O Grupo de Traballo da ONU contra as Detencións Arbitrarias presentou na pasada sexta-feira o relatorio onde analisa casos en que se produciron vulneracións de dereitos humanos. O grupo expuxo o texto no Consello dos Dereitos Humanos.

seu nacions unides Ginebre Drets humans Acn                         Foto: ACN

 

O Reino de España evitou participar no debate, e fíxoo tendo en conta que no pasado mes de maio este grupo de traballo reclamou a liberdade inmediata de Oriol Junqueras, Jordi Sànchez e Jordi Cuixart. O grupo pedía unha indemnización para os presos e consideraba que a súa detención e encarceramento era unha vulneración dos dereitos fundamentais, especialmente o de liberdade de expresión.

Ademais, o grupo de traballo pediu realizar unha visita ao Reino de España despois de elaborar o relatorio deste 2019 onde se pedía a liberdade dos presos e aínda non recibiu resposta, tal como indica a listaxe de visitas a España sobre procedementos especiais do Consello de Dereitos Humanos.

No debate da pasada sexta-feira, os estados que foran incluídos no relatorio tiñan a oportunidade de tomar a palabra para agradecer ou criticar o documento e España non interveu. De feito, España pediu participar e no último momento retirouse.

O silencio de España chega despois de que a finais de xuño un representante español nun plenario do Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas protestase polo relatorio das detencións arbitrarias e asegurase que o órgao está “desacreditado”. “É unha campaña de desinformación e intoxicación”, dixo este representante español.

Ao acabar o debate sobre as detencións arbitrarias, o presidente do grupo que realizou o relatorio fixo un chamado aos países que non seguiron as recomendacións do seu texto para que o fagan.

Alba Solé

El Nacional