O Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos non admitiu a demanda de familiares de vítimas do GAL e o Batallón Vasco Español a que o Goberno español nega parte das indemnizacións que lles corresponden por entender que as persoas asasinadas eran militantes de ETA. Os familiares reclamaban que se lles recoñecese o dereito á presunción de inocencia. «Contodo -di TEDH- non toma unha posición sobre o dereito dos solicitantes á compensación».

 

 

Os familiares argumentaban que España só podía denegar esta axuda baseándose nunha condena penal e non en relatorios policiais. Por este motivo, pediron ao tribunal con sede en Estrasburgo que declarase a súa presunción de inocencia para permitir as indemnizacións.

Na sentenza faise referencia a cuestións técnicas. Sostén que o artigo 6.2 da Convención Europea de Dereitos Humanos, que sinala que «toda persoa acusada dunha infracción é presumida inocente até a súa culpabilidade ser declarada legalmente», non é aplicábel nestes casos, xa que está prevista para persoas «acusadas de delitos».

A reclamación sobre a que decidiu Estrasburgo reférese a Maria Cristina Larrañaga, Karmele Martínez Agirre e Nagore Otegi Martínez, María Antonia Ibarguren Astiagarraga, Mikel e Xabier Etxaniz Maiztegui, Ignacia Lizarraga Albaburu, Maria Belen Aguilar Pérez e Ugaitz e Aitor Elizarán Aguilar, todas elas familiares de vítimas ou vítimas daquelas dúas organizacións.

Entre estas persoas hai casos diversos. Hainas que reclaman acceso a unha indemnización que sempre se lles negou por entender que un/ha militante de ETA non pode xerar compensatoria como vítima de terrorismo e, noutros casos o que piden é a ampliación do importe nos termos que estableceu a Lei de Recoñecemento e Protección Integral ás Vítimas do Terrorismo do ano 2011. A respecto dos primeiros casos, o TEDH nega que lles poida dar consideración de vítimas do terrorismo.

GAL e BVE

Compre lembrar que os GAL foron creados polo PSOE. Sen componente ideolóxica, os seus membros foron mercenarios pagos con diñeiro público, cando gobernaba Felipe González que asasinaron case 30 persoas. No que se  refere ao BVE, era un grupo parapolicial que actuaba con total impunidade.

Que no Estado español hai vítimas e vítimas é algo máis que evidente. As xeradas polo propio Estado parecen menos importantes que as xeradas por organizacións armadas non gobernamentais.

Insurgente