Elisa Beni

 

“Sen a sorpresa non é concebíbel a superioridade no punto decisivo” (Da guerra. Karl von Clausewitz)

Ninguén, salvo un inxenuo, pode pensar que foi Manuel Marchena cunha decisión exclusivamente persoal o detonante de que o Partido Popular rompa a baralla e suspenda a renovación do órgao de goberno dos xuíces. E se el non puido selo, daí decorre que a xogada estaba planexada de antemán e que alguén filtrou interesadamente a mensaxe de Cosidó, coincidindo cunha greve de xuíces, para crear a tormenta perfecta. Momentos despois do chute Marchena, o PP fixo pública onte a explosión do pacto. A verdade é que no PSOE son parviños reincidentes. O mesmo pasou co famoso pacto da xustiza. A imparcialidade xudicial xa viña fodida, naus a errada e forzada xudicialización do problema catalán en época do finado Maza transformou o proceso do 1-O nunha arma de destrución en masa. Unha arma de guerra. Un ariete na guerra electoral.

Nos últimos días, os círculos xornalísticos eran un formigueiro de rumores. Moitos falaban da convocatoria electoral conxunta nun superdomingo en maio. Outros aventuraban que talvez fose antes, en marzo. Ábalos, con toda consciencia, deixaba caer na segunda feira que todo iso era posíbel. Supoño que o mesmo que sabía eu sabían moitos do PP e non hai dúbida de que a inminencia dun proceso electoral, en que aínda confían para recuperar o poder xunto a Cidadáns, tivo de pór en marcha sobretodo os descontentos cunha distribución do CXPJX que non terminaban de ver ventaxosa. Non desestimemos tampouco a influencia de Lesmes sobre algúns, xa que xogaba ficar de fora ou continuar na carreira un tempo. Se así son as cousas, o seu era dar a oportunidade ao seu candidato ben amado de saír con dignidade do proceso e o seguinte dinamitalo.

Non era tampouco alleo ao movemento que se produciu no mundo xudicial após a publicación da mensaxe de Cosidó. Durante a greve contra Dolores Delgado non deixou de ser un das mensaxes repetidas. Insustentábel. Así que recibiron como un golpe de fortuna esta providencial saída que consideran de dignidade, honestidade e recuperación do prestixio e a independencia xudicial. Son así de inxenuos. Esquecen que, desde o día que soubemos que Marchena ía ser nomeado polos que aínda non foran elixidos, el non só non gritou aos ceos, senón que, segundo sabemos, fixo algúns movementos para tirar de cime quen non podía tolerar, como Vitoria Rosell, e asegurarse que outros estivesen dentro. Non viu na altura ningún dilema ético. Só viu o insustentábel do acordo unha vez descuberto o tomate através dunha obscena mensaxe ou só o viu cando o avisaron do que ían facer. Que agora chegue como o heroe de Marvel que dará a esperanza á carreira xudicial na independencia da súa cúpula é algo que só poden comprar os que estiveren moi desesperados por crer en algo.

 

Marchena pretende salvar os trastes da súa independencia, presidir o xuízo, pór a sentenza e que, nese interregno, fique expedite a vía para poder ser nomeado presidente

 

Nunca vin un xuízo con tanta imprecisión sobre quen o presidirá e quen redactará a sentenza. Desde logo non creo que sexa algo gratuíto. Os socialistas tiveron que facer os seus deglutiren o feito de engolir Marchena. Así que non tiveron vergoña en explicar por aquí e por alá que, en realidade, era unha pechincha. Unha das cuestións que expuñan ante o reproche de renunciar a nomear a primeira presidenta era que en troca nomearían a progresista Ana Ferrer presidenta da sala segunda, o que, dado que Ferrer estaba no tribunal, a convertería inmediatamente na presidenta do xuízo. Ademais, dicían, o oco de Marchena ía ser cuberto por outra maxistrada progresista, Susana Polo, o que variaba moito o equilibrio de forzas dos que terán que decidir. O da presidencia de Martínez Arrieta só era un reclamo para pouco informados.

Levada a xogada ao extremo, Marchena pretende salvar os trastes da súa independencia, presidir o xuízo, pór a sentenza e que, nese interregno, fique expedita a vía para poder ser nomeado presidente, ademais coa aclamación de todos eses xuíces dispostos a comprar que isto é un ataque de dignidade dos seus. Así que Marchena non está debilitado, senón que será reforzado pola aclamación do mundo xudicial ou, polo menos, iso é o que deben de pretender. Só que sabemos que Marchena ía ser o merlo que ‘controlase a sala segunda por detrás’ e quen co seu auctoritas ía conseguir os nomeamentos que o PP pretende. Non cabe en cabeza humana, e menos coñecéndoos, que os populares teñan este sentido sentimento cara ao maxistrado se non é porque xa tiveron probadas mostras diso. É a segunda vez que queren nomealo presidente. Ou caeron nun feitizo ou teñen máis claro que a auga o que lles convén.

Marchena volve ter a chave. El manexa os tempos e levará o procedemento ao ritmo que desexe cara ao desenlace. Agora sabemos que polo menos el, dado que non dixo que se retire para sempre, ten un obxectivo claro, que é chegar a presidir despois da renovación, sexa cando for. Así que a precampaña ou a campaña irán polo aire sobre as sesións da vista oral. Agora xa o Goberno non ten ningún control sobre ese calendario. O xuízo está tamén lastrado pola sospeita de parcialidade dun presidente louvado publicamente como o que ía conseguir todos os seus obxectivos. É posíbel que iso consigan facelo dixerir en España, mais nun tribunal internacional… temo que a estoria será diferente.

Quen ri último ri mellor.

Elisa Beni

El Nacional