consello de Estado e o Congreso dos Deputados. No mesmo recóllense que datos PNR incluirá o ficheiro de pasaxeiros, tales como o seu enderezo, o correo electrónico e o número de teléfono utilizados para comprar o billete, a data en que se realizou a compra, a bagaxe, mudanzas na reserva… Mais nada se di das redes sociais ou calquera outro tipo fonte de información.

É máis, se desde as compañías se envía outro tipo de información á Unidade de Información de Pasaxeiros que Interior vai crear, o Anteproxecto de Lei recolle que eses datos serán destruídos de inmediato. Aos datos válidos, Interior aplicará uns “criterios de avaliación predeterminados” que, en ningún caso, poderán estar baseados “na orixe racial ou étnica, as opinións políticas, as crenzas relixiosas ou filosóficas, a pertenza a un sindicato, a saúde ou a vida ou orientación sexual da persoa”. Esta afirmación parece chocar coa construción de “perfís sociolóxicos e demográficos” que promete o sistema de Indra.

Preguntado o Ministerio do Interior sobre a incompatibilidade entre Anteproxecto de Lei e ferramenta informática, un portavoz respondeu que a segunda “axustarase” ao que indique o texto legal e engadiu que o funcionamento do ficheiro de viaxeiros vai estar “permanentemente auditado”, tanto pola Axencia de Protección de Datos española como por organismos europeos.

Un gasto total de 4 millóns de euros

Até o momento, Interior gastou ao redor de 4 millóns de euros para pór en marcha o ficheiro de viaxeiros, segundo fontes coñecedoras do proxecto. Indra, cos seus 1,39 millóns de euros na adxudicación da ferramenta de cruzamento de datos, non é a empresa que máis obtivo da Administración neste proceso. No primeiro posto está HP, con ao redor de dous millóns en contratos. Os 700.000 euros restantes repártense entre dúas empresas de menor tamaño que os dous xigantes tecnolóxicos.

A explicación é que o proxecto do PNR foi construíndose con distintas ferramentas, adquiridas por separado. De feito, o primeiro pagamento xa foi executado en decembro de 2014. A ensamblaxe total, segundo as mesmas fontes, está pronta desde decembro pasado, á espera da aprobación da Lei que permita pór en marcha o novo ficheiro de pasaxeiros. O ministro Zoido espera que iso se produza “antes do verán, se posibel”.

Pedro Águeda

Fonte: eldiario.es