O roubo e comercialización dun enorme banco de datos policial con rexistros moi detallados de máis de mil millóns de cidadáns chineses pon de manifesto a fraqueza intrínseca dos réximes baseados na vixilancia dos seus cidadáns: se vas dedicarte a espiar masiva e sistematicamente todos os teus cidadáns, vas ter non só que desenvolver protocolos de ciberseguranza a proba de bomba, mais tamén pagar moi ben a todos os funcionarios dedicados á súa xestión e custodia.

 

IMAGE: Lianhao Qu - Unsplash             IMAGE: Lianhao Qu – Unsplash

 

No caso da China, ningunha das dúas cousas parece estar ben garantida. Por unha parte, a ciberseguranza do réxime parece estar a un nivel aproximadamente similar ao da grande maioría de gobernos do mundo. Por outro, existe unha grande abundancia de funcionarios públicos mal pagos en todos os niveis que poden ser facilmente tentados para conseguiren acceso a eses bancos de datos.

Como reaccionou o goberno chinés ante a noticia de que calquer persoa disposta a pagar dez bitcoins pode apoderarse dun xigantesco banco de datos de 23 terabytes de información de cidadáns do país cos seus nomes, enderezos, número de documento de identidade, números de teléfono e posibeis antecedentes delituosos? Como fai sempre: tratando de censurar a noticia para que non circule dentro da China en redes como Weibo, WeChat ou buscadores como Baidu, que comezaron a censurar os termos referentes á fuga de información.

É o paradoxo dos réximes baseados na vixilancia dos seus cidadáns: por moitas leis que pretendan ditar relativamente á protección de datos, eles son o infractor máis grande de todos, e están suxeitos ás mesmas ou máis vulnerabilidades a que están suxeitos todos os que se dedican a esa actividade. A espionaxe dos cidadáns dun país está sempre orientada ao mesmo: a preservación do réxime político que o ordena, a eliminación da disidencia e o mantemento da estabilidade.

No caso da China, o activismo contra a ausencia de privacidade foi crecendo até forzar o goberno a comezar a multar as compañías privadas que abusaban da recolla de datos dos seus usuarios, ao punto de desenvolver unha lexislación de privacidade máis potente que a dos Estados Unidos e no nivel da europea, cunha evidente excepción: por moitas molestias que se poñan ás compañías privadas, o goberno sempre pode ver todo, recoller todo e analisar todo. Veremos agora, primeiro, cales son as consecuencias para os cidadáns chineses desa masiva fuga de información. E despois, como van ser as súas reaccións ante un goberno que non só abusa da vixilancia, senón que tamén falla estrondosamente no seu deber de custodia.

Enrique Dans

 


This article is also available in English on my Medium page, «The problem with surveillance states is that they’re not very good at safeguarding information»