En maio de 2015, sete xovens independentistas -entre ela/es, cinco gasteiztarras- foron detida/os pola Ertzaintza após unha sentenza da Audiencia Nacional que a/os condenaba por pertenza a ‘organización terrorista’. Tres anos despois, unha sentenza do Tribunal Constitucional declara ‘ilegais’ aquelas detencións, así como o ingreso en prisión destas sete persoas, que pasaron meses no cárcere.

 

O 6 de maio de 2015, Ainhoa Villaverde, Mariña Sagastizabal, Bergoi Madernaz e Xabat Moran foron detida/os e levada/os a prisión. Días máis tarde, após evitaren a súa detención, Aiala Zaldibar, Igarki Carballos e Ibon Esteban apareceron publicamente en Gasteiz, no cadro do Gasteizko Herri Harresia, un ‘muro popular’ que tratou de a/os protexer. Alí, finalmente, tamén a/os detiveron e encarceraron.

Sen precedentes

Esta sentenza, sen precedentes, supón un novo puxón de orellas para a Ertzaintza e para a xustiza española, que tería practicado estas detencións sen as garantías suficientes: por unha banda, non se mostrou ás persoas detidas ningún auto xudicial que ordenase a súa detención; e doutra banda, foron conducidas a prisión sen pasaren antes diante dun xuíz.

A policía autonómica vasca realizou estas detencións ante unha sentenza da Audiencia Nacional, sen a oportunidade de recorrer ao Tribunal Supremo que, no seu caso, debería confirmar, ou non, a sentenza. De feito, meses despois, cinco destas persoas foron absolvidas, e outras dúas foron condenadas a dous anos, polo que non deberían ter entrado en prisión.

Compre lembrar que en setembro de 2014 celebrouse ante a Sección Cuarta da Audiencia Nacional o xuízo contra 28 mozos acusados de formaren parte da organización Segi, acusación pola que se lles pedían seis anos de prisión. Co precedente da absolución de 40 mozos da mesma acusación nun procedemento anterior levado pola Sección Primeira da mesma audiencia, neste caso a Sala optou pola absolución de 23 dos 28 mozos e a condena de 5 deles a 6 anos de prisión.

Apesar de estar todas as persoas acusadas en liberdade e a disposición do Tribunal, a Sala acordou sorprendentemente o encarceramento provisorio de todas as condenadas, á espera da resolución do recurso interposto perante o Tribunal Supremo contra ese pronunciamento condenatorio.

Este encarceramento non respondía de ningún xeito ás esixencias legais para iso, segundo explican fontes da defensa, ‘xa que a sentenza non era firme, os argumentos para condenar eran moi débeis e non existía risco algún de fuga’.

A Sección Cuarta, contodo, decidiu levar a cabo o encarceramento sen respectar o procedemento e prevencións legais claramente establecidas para o mesmo. En concreto, decidiu saltar a esixencia de celebración da comparecencia prevista pola lei en que as acusacións poden optar ou non pola solicitude desa medida de prisión e as defensas e as propias persoas afectadas, poiden precisamente argumentar e presentar documentos ou outros elementos en favor da súa liberdade. ‘Un trámite que, non só impón a lei, senón que é garantía fundamental da persoa xulgada e do seu dereito fundamental á liberdade’, explican as avogadas e avogados.

 

A Sección Cuarta da Audiencia Nacional decidiu levar a cabo o encarceramento sen respectar o procedemento e prevencións legais claramente establecidas para o mesmo

 

Mais, apesar diso e consciente, xa que as defensas pediron unha e outra vez a celebración desa comparecencia e o Tribunal a recusou, a Sección Cuarta, coa súa presidente -a Maxistrada Angela Murillo- á fronte, decidiu non levala a cabo e ‘desprezar esas garantías e dereitos das persoas que encarceraba, talvez consciente de non existiren razóns legais ou persoais para ese encarceramento e procurando eludir esa realidade’.

‘Porque ese encarceramento, como outros tantos que acordou esta Audiencia Nacional, non tiñan ningunha base xurídica, senón que pretendían apenas, neste caso concreto caso, impedir as mostras de solidariedade que nas vilas e bairros das persoas condenadas pola súa actividade política, social ou xuvenil, estaban a desenvolverse en forma de muros populares e expresións similares’, explican.

Como punto final a este proceso xudicial e policial contra a mocidade vasca, ao cabo dun ano o Tribunal Supremo, após analisar a sentenza e os recursos interpostos, admitiu os mesmos acordando que se debía absolver cinco destas persoas: Aiala Zaldibar, Igarki Carballos, Bergoi Madernaz, Xabat Moran e Mariña Sagastizabal, e condenar dúas: Ainhoa Villaverde e Ibon Esteban, mais non a 6 anos de cárcere, senón apenas a 2. Unha condena, segundo recolle o código penal, que podería ficar en suspenso de non terse producido o disparatado ingreso en prisión.

Agora, o Tribunal Constitucional, en sentenza do 17 de setembro de 2018:

  • Estima a demanda de amparo destas cinco persoas.
  • Recusa a actuación e argumentación da Sección Cuarta por contraria á lei e ao dereito e vulneradora do dereito fundamental á liberdade.
  • Declara nulas aquelas resolucións de ingreso en prisión.
A defensa reclamará por ‘grave prexuízo’

As defensas destas persoas xa están a analisar a interposición dunha reclamación ao estado ‘polo grave prexuízo causado por esta actuación irregular da Audiencia Nacional’. Mais, engaden, ‘a realidade é que o dano é irreparábel, porque estas persoas permaneceron case un ano en prisión, a partir desa resolución da Audiencia, (que se suma ao ano e medio pasado anteriormente en prisión antes do xuízo) sen que tivesen que facelo, porque este Tribunal decidiu, máis unha vez, como a día de hoxe continúa facendo, entortar a lei e a súa interpretación en favor dos intereses externos que diten os criterios políticos en cada momento’.

Halabedi