Unha sentenza da Audiencia Provincial de Madrid condena o xornalista Fonsi Loaiza por tuitar sobre o racismo constitucional. Os feitos remóntanse a 2018, cando unha persecución policial en Lavapiés terminou coa morte por infarte de Mame Mbaye, un mozo querido por todo o bairro que levaba máis de dez anos en España tentando regular a súa situación. A actuación policial foi sinalada e criticada e foron convocadas concentracións para denunciar o acontecido.

 

                                      Fonsi Loaiza – Foto LÚH!

 

Loaiza –que cumula máis de 170.000 seguidores no Twitter polo seu labor xornalístico en redes sociais– denunciou o ocorrido através da súa conta persoal, culpando o Estado policial español de cometer un asasinato. “Asasinado pola Policía de Madrid. A mellor homenaxe é loitar contra a represión do Estado Saiamos ás rúas!”, comunicaba na altura, sinalando tamén a “engrenaxe xenófoba” do corpo policial.

En outubro do ano pasado, o xornalista tivo de sentar no banco dos acusados polas súas mensaxes, mais agora, a última sentenza desestimou o seu recurso de apelación e mantén a condena “como autor responsábel dun delito de inxurias graves á Policía Municipal de Madrid” cunha pena de catorce meses de multa con cuota diaria de cinco euros. Unha acusación posíbel grazas a Lei Mordaza, aprobada polo goberno de Mariano Rajoy en 2015 e ainda non derrogada.

Luh! noticias