A aplicación excesiva do confinamento en solitario nos centros correccionais estadunidenses é alarmante, adverte o relator especial da ONU sobre tortura e afirma que este castigo deliberado de angustia mental pode ser considerado tortura psicolóxica.
© UNICEF/Roger LeMoyne [ARQUIVO]
“Durante anos, a miña relatoría expresou preocupación polo uso excesivo no mundo do confinamento en solitario, suxeito a ampla arbitrariedade”, subliñou na pasada sexta-feira o relator especial das Nacións Unidas sobre tortura, lembrando que o seu antecesor xa argumentara con probas que esas prácticas equivalen a tormento mental.
Os Estados Unidos aplican en exceso esa sanción nos seus cárceres e establecementos correccionais, sinalou Nils Melzer nun comunicado en que informou ter recibido recentemente denuncias acerca das prácticas do Departamento de Correccionais de Connecticut.
“Segundo parece, ese estado recorre rotineiramente a medidas represivas como o isolamento prolongado ou indefinido, o uso excesivo de restriccións nas celas e as frecuentes revistas corporais con nu integral innecesarias e intrusivas”, pormenorizou.
Política estatal
Meltzer sinalou que estes castigos parecen formar parte dunha política estatal cuxo obxectivo é inflixir un sofrimento agudo físico ou mental que pode ser considerado tortura.
Acrecentou que estas condicións inhumanas de detención son usadas rotineiramente nas instalacións correccionais dos Estados Unidos, nomeadamente nos casos de prisioneiros clasificados como de “alto risco” debido á súa pertenza previa a determinados grupos, a comportamentos anormais ou a condicións de saúde mental.
O especialista indicou que esas penas producen ou exacerban o sofrimento psicolóxico, sobretodo nos prisioneiros con traumas previos, con alteracións mentais ou con discapacidades psico-sociais.
“As consecuencias psicolóxicas e físicas graves e amiúde irreparábeis do confinamento en solitario e a exclusión social están ben documentadas e poden oscilar entre manifestacións progresivas e severas de ansiedade, estrés e depresión, até incapacidade cognitiva e tendencias suicidas”, alerltou, e insistiu en que este castigo deliberado de angustia mental pode ser considerado tortura psicolóxica.
Leis internacionais
Lembrou tamén que as leis internacionais prohiben o confinamento en solitario de persoas con discapacidades físicas ou mentais e citou as Regras Mandela, que en 2015, definiron o confinamento isolado como aquel que dura máis de 22 horas ou un día sin contacto humano.
Aliás, esa normativa estipula que este castigo só pode ser imposto en circunstancias excepcionais e que prolongalo alén de 15 días é tortura.
O especialista presenta hoxe o seu relatorio sobre tortura psicolóxica ao Consello dos Dereitos Humanos.
Os relatores especiais sobre o dereito á saúde, Dainius Puras, e sobre os dereitos das persoas con discapacidades, Catalaina Devanda, así como o Grupo de Traballo sobre detencións arbitrarias respaldaron o comunicado de Nils Melzer.
Investigación sobre o sistema prisional do estado de Connecticut
En 2019 a Clínica Lowenstein para os Dereitos Humanos, asociada á Universidade de Yale, solicitou unha investigación e denunciou as institucións prisionais do estado por “orquestraren sistemáticamente a tortura física e psicolóxica dos presos do Correccional Norte (o cárcere de máxima seguranza do estado) así como noutros presidios”.
Segundo declaracións dun mínimo de 15 prisioneiros, as autoridades da cadea recorreron asiduamente á imposición de isolamento indefinido “para castigaren e controlaren os presos”, sen atenderen calquera problema mental ou físico que estes pudesen padecer.
A clínica lembra que “as politicas do Departamento de Correccionais do estado autoriza o confinamento durante 23 horas ao día e denuncia que os gardas dos cárceres utilizan alxemas demasiado curtas para os presos poderen incorporarse e, por veces, os funcionarios apertan as alxemas con tanto forza que fan sangrar os pulsos e os nocellos dos prisioneiros. “As celas están conxeladas e manchadas de urina e feces”, lamenta a clínica.