Os sindicatos CIG, CCOO, UXT e CXT rexistraron onte na Delegación do Goberno do Estado español na Coruña a solicitude formal de indulto para Xesús Anxo López Pintos, ex secretario da CIG de Ferrol, que foi condenado pola Audiencia da Coruña por uns feitos ocorridos durante unha mobilización no ano 2012. Xunto co escrito de solicitude asinado polas secretarías das centrais sindicais, achegáronse as 5.500 sinaturas recollidas nos últimos meses “en apoio á concesión do indulto e para que se faga xustiza” co sindicalista.

 

Máis de 5500 sinaturas acompañan a solicitude de indulto para o compañeiro Pintos - CIG: Confederación Intersindical Galega

 

No rexistro estiveron presentes o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, a secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, en representación de UXT Jorge Ulla e en representación da CXT Xa-bier Losada, quen coincidiron na necesidade de que lle sexa concedido o indulto a Pintos e retirada a pena na súa totalidade, ao entenderen que “a súa condena pretende ser un escarmento á loita sindical e á mobilización social”. Carril engadiu que reclamar xustiza para Pintos “significa defender os dereitos e as liberdades sindicais que tanto custaron conquistar á clase traballadora”.

Nós Diario