O xornalista Boro LH, que se dirixía a Venezuela para cubrir a Asemblea Internacional dos Pobos e informar da situación que vive o país foi abordado pola Policía Panameña no aeroporto de Tucumén (Panamá) cando chegaba á porta de embarque para tomar o voo a Caracas.

 

 

Levárono a unha oficina onde foi interrogado sobre a súa filiación política, así como sobre as súas supostas simpatías con ETA ou sobre os casos represivos de que foi vítima no Estado español. Despois foi fichado e tivo que agardar 22 horas sob custodia na área de espera de migración do aeroporto antes de ser deportado de volta a París e de aí esta noite ás 22:20 chegará ao aeroporto de Loiu, en Euskal Herria.

Nin a súa condición de xornalista enviado especial internacionalmente nin as súas explicacións sobre os seus casos represivos serviron para que Panamá, membro do grupo de Lima e aliado dos EUA, o deixase continuar a viaxe cara a Venezuela.

Ademais, ao xornalista fóronlle retirados os seus aparellos electrónicos, móvel e PC, e non foi até as 19 horas da segunda-feira día 25 que lle foi permitido falar coa embaixada.

Doutra banda, a familia e achegados do xornalista comunicáronse coa embaixada española no Panamá. En principio esta negouse a dar información, mais despois, unha vez a retención foi coñecida através das redes sociais, intensificou as comunicacións coa familia. Explicaron que, segundo as autoridades Panameñas saltara unha alarma ao entrar Boro no país, segundo a cal o xornalista era un ‘perigoso terrorista’. Máis tarde a cónsul comunicou coa familia novamente e explicou que existe un artigo no Código de Migración Panameño segundo o cal as autoridades se reservan o dereito de permitir a entrada ao país (aínda que sexa en tránsito) pola existencia de causas penais no pasado. A escusa perfecta, xa que Boro LH ten a condena da Operación Araña, aínda que o propio xornalista explicou que a condena está en suspenso e que aínda están a estudar o posíbel recurso á sentenza.

Pouco antes das 20:00 da tarde, devolvéronlle as súas pertenzas e metéronno nun avión de regreso a París.

Insurgente