O 26 de agosto os squats de Spirou Trikoupi 17, Transito 15 e Gare, eran brutalmente evacuados. Tomaba corpo a promesa de Kyriakos Mitsotakis de “limpar” o barrio de Exarchia, refuxio para migrantes e solicitantes de asilo.

 

Resultado de imaxes para Exarchia

 

A solidariedade está en crise. Non porque non a haxa, senón porque parece que hai outra forza maior cuxo propósito é eliminala. A Europa do desenvolvemento, os dereitos humanos, a tolerancia e o respecto, está corrompida. As dereitas europeas máis radicais brotan en todos os países e apóianse entre si para que nada as free. O odio contra as mulleres, contra as persoas pobres, contra as migrantes, contras as racializadas, contra quen se organiza fóra do sistema xa non necesita sequera ser xustificado

ONGs como Open Arms enfróntanse a multas indecentes, os ruxe-ruxe divulgados sobre migrantes alentan o medo e o rexeitamento, Europa négase obstinadamente a acoller persoas que chegan de fóra, separa as que son uteis das que non o son, politiza os resgates, externaliza fronteiras pagando a gobernos que escravizan, violan e matan seres humanos. Os países da UE fronteirizos son obrigados, segundo o Convenio de Dublín III, a xestionar as peticións de asilo de todas as persoas que chegan a Europa, sen medios nin recursos suficientes, o que aumenta o malestar entre as recentemente chegadas e o rexeitamento entre as autóctonas. Polo menos así acontece en Grecia, onde todo isto, sumado a un novo goberno conservador, fai tremer os movementos sociais, anticapitalistas, antirracistas e autoorganizados que resisten como poden.

EXARCHIA EN ESTADO DE ALERTA
En pleno centro de Atenas, no bairro de Exarchia -referente de movementos anarquistas en todo o mundo-, existen decenas de edificios ocupados, moitos deles son o lar de centenares de persoas migrantes e refuxiadas que ficaron atrapadas en Grecia debido ao Regulamento Dublin III. Nestes predios, persoas de todas as idades e diferentes nacionalidades que ficaron fóra dos sistemas de protección gobernamentais crearon comunidades baseadas na autoxestión e o traballo cooperativo para sobrevivir e desenvolverse. Nenos e nenas crecen entre asembleas semanais, entre culturas e idiomas diferentes, sob as normas do respecto e a convivencia pacífica. Persoas europeas colaboramos desde a horizontalidade, traballando con eles e elas, achegando o que está nas nosas mans para mantermos eses microuniversos á marxe do sistema.

 

Resultado de imaxes para Exarchia

 

A principios de xullo, o partido conservador Nova Democracia gañaba as eleccións no país heleno. O seu líder, Kyriakos Mitsotakis, propúñase, entre outras reformas para endurecer as condicións de persoas migrantes e refuxiadas, “limpar” o bairro de Exarchia. Non pasaron nin dous meses e o bairro xa está a sufrir ataques e despexos. As activistas que alí residen denuncian que o propio goberno esnaquiza o bairro e despois toma fotos para xustificar as intervencións. Na pasada segunda-feira, 26 de agosto, pola mañá, os squats de Spirou Trikoupi 17, Transito 15 e Gare, eran brutalmente evacuados.

Sobre as 5:00h a.m. a policía entraba en Trikoupi rompendo as portas do squat. As persoas da equipa de seguranza que vixiaban a entrada esa noite non puideron facer nada contra a enxurrada de policías armados que subían piso por piso. En tanto ían subindo, ordenaban a berros que todo o mundo saíse dos cuartos. “Unha das mulleres que se encarregaba da seguranza comezou a tremer e non podía moverse”, explicaba un afgán que viviu o despexo, e engadía: “Tiñan pistolas nas mans e parecía que estivesen a arrestar criminais”. Comezaron a esnaquizar obxectos e mobilia, a tratar a xente con violencia, ao punto de empurraren unha nena e lle partiren un dente. Reuniron toda a xente na zona común, separaron homes e mulleres sen familia dos grupos familiares e sobre as 8:15h leváronos en bus á comisaría de Petrou Rali.

 

Ao medio día, cada persoa recibía un prato de pasta para comer, mais se querían auga tiñan que pagar 50 céntimos

 

A conciencia social que desenvolven as persoas refuxiadas que habitan os squats supera a de moitas persoas europeas que viaxan como voluntarias a colaborar en Atenas. A capacidade crítica, a raiba contra as inxustizas que as atravesan, o empoderamento do que son partícipes en comunidade, non ten medida. Outro compañeiro, tamén afgán, que non foi detido explicaba “é o momento que esperábamos, necesitamos axudalas, temos que mostrarlles o fortes que somos, a non ser así todo o que fixemos será en balde”. Nun contexto como este, non hai diferenza entre refuxiadas e activistas, todas o somos e todas actuamos unidas.

Após tres horas na comisaría, ao redor de 140 persoas desaloxadas seguían na sala de espera sen recibiren ningún tipo de información. Nun momento dado, a policía comezaba a comprobar a documentación de todas e a anotar os seus datos, mais despois diso, todo o mundo seguía no mesmo lugar sen noticias.

