O Alto Tribunal recoñece que negar o dereito a expresarse tamén afecta á liberdade de información dos profesionais da comunicación e ao dereito da cidadanía a ser informada de asuntos de público interese. O Constitucional censura que a Administración Penitenciaria tentase impedir a difusión de críticas á situación nos cárceres.

 

Foto: Valentín Aguilar, coordinador xeral da APDHA, e Rafael Rodríguez, presidente da Asociación da Prensa de Sevilla.

 

A Sala Segunda do Tribunal Constitucional recoñeceu onte nunha sentenza sen precedentes o dereito á liberdade de expresión das persoas presas, o dereito á liberdade de información dos profesionais e o da poboación a ser informada de asuntos de interese público. Dá a razón así á Asociación Pro-Derechos Humanos de Andalucía que en febreiro de 2018 presentou un recurso ante este tribunal pola negativa do cárcere de Córdoba a conceder a un xornalista de eldiario.es unha entrevista cun preso dentro de prisión.

O 26 de xaneiro de 2017 o Centro Penitenciario de Córdoba recusou a solicitude de entrevista do preso alegando que non existía motivación que xustificase a necesidade da comunicación, nin existían garantías suficientes que asegurasen o mantemento da seguranza e boa orde do establecemento. Tanto o Xulgado de Vixilancia Penitenciaria como a Sección Segunda da Audiencia Provincial de Córdoba desestimaron os recursos interpostos pola área de Cárceres da APDHA contra a resolución da prisión.

“Consideramos que o dereito que estaba en xogo era o dereito á liberdade de información nun sentido amplo, non se trataba só de exercer a liberdade de expresión dentro da prisión, senón sobretodo de comunicar á opinión pública o que ocorre no interior das prisións”, afirma Valentín Aguilar, coordenador da asociación e letrado do caso.

O recurso gaña especial transcendencia, no parecer do Constitucional, por tratarse dunha cuestión da que “non hai doutrina deste tribunal”, afirma a sentenza, razón pola que en xaneiro do ano pasado admitiu a trámite a demanda interposta pola APDHA.

Dáse a circunstancia de que o xornalista realizou unha primeira entrevista ao preso accedendo ao centro prisional como unha visita regular o que, unha vez publicada a entrevista, esta custou ao preso unha sanción que consistiu na privación durante un mes de paseos e actos recreativos comúns. Iso, segundo ambas as asociacións, demostraba que as persoas presas non tiñan dereito a informar nin os profesionais da comunicación a solicitar deles información polo feito de estaren recluídos. Apesar diso, comentan, a Constitución Española establece que este dereito non poderá ser vulnerado polo feito de se estar privado de liberdade. Na sentenza o Tribunal Constitucional censura que se tentase impedir a difusión de críticas á situación dos cárceres.

No parecer do Alto Tribunal, que o acceso de profesionais a prisión non estea regulado non significa que non estea permitido, senón todo o contrario: “o silencio non pode entenderse como liberdade para restrinxir á vontade eses dereitos”. Da mesma forma, afirma, que non basta para negar unha comunicación dicir que existe perigo para “a seguranza e boa orde do centro”.

Por iso, a Sala Segunda do Tribunal Constitucional resalta na sentenza que negar a autorización ao xornalista pode ser interpretado como unha “reacción por exercer esas liberdades nun sentido que non foi do agrado da dirección do centro prisional, sendo a súa verdadeira finalidade evitar unha nova publicación cuxo contido puidese desagradalo novamente”.

O Alto Tribunal lembra que “o control previo de contidos non está amparado constitucionalmente” e que o acordo do Centro Penitenciario de Córdoba é nulo por vulnerar os seus dereitos a “expresar e divulgar libremente os pensamentos, ideas e opinións mediante a palabra, o escrito ou calquera outro medio de reprodución e a comunicar libremente información veraz por calquera medio de difusión”, así como os autos do Xulgado de Vixilancia Penitenciaria e da Audiencia Provincial de Córdoba que o avalaron. As asociacións lembran que xa o Defensor del Pueblo recomendou a Institucións Penitenciarias en outubro de 2018 regular e posibilitar o acceso de xornalistas aos cárceres.

Na área de Cárceres da organización de dereitos humanos celebran o fallo do Constitucional. “Esta sentenza é moi importante porque recoñece algo que levabamos anos denunciando, a vulneración dos dereitos das persoas privadas de liberdade e a opacidade á hora de sabermos o que ocorre dentro de prisión”, sostén o coordenador de APDHA. “Esperamos que esta reprimenda do Tribunal Constitucional contribúa a reducir a persecución da Administración Penal contra quen denuncia as vulneracións de dereitos humanos nos centros prisionais”.

Pola súa banda, a Asociación da Prensa de Sevilla (APS), que, xunto á APDHA, xa levou este caso ante o Defensor del Pueblo de España, destacou a enorme transcendencia e relevancia desta sentenza. O presidente da APS, Rafael Rodríguez, manifestou que o fallo do Constitucional consagra tres valores fundamentais e irrenunciabeis: a liberdade de expresión de toda persoa, a liberdade de información veraz dos xornalistas e o dereito da cidadanía a recibir esa información e o pensamento e as ideas expresadas por calquera individuo.

Rodríguez resaltou que esta sentenza, contundente e sen precedentes, suporá un freo a todos os poderes que, cada vez máis, tentan limitar a liberdade de información, ‘que está máis ameazada que nunca’. “Todo poder -engadiu- teme á liberdade de expresión e de información, considéraas os seus grandes inimigos. Todos inchan o peito en defensa dunha suposta defensa destas liberdades e todos tentan silencialas. Despois dos fundamentos rotundos deste fallo, a APS estuda levar ao Tribunal Constitucional dous casos que afectan directamente os profesionais do xornalismo: as conferencias de prensa sen preguntas e o veto a xornalistas e medios de comunicación.

📌 VER SENTENZA TRIBUNAL CONSTITUCIONAL

APDHA