A Federación Internacional de Dereitos Humanos (FIDH) e a Rede Euro mediterránea de Dereitos Humanos (EuroMedRights) publican hoxe un relatorio coas conclusións da observación levada a cabo polas dúas organizacións durante o xulgamento de líderes do 1 de outubro.

 

procés

 

A plataforma International Trial Watch facilitou a presenza de diferentes axentes internacionais -políticos, Premios Nobel, membros de organizacións que velan polo cumprimento dos Dereitos Humanos, etc.- que fixeron labores de orbaservación durante o xulgamento de líderes e activistas do procés.

Hoxe dúas das organizacións que enviaron observadoras e observadores, a Federación Internacional de Dereitos Humanos e a Rede Euromediterránea de Dereitos Humanos, publican un relatorio que contén as conclusións do seu estudo sobre o xulgamento a independentistas.

A continuación reproducimos o contido das principais conclusións:

París, Bruxelas, 9 de outubro de 2019

As nosas organizacións publican hoxe un relatorio de observación denunciando as irregularidades no xulgamento a nove políticos e dirixentes asociativos cataláns, celebrado en Madrid entre o 12 de febreiro e o 12 de xuño de 2019. Vulnerándose o principio de contradición, utilizando probas doutros procedementos inconclusos, apoiándose en testemuños estereotipados e, sen garantir o respecto dos dereitos de defensa, este xulgamento non ofrece, segundo os observadores, as garantías necesarias para ser cualificado como xusto.

Dominique Noguères, en calidade de vicepresidente da Liga Francesa de Dereitos Humanos, e Alexandre Faro, como avogado do Tribunal de Apelación de París, recibiron o mandato da FIDH (Federación Internacional dos Dereitos Humanos) e de EuroMed Rights (Rede Euromediterránea de Dereitos Humanos) de participar no labor de observación do xulgamento. Esta misión foi levada a cabo en colaboración coa plataforma International Trial Watch. Máis de 60 persoas do cinco continentes puideron asistir ao xulgamento como observadoras.

Os membros da FIDH e de EuroMed Rights estiveron presentes en dúas ocasións durante a primeira semana do xulgamento, do 12 ao 16 de febreiro e do 27 de maio ao 4 de xuño, xunto con outros observadores da Bélxica, a Italia, os Estados Unidos e docentes de dereito do estado español.

No relatorio presentado hoxe menciónanse varios puntos chave:

Os observadores constatan que, sob a aparencia dunha organización perfecta, falta o elemento esencial do xulgamento: o principio de contradición, que debería permitir a cada parte expresarse e pór á luz a verdade dos feitos alegados.

Os observadores cuestionan as condicións en que se realizaron as audiencias ás testemuñas. Pódese esperar que un oficial das forzas de seguranza diga algo que non sexa o que tivese dito o seu superior un día antes ante o Tribunal? Como resultado, durante as audiencias ás testemuñas, os mesmos discursos repetíronse a miúdo como declaracións estereotipadas, o que pon en dúbida a espontaneidade e a veracidade das declaracións.

A multiplicidade de procedementos en diferentes xurisdicións e a súa centralización tardía e incompleta ante o Tribunal Supremo constitúen, segundo os observadores, unha violación do dereito a un xuízo xusto. Apesar de varios destes procedementos non estaren fechados, algúns dos elementos destes foron utilizados durante o xulgamento. Os observadores cren que parte dos feitos da fiscalía baséanse nunha investigación que se centra en feitos anteriores e alleos aos do caso.

As condicións en que foron examinadas as probas, así como a presentación de filmes e/ou vídeos tamén deixan que desexar xa que só se realizaron nos últimos días do xulgamento, o que imposibilitou que se producise unha discusión ou un verdadeiro debate no interese do principio de contradición.

No que ao dereito de apelación se refere:

a) os observadores consideran que a calidade profesional dun xuíz non é un criterio pertinente capaz de compensar a falta dunha dobre instancia, o único que permite que outros maxistrados poidan reexaminar o caso.

b) presenza xunto da acusación dun partido político (VOX) que non foi vítima de nada e que sostén teses opostas ás dos acusados.

Portanto, os observadores consideran que non se cumpren as condicións para un xulgamento xusto debido á ausencia de debate contraditorio, ás múltiplas e repetidas violacións dos dereitos da defensa, á multiplicidade de procedementos e á utilización de documentos doutras investigacións inconclusas dos que a defensa non fora informada.

Contexto:

Seguindo os acontecementos que tiveron lugar ao longo de 2017 en Cataluña e que conduciron ao referendo do 1 de outubro e á proclamación da independencia, que foi suspendida inmediatamente, nove figuras políticas e asociativas foron encarceradas, algunhas delas desde outubro de 2017 e outras desde marzo de 2018.

Trátase dos presidentes das dúas asociacións cívicas máis importantes de Cataluña: Jordi Cuixart de Omnium e Jordi Sánchez da Asemblea Nacional Catalá, así como da presidenta do Parlamento de Cataluña, Carme Forcadell, o vicepresidente da Generalitat, Oriol Junqueras, e os conselleiros Joaquim Forn, Jordi Turull, Raul Romeva, Josep Rull e Dolors Bassa. A acusacion é de violencia, sedición e malversación de fondos.

Beatriz Talegón

Diario16