Agustín Muñoz-Grandes, neto do líder da División Azul, é o CEO da principal empresa española no campo da ciber-seguranza que asinou un contrato de 1,5 millóns de euros coa Generalitat de Catalunya para fornecer un software aos Mossos que, supostamente, servirá para os axudar a “combater o terrorismo de pendor jihadista”.

 

Na esquerda Agustín Muñoz Grandes, militar á frente da División Azul; na dereita o seu neto, Agustín Muñoz-Grandes, Ceo de S21sec / ARXIU

 

O Centro de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (CTTI) da Generalitat de Catalunya investiu case 1,5 millóns de euros na adquisición dun software para a Comisaría Xeral de Información do Corpo dos Mossos d’Esquadra “baseado na intelixencia aartificial” que permite “levar a cabo estratexias de busca de ameazas na internet centradas en combater o terrorismo de tendencia jihadistas con moita máis capacidade e profundidade”, segundo os datos do contrato público, asinado no pasado mes de xullo, tramitado de emerxencia “por motivos de seguranza nacional” e adxudicado mediante negociación sen publicidade.

En concreto trátase das plataforma Voyager Analytics e Voyager Check -creadas pola firma israelita Voyager Labs-, que forman un sistema que, segundo os Mossos d’Esquadra, “ha de posibilitar a busca exhaustiva de entidades concretas na internet (identidades, aliás, contas de correo, teléfono, etc.) e facilitar a súa análise para poder establecer relacións de interese entre as entidades e aumentar así as capacidades de xerazón de intelixencia, de investigación e de busca de evidencias relativas a feitos delituosos de pendor terrorista jihadista”.

 

Embora os Mossos d’Esquadra aseguran que este tipo de programa será utilizado na loita contra o jihadismo, o certo é que o fabricante non especifica este uso na descrición do produto

 

Embora os Mossos d’Esquadra aseguran que este tipo de programa será utilizado na loita contra o jihadismo, o certo é que o fabricante non especifica este uso na descrición do produto. De feito, no caso de VoyagerCheck, a compañía afirma que poden “ser axustados os criterios de busca, os límites e as fontes de dados segundo casos de uso específicos, a perspectiva e os requisitos da misión” e que poderían axudar a reunir información de outros grupos ou movementos sociais. Unha práctica que xa é coñecida por casos anteriores, como o da trama de suplantacións dixitais desvendada pola Directa.

O contrato, por un montante de 1.481.785 € foi asinado polo CTTI e S21sec, unha das empresas pioneiras do sector da ciber-seguranza e unha das máis importantes do Estado español. Fundada no ano 2000 polo enxeñeiro vasco Xabier Mitxelena en Donosti, desde o ano 2016 o CEO -director executivo- e home forte da compañía é Agustín Muñoz-Grandes Lopez de Lamadrid.

Conexións co franquismo

O CEO  da empresa concesionaria da Generalitat para loitar contra a “ameaza jihadista” ten vínculos familiares directos co franquismo. O seu avó paterno, Agustín Múñoz Grandes -sen trazo de unión- foi o militar á frente da División Azul, un grupo de voluntarios españois enviados a loitar con Hitler contra os rusos durante a segunda guerra mundial. O militar chegou a ser condecorado polo Führer polos servizos prestados contra a Unión Soviética. Á súa volta, Muñoz Grandes continuou a carreira dentro do réxime e chegou a ser Ministro do Exército entre os anos 1951 e 1957, xefe do estado Maior entre 1958 e 1970 e vice-presidente do goberno franquista entre os anos 1961 e 1967.

 

Agustín Muñoz-Grandes Galilea chegou a ser tenente xeral do exército español e axudante militar do emérito rei Juan Carlos I durante a transición

 

O espírito castrense continuou nos herdeiros. Agustín Muñoz-Grandes Galilea -o primeiro Muñoz-Grandes que utilizou o trazo, fillo do líder da División Azul e pai do empresario que nos ocupa- chegou a ser tenente xeral do exército español e axudante militar do emérito rei Juan Carlos I durante a transición. Antes, en 1965, casou con María Eugenia López de Lamadrid y Strústegui, filla do Marqués de Lamadrid, con quen tivo tres fillos, entre eles o CEO de S21sec. No ano 2016, cando o Concello de Madrid dirixido por Manuela Carmena decidiu retirar as honras á División Azul, María Eugenia López de Lamadrid escribiu unha carta pública dirixida á alcaldesa en que salientaba do seu sogro que “ficou clara a súa misión de loitar exclusivamente contra o comunismo” e pedía á alcaldesa “respecto e esforzo para fechar feridas e desterrar o revanchismo”.

“Ao jihadismo hai que o combater coas armas”, declaraba pola súa parte Muñoz-Grandes Galilea, o seu marido e pai do empresario, nunha entrevista publicada no ano 2015. E apostilaba: “vexo Occidente bloqueado e pasivo diante da barbarie desa xente”. O seu fillo, líder de S21sec. é seguidor dos impulsos anti-jihadistas do pai: através da súa empresa comercializa software que, supostamente, axuda a combater o jihadismo e que é desenvolvido por unha empresa de orixe israelita.


Intelixencia artificial israelita

Fundada no ano 2012 no Estado de Israel, Voyager Labs foi considerada unha empresa emerxente centrada no traballo de Intelixencia Artificial (IA). Fundada e dirixida por Avi Korenblum, no ano 2016 anunciou ter conseguido 100 millóns de dólares de investimentos. Na actualidade ten oficinas en Nova York, Washington e Singapur e un centro de desenvolvemento no Estado de Israel.

Mediante o contrato asinado no pasado mes de xullo, a Comisaría Xeral de Información do Corpo de Mossos d’Esquadra controlará durante un ano dous tipos de software desenvolvidos por Voyager Labs: o VoyagerAnalytics e o VoyagerCheck. Segundo a información da empresa: “VoyagerAnalytics aproveita os datos non estruturados disponibeis publicamente para revelar información profunda e activa sobre obxectivos, grupos e temas e a complicada interacción entre eles”. Todo, mediante “o aprendizado automático, a comprensión da linguaxe natural e a análise aumentada”, que axudan a comprimir semanas de minuciosa recompilación e análise de datos en minutos, segundo a compañía. “Axude a súa equipa a centrar-se no que importa, adicione unha nova camada de datos case en tempo real e revele información a que antes non podía chegar”, reza o seu anuncio.

VoyagerCheck é o outro dos softwares adquiridos polos Mossos. Este pon en práctica “algoritmos pioneiros de aprendizado profundo (deep learning), aprendizado automático e procesamento da linguaxe natural (NLP, polas súas siglas en inglés)” para profesionais da seguranza. Segundo a compañía, “ao entender os padróns de comportamento de millares de millóns de datos, esta solución de avaliación rápida pode responder a preguntas predefinidas cunha precisión notábel”. A plataforma permite aos usuarios realizaren volumes extremamente altos de avaliacións diarias, sen a precisión ao longo do tempo ficar comprometida, tal como explican membros da VoyagerLabs. “A plataforma pode se utilizada, por exemplo, para avaliar o risco ou determinar a filiación xeográfica, axudando as organizacións a tomar decisións máis informadas a escala”, conclúen.

MATIES LORENTE

Directa