No final de xaneiro do ano pasado saltou ás noticias que a Audiencia Nacional citara tres persoas (entre elas a exdiputada de Esquerda Unida, Nines Mestre) para declararen como investigadas por un delito de financiamento do terrorismo, un ilícito que está castigado con penas de prisión que oscilan entre un e cinco anos. Son acusadas concretamente de financiar a frente Popular para a Liberación de Palestina através de recollas de fondos para o pobo palestino organizadas pola organización Rede Vermella.

 

 

A denuncia foi interposta por unha cidadá norteamericana membro de Lawfare Project Spain, unha rede de profesionais que defenden «os dereitos civís e humanos do pobo xudeu», e pola Asociación Cultural Xudía de Eivissa. Os fondos que arrecadaran foron destinados a enviar axuda humanitaria a Palestina após os terribeis ataques de Israel sobre Gaza en 2014 e 2015 e foron entregadas á coñecida activista Leila Khaled,  ‘a Che Guevara de Palestina’.

Unha das últimas veces que Leila Khaled viaxou ao Estado español foi en maio de 2017 para dar unha palestra en Barcelona, mais non foi fácil. Nesta ocasión, a liga Internacional contra o Racismo e o Antisemitismo e a B’nal B’rith Nahmanides presentaron unha denuncia contra o Concello de Barcelona pola súa “conivencia coa propaganda terrorista” ao financiaren o acto en que participaba Leila Khaled e pediu á Audiencia Nacional que prohibise a militante palestina entrar no Reino de España. A xuíza Lamela decidiu permitir a entrada a Leila Khaled, sen prexuízo de “a Policía poder intervir caso houber indicios de que se cometa algún delito”, o que non aconteceu.

A interposición de denuncias por organizacións pro-israelitas contra colectivos pro-palestinos non é unha estratexia en absoluto nova, mais sen dúbida ultimamente van en aumento. Talvez debido ao feito de no ano pasado o certame de Eurovisión ter sido celebrado en Israel, o cal propiciou unha reabertura do debate sobre a súa posición na orde mundial e iniciou algunhas campañas de boicote contra o pinkwashing (é unha expresión que significa realizar unha lavado de cara cunha imaxe favorábel a colectivos LGTBiQ; é unha estratexia coidadosamente seguida polo Estado israelita desde hai décadas, convertendo Tel Aviv na meca gai indiscutíbel do Mediterráneo Oriental).

 

 

Nada disto é unha cuestión menor, pois Eurovisión é o festival musical máis visto do mundo (seguido por máis de 200 millóns de persoas que, por algunha razón que nos escapa, non teñen nada mellor que facer un sábado pola noite) e o escaparate perfecto para dar unha imaxe promocional do país anfitrión (España fíxoo durante a Transición), mais tamén para iniciar unha campaña crítica con ese Estado.

Por iso, os esforzos pro-israelitas por silenciar as voces críticas duplican os seus esforzos. E non fan economías: segundo publicaba Vicent Almela nun artigo do medio catalán La Directa, “os grupos de presión pro-sionistas destinan millóns de dólares a campañas para desprestixiar os activistas pro-palestinos, relacionando as súas accións con inclinacións antisemitas”.

En xuño de 2018, por exemplo, a Comisión de Dereitos Humanos do Parlamento autonómico valenciano aprobou unha proposición non de lei de condena ás agresións e violacións dos dereitos humanos contra os palestinos nos territorios ocupados de Gaza e a Cisxordania polo Estado de Israel. O texto, que lembraba os sucesos ocorridos en marzo, cando máis de 100 persoas perderon a vida na Faixa de Gaza nos confrontos co exército israelita, saíu adiante. Pouco despois, decenas de Concellos en todo o Estado aprobaron mocións, deseñadas polo movemento BDS (o movemento BDS, inspirado na loita contra o Apartheid en África do Sur durante os 80 e 90 do pasado século, promove o boicote, os desinvestimentos e as sancións ao Estado de Israel como fórmula para acabar coa ocupación da Cisxordania, Xerusalén Leste e o asedio a Faixa de Gaza, lograr o retorno dos 7,5 millóns de persoas refuxiadas palestinas que non poden volver á súa terra e obter o recoñecemento da igualdade da cidadanía árabe-palestina dentro de Israel), declarando as súas localidades como ‘espazos libres do Apartheid israelita’.

En todos estes casos a asociación Acción e Comunicación sobre Oriente Medio (ACOM) interpuxo demandas contencioso-administrativas contra estas mocións. A ACOM é apoiada por profesionais e empresarios xudeus en que participan investidores como David Hatchwell, presidente da Comunidade Xudaica de Madrid e magnate do capital hebreu no Reino de España.

 

Cartaz publicitario da ACOM relacionando antisionismo con antisemitismo

 

A ACOM converteu a batalla contra as mocións de BDS no eixo da súa actividade e, cando a vía contenciosa-administrativa non logra os seus obxectivos, nalgúns casos non dubida en recorrer ao dereito Penal, como fixo cando interpuxo unha querela contra o alcalde de Tavernes da Valldigna e outros once concelleiros por prevaricación despois de decidiren ir para a frente co texto do movemento BDS.

Mais talvez o caso máis alarmante dos nosos tempos recentes sexa o da querela contra oito activistas que promoveron a defensa dos dereitos humanos na Palestina, no cadro do festival Rototom en 2015, cando pediron por redes sociais o boicote ao cantante sionista Matisyahu. E é precisamente no delito que lles atribúen onde achamos a maior causa de indignación: impútanlles un delito de odio, concretamente de antisemitismo, penado con penas de até catro anos de prisión. Quen defende os dereitos humanos e avoga por acabar coa discriminación e o sufrimento de millóns de persoas é quen se acusa de incitar ao odio.

O opresor está a disfárzase de vítima e criminaliza o oprimido. Parafraseando Malcolm X, se non estamos prevenidas, corremos o risco de crer o seu discurso.

Todo por hacer