O Tribunal Constitucional (TC) iniciará un proceso de “reflexión interna” en torno da perspectiva de xénero á hora de xulgar delitos contra a liberdade e indemnidade sexual. O compromiso foi adquirido despois de admitir a trámite un recurso de amparo presentado pola avogada de L.M., vítima de abusos sexuais cometidos polo catedrático S.R. hai agora quince anos. O Tribunal de Garantías recoñece que o recurso pode “dar ocasión para esclarecer ou mudar a súa doutrina como consecuencia dun proceso de reflexión interna”. Sobre a mesa, unha cuestión chave: o tempo que tarda unha vítima en denunciar violencia sexual.
O catedrático, decano da Facultade de Educación da Universidade de Sevilla (US) entre 1997 e 2009, abusou sexualmente de dúas profesoras e unha bolseira desde finais de 2006. Nos corredores da facultade, as docentes eran coñecidas como “as nenas de Santiago”, un apelativo totalmente errado: as tres xovens eran en realidade as vítimas dos seus abusos sexuais. Durante anos, as docentes soportaron tocamentos, insinuacións e comentarios obscenos que converteron a súa vida laboral nun auténtico calvario e que afectaron o seu benestar físico e mental. Levaron anos para denunciar, unha demora en absoluto anómala: así costuma acontecer nos casos de violencia contra as mulleres. Apesar diso, as vítimas foron penalizadas por non acudiren de inmediato ás autoridades.
Após unha primeira sentenza ditada pola vía penal, o caso chega á Audiencia Provincial de Sevilla. O autor dos feitos consegue entón unha rebaixa da condena: en lugar de sete anos e tres meses de prisión, o tribunal estipula unha pena de dous anos e oito meses.
A Audiencia Provincial aplica unha atenuante de demora inxustificada para reducir notabelmente a pena contra o profesor. A razón aducida é o longo período de tempo entre que os feitos se producen e os tribunais ditan sentenza. Aquí vén o primeiro grande conflito: os maxistrados activan o cronómetro desde que se produce o primeiro feito probado e non desde que se formaliza a denuncia. Este criterio ten consecuencias evidentes para as vítimas: presiónaas a denunciar de maneira inmediata, o tic tac comeza a resoar na súa conciencia como unha sorte de advertencia. Canto máis se tarde en denunciar, maior será a penalización.
Amparo Díaz Ramos, avogada dunha das vítimas, recorre o fallo da Audiencia Provincial cunha premisa: a lectura que emana do ditame é prexudicial non só para as denunciantes deste caso concreto, senón para calquera vítima de violencia sexual. No seu recurso a letrada insiste en que se trata dunha sentenza “preocupante para outras vítimas” que no fondo o que fai é esixir “condutas heroicas” sen ter en conta as implicacións de denunciar para unha sobrevivente de violencia machista.
Si existen, contodo, algúns traballos que tratan de aproximar e pór negro sobre branco a realidade das vítimas. Segundo o último macro-inquérito de Violencia contra a Muller, só o 8% das mulleres que sufriron violencia sexual fora da parella denunciou algunha destas agresións. Mais non se trata só do peso que ten a infradenuncia no que respecta á violencia contra as mulleres, senón no tempo que pasa até unha muller decidir dar o paso de dar a voz de alarma. Aínda que non hai datos sobre este aspecto nos casos específicos de violencia sexual, si se coñece que a media de tempo que tarda unha vítima en denunciar malos tratos por parte da súa parella ou exparella é de oito anos e oito meses. Son datos dun estudo elaborado pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero. Algunhas vítimas falan de vergoña, outras de medo ao agresor, cando se investigan as razóns polas que o feito de denunciar resulta tan custoso. Segundo o recurso deste caso particular, a vítima “viviu até que denunciou unha situación de presión, temor a represalias, isolamento, tensión e falta de liberdade”. O catedrático, consciente do seu poder, ameazara as súas vítimas para facerse co seu silencio.
Na teoría, as demoras inxustificadas funcionan como unha atenuante porque se supón que co transcurso do tempo o condenado puido arrepentirse e camiñar cara á rehabilitación. “Non é o caso, el seguiu mantendo que todo era un complot e no seu recurso de apelación el mesmo di que non é culpábel, non mostra o máis mínimo arrepentimento”, subliña a letrada, “para el a demora foi un presente”.
Díaz Ramos tamén critica a decisión da Audiencia Provincial de absolver o catedrático do delito de lesións psicolóxicas polo que si fora condenado en primeira instancia. O tribunal argumentou que o impacto psicolóxico é nin máis nin menos que o propio de toda agresión de carácter sexual. Portanto, nin adquire unha natureza autónoma, nin merece maior castigo penal. A letrada, contodo, lembra que os feitos probados van un paso máis adiante ao acreditaren os “danos psicolóxicos relevantes” que pesan sobre a vítima que representa. “A sentenza tira importancia ás lesións psicolóxicas”, considera a avogada. O dano non foi menor e os feitos probados así o determinan: insomnio, perda de peso, vómitos e outros episodios que foron minguando a súa saúde e que encadearon diversas baixas por doenza. A primeira sentenza dá conta do “trastorno adaptativo ansioso depresivo grave” para o que a vítima “necesita de terapia psicolóxica de longa duración”.
A letrada celebra a decisión do Constitucional, aínda que é cautelosa no que respecta ás súas expectativas. “Que o Tribunal Constitucional leve a cabo un proceso de reflexión interno é importante. Non sabemos cal será o resultado, mais é un paso máis no camiño da introdución da perspectiva de xénero”.