O Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos condena o Reino de España por vulnerar o artigo 3 do Convenio Europeo dos Dereitos Humanos por non investigar de maneira adecuada a agresión policial nos tribunais. Ten de pagar 1.000 euros á vítima, que foi espancada pola policía despois do protesto Rodea o Congreso en setembro de 2012.

 

Agentes de UIP agreden a un joven al que acaban de sacar de un bar tras la protesta del 29 de septiembre de 2012 'Rodea el Congreso
                Imaxe do vídeo en que se vé como a policia agrediu un xoven no protesto do 29 de setembro de 2012. VÍDEO DE YOUTUBE DE ARTURO DM

 

O Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos condenou o Reino de España por non investigar de maneira adecuada unha agresión policial que se produciu no centro de Madrid despois do protesto Rodea o Congreso de 2012. Estrasburgo considera que o EE violou o artigo 3 do Convenio Europeo dos Dereitos Humanos, que sinala que “ninguén poderá ser sometido a tortura nin a penas ou tratos inhumanos ou degradantes” na súa variante procesual que obriga á investigación efectiva das denuncias por este motivo. O Estado terá de indemnizar con 1.000 euros a demandante por danos morais.

Os feitos aconteceron no 29 de setembro do 2012 despois da manifestación coñecida como Rodea o Congreso na praza de Neptuno (Madrid). Despois do protesto, vários axentes da 1ª Unidade de Intervención Policial da PN, os coñecidos como anti-disturbios, entraron nun bar sen xustificación e arrastaron ao exterior varias persoas, entre elas a demandante, batendo nelas de maneira reiterada e provocándolles feridas na cabeza. O parte de lesións médico recollia que a vítima tiña sufrido unha “ferida inciso contusa en couro cabeludo con sangrando abundante, traumatismo craneoencefálico leve e policontusión”.

A vítima acudiu aos tribunais para denunciar a agresión policial. No entanto, o Xulgado de Instrución número 10 de Madrid acordou o arquivamento provisorio “ao non poder identificar os funcionarios de Policía que aparecen nas imaxes”. A resolución, que deixaba impune a actuación policial, foi confirmada pola Audiencia Provincial de Madrid no pasado 21 de maio de 2014, que reiteraba que “non fica acreditado que as lesións sexan consecuencia dunha acción dolosa ou neglixente” dos policías.

Os avogados da vítima continuaron recorrendo e chegaron ao Tribunal Constitucional, que non admitiu o caso. Neste ponto, a equipa xurídica de Legal Sol e o avogado Eric Sanz de Bremond acudiron, por un lado, ao Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos e, polo outro, á vía do contencioso-administrativo. Nesta segunda vía, Legal Sol conseguiu que Interior tivese que indemnizar con 750 euros a vítima.

O TEDH corrige a situación

Segundo a sentenza, o TEDH considera que “a investigación levada a cabo polos tribunais” españois “non foi o suficientemente completa e eficaz para cumprir cos requisitos” da “vertente procesual do artigo 3 da Convención dos Dereitos Humanos”.

Os policías ían sen identificación

A Corte menciona expresamente na súa sentenza que os axentes de policía que agrediron a vítima non levaban de maneira visíbel o número de identificación policial polo que foi imposíbel recoñecer os responsabeis da agresión. Este feito foi chave para que Estrasburgo considere que “as autoridades non levaron a cabo unha investigación efectiva” pola “súa incapacidade para identificaren e interrogaren os axentes de Policía implicados” e, alén diso, por non “avaliaren corectamente a proporcionalidade das súas accións”.

ALEJANDRO TORRÚS – Público