TUIT Alerta Solidaria

 

Para Alerta Solidària esta vitoria xudicial vai alén do caso do Guillem, porque esperan “que sexa un grao de area que axude a combater unha realidade tan antiga, e infelizmente actual, como son as torturas, os tratamentos inhumanos ou degradantes sob custodia policial e, concretamente, na Xefatura da Policía Nacional da Via Laietana número 43 de Barcelona”.

Os feitos

Guillem foi detido cando protestaba sentado na rúa o 18 de outubro de 2019. Foi acusado de desordes públicas e atentado contra a autoridade. Guillem estaba cun grupo de persoas sentado na Vía Laietana. Axentes da policía española cargaron e foi detido porque foi o último en erguerse e sair correndo. O adolescente levava unha camisola laranxa. A policía española asegurou que Guillem arrancara pedras da calzada e as atirara contra os axentes. O rapaz decidiu denunciar a actuación policial porque asegura ter sido maltratado durante a detención.

Un xulgado de Barcelona recusou a querela presentada por Guillem pola súa detención en outubro de 2019 no cadro dos protestos pola sentenza do Tribunal Supremo contra líderes independentistas.

Afinal, no mes de xuño deste ano (2021) o xulgado de menores número 5 de Barcelona absolveu Guillem, Ivan, Sarah e Roc, todos eles acusados de atentaren contra o Corpo Nacional de Policía durante os  protestos pos-sentenza na Via Laietana.O xuiz determinou que os feitos non foran probados pola acusación, que pedía condenas dun ano de liberdade vixiada.

 

 

As torturas

Guillem explicou nunha entrevista en TV3 o que vivira na escuadra policial: “En Vía Laietana, entro coa cabeza fitando o chan, logo de chegar recibo un par de pancadas no pescozo por parte dos policías e dinme que me axoelle ollando cara a parede e en ningún momento me vire para ver o que hai no meu contorno. Nun dado momento, por instinto, vírome e podo ver como un policía nacional tiña un coitelo na man e noutro a miña mochila (…). Viráronme a cara dunha labazada e dixéronme: “Que cales, rapaz!”. Estive entre dez e quince minutos de xoellos e veu un policía, colleume por unha orella e díxome: “Se voltas a virarte arráncoche a cabeza”.

El Nacional