Máis de 50 organizacións europeas formularan queixa diante do Consello de Europa. As organizacións peden ao Parlamento Europeo que adopte de inmediato a declaración emitida pola institución.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) e o Comité para a Prevención da Tortura do Consello de Europa (CPT) recomendan aos Estados membro alternativas á privación de liberdade para paliar os efectos do coronavirus en prisión. Ambos os posicionamentos chegan días despois de máis de 50 organizacións europeas presentaren queixa.
A OMS publicou esta mesma mañá un guía dirixido aos Estados sobre como abordar o Covid-19 dentro dos establecementos prisionais. Segundo esta, “o esforzo mundial para facer frente á propagación da doenza pode fracasar se non se presta a debida atención ás medidas de control da infección dentro dos cárceres”. Entre as medidas propostas, a OMS adverte que “debería ser considerado cuidadosamente o recurso a medidas non privativas de liberdade en todas as etapas da administración da xustiza penal”, ao mesmo tempo que, nomeadamente, “debe darse prioridade ás medidas non privativas da liberdade para os supostos delincuentes e os reclusos de perfis de baixo risco e especialmente vulnerabeis, dando preferencia ás mulleres grávidas e ás mulleres con fillos dependentes”.
Por súa vez, o CPT insta nunha declaración aos Estados a realizar un”maior uso de alternativas á prisión preventiva, conmutación de sentenzas, liberdade antecipada e liberdade condicional, ao mesmo tempo que re-avaliar as necesidades de continuar en internamento involuntario en pacientes psiquiátricos, alta ou posta en liberdade das persoas residentes en lares de atención social, cando for apropiado, e absterse de deter, na maior medida posíbel, as persoas migrantes.
As entidades que presentaron o escrito, e advertiron xa a semana pasada á Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias e ao Ministerio do Interior “da crítica situación en que se encontra a atención sanitaria dentro dos cárceres”, celebran a declaración aprobada polo CPT. Do punto de vista da Asociación Pro-Derechos Humanos de Andalucía, “é unha boa nova que tanto a OMS como o CPT fagan eco das medidas que propuxemos adoptar no noso estado”.
Neste sentido, a declaración emitida polo Consello de Europa recomenda tamén aos Estados membro, entre outras medidas, que “reforce os cadros de persoal médico disponíbeis en todos os espazos privativos de liberdade e facilite as comunicacións entre aquelas persoas que están encarceradas e as súas famiias”. Ese conxunto de medidas, lembras as diferentes organizacións, “son as que pedimos que adopte a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias en que até agora teña respondido a nosa solicitude”.
Por todo isto, esta mesma mañá, as entidades presentaron unha petición á Comisión de Liberdades Civis, Xustiza e Interior (LIBE) do Parlamento Europeo en que solicitan a intervención inmediata do Goberno da UE. En concreto, solicitan a adopción dos Estados membro da Unión Europea dos principios aprobados polo Consello de Europa. Como defenden as organizacións: “é urxente que os Estados emprendan medidas enderezadas a reducir o número de persoas privadas de liberdade e, ao mesmo tempo, que sexan postos en marcha mecanismos de comunicación entre quen está dentro das prisións e as súas familias”. Conclúen que, “caso contrario, un dos colectivos que máis sofrerá as consecuencias desta pandemia será o que vive dentro das prisións”.