Os rapaces, de 15 e 16 anos, tentaban subir a un ferri cando foron interceptados pola Garda Civil. O seu caso, xunto co doutros 10 menores, conseguiu paralisar as devolucións de agosto.

.

Algunos de los chicos que entraron en Ceuta en mayo fotografiados, en agosto, en el centro de la ciudad.Algúns dos mozos que entraron en Ceuta en maio fotografados, en agosto, no centro da cidade.Joaquín Sánchez

.

María Martín

Cinco organizacións que asisten menores estranxeiros non acompañados denunciaron que a Garda Civil de Ceuta expulsou a Marrocos no pasado 28 de novembro dous rapaces de 15 e 16 anos. As ONGs consideran este caso especialmente grave non só por se ter incumprido o procedemento que marca a lei para devolver menores inmigrantes ao seu país, senón porque os dous expulsados formaban parte do grupo de 12 menores cuxa repatriación suspendeu un xulgado de Ceuta en mediados de agosto, cando a cidade autónoma, a delegación de Goberno e o Ministerio do Interior puxeron en andamento repatriacións sen seguiren o protocolo legal. Nesa altura, foron devolvidos a Marrocos 55 mozos, mais as medidas cautelares do xulgado en favor dos menores acabaron forzando as autoridades a interromper as devolucións.

As ONGs cualifican esta expulsión de ‘sumaria’ e ‘ilegal’. Lourdes Reyzábal, presidenta de Fundación Raíces, unha das organizacións que fixeron pública a denuncia, mantén: “O que ocorreu é gravísimo. Unha vez máis, en España, prevalecen as políticas de estranxeiría frente ás leis de protección á infancia. De novo, os nosos gobernos incumpren o procedemento establecido pola lexislación española para a repatriación de menores estranxeiros”. Interior, preguntado polo xornal El País, sinala que a Garda Civil está a investigar os feitos.

Os dous menores chegaron a Ceuta en maio, entre as máis de 10.000 persoas que naqueles días cruzaron sen control a fronteira, e había meses que vivían na rúa. Eran parte do numeroso grupo de mozos que busca no porto de Ceuta a súa oportunidade para subir a un ferri que os leve á Península. Segundo a denuncia pública das ONGs, os dous rapaces e outro amigo estaban na auga tentando subir como pasaxeiros clandestinos nun barco de Transmediterránea cando unha lancha da Garda Civil os interceptou. Segundo as ONGs, os menores facilitaron os seus datos persoais e negáronse a voltar a Marrocos. Na entrevista non foron asistidos por ningún intérprete nin avogado; tamén non por un representante da área de menores da cidade, que exerce do seu tutor legal. A seguir, segundo a denuncia, os axentes leváronos á fronteira e, aínda coa roupa mollada, entregáronos aos xendarmes marroquinos do outro lado.

Os adolescentes agora expulsados pasaran polas naves do polígono do Tarajal, onde no inicio principio foron aloxados os menores en pésimas condicións. Máis tarde, foron hospedados nun polideportivo convertido en centro de acollemento. Alí estiveron até o 13 de agosto, cando comezaron a prepararse as expulsións que provocaron a fuga de decenas de rapaces. Naquel momento, de feito, calculábase que había acollidos uns 700 nenos, unha cifra que actualmente abeira os 400, sen que oficialmente se teñan dados explicacións do paradeiro do resto.

O caso destes dous mozos chegou ao xulgado porque neses días en que as autoridades comezaron a repatriar nenos sen seguiren o escrupuloso procedemento que dita a lei, as avogadas de Fundación Raíces e Coordinadora de Barrios viaxaron a Ceuta para cerciorarse do que acontecía na fronteira. As letradas acabaron asumindo a defensa de 80 menores e o pasado 16 de agosto solicitaron aos Xulgados de Ceuta a adopción de medidas cautelares en favor de 12 deles, entre os que estaban os dous expulsados. O xulgado do Contencioso-Administrativo 1 de Ceuta deulles a razón e ordenou que se suspendese a súa repatriación, unha resolución que foi confirmada por outro auto do 24 de agosto. “O procedemento xudicial segue o seu curso, e en tanto non existir unha resolución sobre o fondo da controversia, a medida cautelar segue en vigor e debe ser escrupulosamente respectada”, advirte Reyzábal.

Após coñecer a expulsión dos dous menores, Fundación Raíces e Coordinadora de Barrios dirixíronse no pasada sexta-feira ao Xulgado de Ceuta, ao Ministerio do Interior, á Área de Protección de Menores da cidade, ao Procuador de Menores de Ceuta, ao procurador de Sala Coordenador de Menores da Procuradoría Xeral do Estado e ao Defensor del Pueblo. Piden unha investigación e que se practiquen “as dilixencias necesarias” para o “inmediato” regreso dos menores a territorio español.

A denuncia transcende este caso concreto e advirte de que, segundo os testemuños doutros menores e das entidades que traballan no terreo, esta non sería unha expulsión isolada. “Nos últimos meses, puidéron producirse outras devolucións sen garantías de menores por diferentes membros de Corpos e Forzas de Seguranza do Estado en circunstancias similares”.