Convocouse unha concentración de urxencia en Notase, outro squat do bairro, para manifestar o rexeitamento da represión policial
Ao medio día, cada persoa recibía un prato de pasta para comer, mais se querían auga tiñan que pagar 50 céntimos. Pasaban as horas e as crianzas comezaban a estar cansas, famentas, sedentas, sen espazo nin intimidade para durmir. Ninguén sabía que agardaban, por que estaban alí, até cando nin que ía acontecer. Ningunha persoa externa podía acceder a esa sala de espera, nin sequera para levarlles alimentos, auga ou roupa. Ás 22h, as persoas documentadas foron levadas a un aloxamento temporal nos arredores da cidade, sen comida nin auga, onde tampouco podía acceder ningunha persoa externa; en tanto as non documentadas foron directamente detidas.

 

Resultado de imaxes para Exarchia

Os MOVEMENTOS SOCIAIS NON DESCANSAN
A colaboración e a resposta social é tan instantánea, que mesmo algunhas das persoas sen documentación foron escondidas no momento do desaloxo e conseguiron saír. O sentimento de unidade entre persoas tan diversas non podería xerarse sen a existencia dos squats e movementos de solidariedade de Atenas.
En canto as preto de 140 persoas eran retidas como delincuentes na comisaría, o resto de activistas comezou a coordenarse. A principal tarefa: informar. Organizaouse unha rede de solidariedade internacional para que nada do que aconece en Atenas e en Exarchia sexa silenciado. Varias publicacións de Facebook do squat Spirou Trikoupi 17 sobre o despexo foron eliminadas, mais as compañeiras volveron publicalas unha e outra vez. Convocouse unha concentración de urxencia en Notase, outro squat do bairro, para manifestar o rexeitamento en contra da represión policial, as mentiras, a violencia e os desaloxos.

 

Diferentes grupos e casas ocupas de Atenas reuníronse durante horas, dando forma a un novo colectivo máis global, para debater o modus operandi diante dunha grande arremetida

 

Contodo, as accións levaban moito tempo preparándose. Kyriakos Mitsotakis prometeu aos seus votantes que antes de acabar a súa lexislatura, tomaría un café na praza de Exarchia. Con esa simpleza, o líder de Nova Democracia desafiaba todo un bairro antiautoritario e quen colaboraba en convertelo nun fito internacional. Con esas palabras burlábase das revoltas estudantís que iniciaron a resistencia antifascista en 1973 contra a ditadura da Xunta dos Coroneis, e tamén do mozo Alexandros Grigoropoulos, asasinado por un policía en 2008. Unha amostra de poder, autoridade e prepotencia que foi suficiente para que os movementos anarquistas comezasen a prepararse.

O goberno anunciou á prensa un programa para despexar en 15 días un total de 23 ocupas en Exarchia, 12 dos cales albergaban persoas refuxiadas e inmigrantes e outros 11, colectivos anarquistas. Entón, diferentes grupos e casas ocupas de Atenas reuníronse durante horas, dando forma a un novo colectivo máis global, para debater o modus operandi dunha grande arremetida. Puxéronse sobre a mesa todo tipo de escenarios, tantos que era imposíbel preparase para todos. Por sorte, Exarchia sempre estivo lista para resistir, mais a colaboración internacional é fundamental.

“NON PODEN DESPEXAR UN MOVEMENTO”
Os movementos anarquistas xa están conectados no ámbito internacional, coordenando a axuda necesaria para evitar que Exarchia deixe de ser o epicentro revolucionario. Ademais, persoas que, sen formaren parte de colectivos tan organizados, queren dar unha axuda, tamén se mobilizan para denunciar os ataques ao bairro, demostrando que os e as compañeiras que están alí, non están soas, e que, como gritan as súas consignas “somos semente” e “non poden despexar un movemento”.

En menos de 24h desde que comezaron os desaloxos, activistas que colaboramos alí durante moito tempo, persoas refuxiadas que pasaron por Atenas e que actualmente residen noutros países europeos, centros sociais e colectivos de diferentes partes do mundo falábamos e mantíñamonos a par das novidades para poder contalo, sempre en concordancia co que as compañeiras de Atenas transmitían e pedían.

Comezaba dicindo que a solidariedade está en crise, non porque non a haxa, senón porque parece que hai outra forza maior encarregada de eliminala. Contodo, a resiliencia tamén se aplica ás accións solidarias. A cooperación e a loita social é esgotadora pois require moito tempo para a planificación, tomada de decisións, división de tarefas, etc. mais traballar en equipa ten a vantaxe de permitir quendas de descanso moi necesarias que fagan que a forza non se debilite. O autocuidado en movementos tan amplos é indispensábel.

En Atenas comezou unha batalla, do mesmo xeito que no Mediterráneo, no Amazonas, en México, en Arxentina, e do mesmo xeito que levan librando durante anos na Palestina, na Siria ou no Iemen, entre outras moitas zonas de conflito. Contodo, alá onde houber violencia e represión, haberá resistencia e movementos que traten de frealas.

Ultimamente, en occidente, as ideoloxías machistas, racistas, xenófobas… fascistas, en resumo, parecen estar a gañar forza e as disidencias están a ser cada vez máis castigadas. Por esta razón, é necesario visibilizarmos as resistencias, as accións comunitarias, cooperativas e solidarias que se manteñen vivas, así como colaborarmos na medida do posíbel con elas. Como afirman as compañeiras de Atenas: “Non pasarán!”

El Salto Diario