Organizacións sociais, políticas e culturais como BNG, CIG, A Mesa pola Normalización Lingüística, Mar de Lumes, Ergeur, Galiza Nova, Esculca, Fruga, Sindicato Labrego Galego, Marcha Mundial das Mulleres, Adega, Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, Vía Galega, Con Lupa (Asociación cidadá contra a letra pequena) ou a Plataforma Galega contra a OTAN presentaron esta mañá un manifesto conxunto “Pola defensa dos dereitos democráticos e das liberdades públicas. Non ao delito de desordes públicas agravadas”.
Segundo a súa análise a derrogación do delito de sedición propón a eliminación da persecución penal de condutas “con pouco encaixe na realidade social actual” ao tempo que “endurece a regulación dos delitos de desordes públicas, colidindo cos dereitos fundamentais de participación política”.
Sedición
Desde unha posición antipunitivista “a eliminación do delito de sedición non ofrece dúbidas”, afirman colectivos e entidades no seu manifesto, na medida en que representa “unha penalidade desproporcionada”.
Neste sentido advirten dun “risco permanente de que moitas condutas susceptíbeis de se manifestaren nunha protesta, non necesariamente violentas, sexan cualificadas como sedición, nomeadamente cando as accións de desobediencia teñen elevado seguimento popular”, polo que aplauden a reforma do Código Penal para a súa derrogación.
Desordes públicas agravadas
Con todo, rexeitan o aproveitamento que fan desta revisión PSOE e Unidas Podemos desde o Goberno estatal para introducir “un tipo agravado absolutamente innecesario, que torna delituosas (coa posibilidade de sancionar con maior pena) condutas que deberían entenderse comprendidas fundamentalmente dentro do dereito de manifestación”.
O manifesto advirte da dureza actual da regulación de desordes publicas, que mantén penas de seis meses a tres anos de prisión para quen as cometa.
“Por se non for suficiente, agora a regulación complétase cun precepto que penaliza formas frecuentes de protesta pacífica ou desobediencia civil, tales como ‘invadir ou ocupar’ locais ou espazos públicos ou privados -despachos, oficinas, edificios-, mesmo que for sen violencia nin intimidación, ou que ‘causen unha perturbación relevante para a paz pública e a súa actividade normal'”.
A protesta pacífica, en risco
Desta forma, aseguran que as formas habituais de protesta social e política son “criminalizadas e poden ser sancionadas penalmente”, mais, precisan, “tendo en conta o maioritario comportamento pouco democrático da xudicatura do Estado español”.
Accións de protesta tradicionais, cívicas e pacíficas como ocupacións, encadeamentos ou cortes de vías públicas poden verse sancionadas agora con máis dureza, destacan.
Intimidación
Desde o punto de vista da defensa dos dereitos democráticos e das liberdades públicas, as entidades asinantes poñen o foco no concepto de ‘intimidación’, “altamente subxectivo”, o que posibilita “unha maior incriminación, dependendo da credibilidade que dea o xuíz ou xuíza a quen presenta a denuncia”.
De ser a policía, poñen como exemplo no seu manifesto, “a presunción de veracidade desta actúa en contra da persoa denunciada”.
Abuso de termos xurídicos indeterminados
A reforma que introduce o Goberno do Estado substitúe, ademais, o termo ‘alzamento tumultuario’ da antiga sedición por ‘multitude’, outro elemento normativo de difícil concreción, ao igual que no caso da intimidación.
A esta lista aínda engaden outros como ‘paz pública’ ou calquera feito que ‘ocasione perigo para a vida ou a saúde das persoas’, cuxa interpretación din, vai depender “do que recolla o atestado policial e da interpretación das forzas de seguridade do Estado”.
O abuso destes conceptos xurídicos indeterminados “vai en detrimento do principio de legalidade e posibilita a arbitrariedade na criminalización de accións que forman parte do dereito de protesta, de accións habituais que sempre foron empregadas para conquistar dereitos sociais, políticos e laborais”.
Rexeitamento e mobilización
Conclúe o manifesto cunha censura directa a unha revisión da norma esconde na derrogación do delito de sedición un novo marco normativo de endurecemento do delito de desordes públicas, “que previsibelmente funcionará para coartar dereitos fundamentais como o de manifestación ou o de participación política” ademais de para ampliar e estender a represión contra calquera actuación de disidencia política ou de malestar e protesta social.
“É unha norma regresiva que debe ser rexeitada no que vaia alén da mera derrogación do delito de sedición”, finalizan, polo que chaman a participar nas concentracións convocadas o 14 de decembro, ás 19.30 horas, nas sete cidades diante das subdelegacións do Goberno na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra; en Ferrol, na praza Amada García; en Vigo diante do Marco e en Compostela na praza Roxa.