mossos policia nacional gemma liñan 2

 

Un dos autores do atentado do 17 de agosto de 2017 en Barcelona, Yousef Aalla, tiña no seu telemóvel información sobre como fabricar explosivos. No teléfono de Aalla atopouse “un documento do Ministerio do Interior en que se describe cales son as substancias para facer o triperóxido de acetona (TATP) e explícase onde achalas”, segundo indica a análise dos Mossos que consta no sumario ao que tivo acceso o xornal El Periódico.

O teléfono permitiu tamén descubrir que a célula manexaba a copia dunha orde interna do Ministerio do Interior intitulada “Recomendacións en intervencións con persoas de orixe árabe”. Esta copia correspondía á Brigada Provincial de Información (encarregada da loita antiterrorista) da Xefatura Superior de Andalucía Occidental.

Segundo El Periódico, o sumario dos Mossos asegura que esta copia é un manual de oito puntos que Aalla recibiu “probabelmente através dalgunha aplicación de mensaxería instantánea como whatsapp”.

A análise dos Mossos explica que o oitavo punto da copia indica que se se realizan inspeccións a sospeitosos de orixe árabe, pode buscarse se levan precursores necesarios para fabricar TATP e sinálase textualmente onde se poden comprar os componentes. O sumario da policía catalá subliña que este explosivo “foi o que finalmente decidiron fabricar os terroristas para perpetraren os atentados que se propuñan inicialmente”.

Grazas á análise do teléfono de Aalla, que non se utilizaba desde 2016, os Mossos puideron descubrir que a radicalización da célula yihadista comezou en marzo de 2015. Nestas datas, cinco dos membros estaban nun grupo de Whatsapp onde partillaron o vídeo do atentado á revista francesa Charlie Hebdo.

No celular doutro dos yihadistas, Moussa Oukabir, había un segundo documento do ministerio do Interior e a loita antiterrorista. Trátase dunha orde de servizo da comisaría de San Blas (Madrid), que se intitula “Risco de atentado inminente (islamita)”.

El Nacional