Teñen algunha dúbida os maxistrados do Tribunal Constitucional que rexeitaron os recursos dos Jordis de que as súas sentenzas serán anuladas polo Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos?

 

El presidente de Omnium Cultural, Jordi Cuixart, y el secretario general de Junts, Jordi Sànchez, en el Palau de la Generalitat.

 

Teñen algunha dúbida o sete maxistrados do Tribunal Constitucional (TC) que aprobaron as sentenzas polas que rexeitaron os recursos de amparo interpostos polos ‘Jordis’ contra a sentenza do Tribunal Supremo (TS) que os condenou por delito de sedición de que esas sentenzas serán anuladas polo Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos (TEDH)? Pensan de verdade no seu foro interno que o TEDH poderá facer súa a interpretación que fan do exercicio “desviado” do dereito de reunión por parte dos ‘Jordis’, que permite que se faga uso do proceso penal para a sanción de tal exercicio desviado e, alén diso, cunha notábel intensidade, xa que se lles impón unha pena privativa de liberdade de nove anos e medio e unha inhabilitación absoluta tamén por esa extensión temporal?

Coñecendo como coñecen a doutrina do TEDH sobre o contido e alcance do dereito de reunión, como lles pode pasar pola cabeza que o TEDH vai facer súa a doutrina que establecen nas sentenzas que resolven os recursos de amparo interpostos polos ‘Jordis’?

A doutrina do TEDH sobre o dereito de reunión foi construída en grande medida como reacción frente á tendencia desenvolvida en sociedades iliberais de abusar do sistema penal na represión de condutas que se desenvolven no ámbito deste dereito fundamental. A enumeración dos Estados que foron condenados por este uso abusivo do dereito penal fronte ao exercicio do dereito de reunión fala por si soa.

Rusia, Turquía, Hungría, Lituania, Xeorxia. Estes son os Estados cuxos tribunais tiveron que ser desautorizados repetidamente polo TEDH por facer unha interpretación do contido e alcance do dereito de reunión incompatíbel cunha sociedade democrática digna de tal nome.

Esta foi a razón pola que o Tribunal Supremo de Schleswig-Holstein decidiu non aceptar a extradición solicitada polo xuíz Pablo Llarena mediante a expedición dun mandado de prisión e entrega. Coa fundamentación xurídica da orde ditada polo xuíz español sería imposíbel o exercicio do dereito de reunión, co que que o Estado de Dereito ficaría mutilado de forma que resultaría irrecoñecíbel. É da propia lectura do mandado de prisión e entrega que decorre a imposibilidade de atendelo nos termos en que está formulado. Por iso é polo que o tribunal alemán rexeitou a extradición para que Carles Puigdemont fose xulgado polos delitos de rebelión e sedición, mais si o concedeu para que fose investigada a súa conduta por un posíbel delito de malversación.

Con esta posición do tribunal alemán coinciden os dous maxistrados que formulan un voto particular, Juan Antonio Xiol Ríos e María Luisa Balaguer. A coincidencia da maioría dos maxistrados do TC coa doutrina establecida pola Sala Segunda do TS por unanimidade acerca do exercicio desviado do dereito fundamental de reunión por parte dos ‘Jordis’, que permite subsumir a súa conduta dos días 20 de setembro e 1 de outubro sob o tipo do delito de sedición, din os maxistrados Xiol e Balaguer, ten as seguinte consecuencias:

1ª. Un devastador efecto de desalento para o exercicio do dereito de reunión.

2ª. Unha ameaza certa de empobrecer a nosa democracia.

3ª. Un aliñamento de España con sociedades disciplinadas polo abuso do sistema penal na represión de condutas que se desenvolven no ámbito dos dereitos fundamentais.

4ª. Un afastamento dunha interpretación e aplicación progresiva daqueles dereitos que posibilitan a normal participación da cidadanía nas democracias plenas.

Por todo iso, ambos os maxistrados consideran que o TC debeu estimar o recurso de amparo interposto polos ‘Jordis’.

Nun artigo anterior afirmei que o TC corría o risco de se viraren contra el as sentenzas sobre os recursos de amparo contra a decisión do TS de condenar os ex-membros do Govern e da Mesa do Parlament así como os ‘Jordis’ como autores dun delito de sedición.

Non tiña a menor esperanza de que a maioría dos maxistrados fosen actuar de maneira diferente a como o fixeron. Mesmo sabendo que con iso sitúan a administración de xustiza española no degrao en que están as de Rusia, Turquía, Lituania ou Xeorxia. E que recibirán do TEDH a desautorización que recibiron as deses países.

Javier Pérez Royo

eldiario.es