O Supremo anula a sentenza do ‘caso Bateragune’ que condenou a cárcere a Arnaldo Otegi, Rafa Díez Usabiaga, Miren Zabaleta, Sonia Jacinto e Arkaitz Rodriguez na secuencia do fallo do Tribunal dos Dereitos Humanos de Estrasburgo que ditaminou que non tiveran un xuízo xusto. Isto significa que nunca deberon ter ido a prisión e no entanto cumpriron as súas condenas na íntegra.

 

Juicio

 

A Sala Segunda do TS estimou os recursos de revisión interpostos por Arnaldo Otegi, Rafa Díez Usabiaga, Arkaitz Rodríguez Torres, Sonia Jacinto Garcia e Miren Zabaleta Tellería e anulou a sentenza de 2012 que os condenou a penas de entre seis anos e seis anos e medio de prisión por un delito de pertenza a organización terrorista no ‘caso Bateragune’.

A decisión do Supremo chega na secuencia dun recurso presentado polas defensas dos acusados, despois de a Corte Europea dos Dereitos Humanos ter ditaminado que a Audiencia Nacional non lles garantiu un xuízo xusto cando foron condenados con até dez anos de cárcere por pertenza a ETA, nalgúns casos mesmo como dirixentes.

Agora, o Tribunal Supremo anula a súa propia setenza que impuxera ás ‘Cinco de Bateragune’ condenas de entre seis e seis anos e medios de cárcere, que tiveron de cumprir na súa integridade.

Alén diso, sobre Arnaldo Otegi pesaba tamén unha condena de inhabilitación para cargo público, que lle impediu poder presentarse como candidato a lehendakari nas eleccións autonómicas de 2016 e que se mantiña en vigor até febreiro de 2021. Esta inhabilitación tamén é revogada agora, mais xa cumpriu a súa función política.

A sentenza do Tribunal Supremo recolle que o Ministerio Fiscal informou tamén a favor da anulación da condena. Fixa as costas do proceso como de oficio.

Un golpe político

Arnaldo Otegi, Rafael Díez Usabiaga, Arkaitz Rodríguez, Sonia Jacinto e Miren Zabaleta, entre outros, foron detidos o 13 de outubro de 2009, nun momento político transcendental no que a esquerda abertzale, entón ilegalizada, iniciaba a mudanza de estratexia política, que incluía pór fin á actividade armada de ETA.

Apesar das detencións ordenadas por Baltasar Garzón, co impulso político do que era na altura ministro de Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, a operación pretendía abortar esta mudanza de estratexia. Contodo, chegou tarde, porque xusto antes das detencións, tiña sido posto en circulación entre a militancia independentista o documento que alicerzou o movemento de fondo.

Apesar de todas as evidencias, e despois de ETA ter decretado o fin da súa actividade armada, Arnaldo Otegi, Rafael Díez Usabiaga, Arkaitz Rodríguez, Sonia Jacinto e Miren Zabaleta recibiron duras condenas na Audiencia Nacional con até dez anos de cárcere por pertenza a organización armada. Esa condena foi despois corrixida á baixa polo Tribunal Supremo, que reduciu as penas a entre seis e seis anos e medio de prisión. Todos estas persoas cumpriron as condenas até o último día.

Agora, e despois da intervención do Tribunal de Estrasburgo, o Supremo anula as sentenzas. Ningunha delas debeu ter ido nunca ao cárcere e Arnaldo Otegi tería podido presentarse ás eleccións de 2016.

IÑAKI IRIONDO

Naiz