Afeito a improvisar solucións ante os diferentes obstáculos levantados ao labor de salvar vidas no Mediterráneo central, Óscar Camps presentía a aparición dunha nova barreira que sortear. A oferta de España para desembarcar en Alxeciras ás últimas 308 persoas rescatadas fronte ás costas libias, di o presidente da ONG Proactiva Open Arms, chegou “tan rápido” que desatou a súa sospeita: “Non podía ser tan fácil”.

Despois, viñeron os entraves “para abandonar o porto de Alxeciras: “Insistíronnos moito en que podiamos ir a Barcelona, mais só a Barcelona. Eu creo que xa estaba tomada a decisión”, asegura Camps. Por iso, precisa, o seu equipo solicitou o despacho de saída á Capitanía Marítima -un trámite habitual antes de deixar un porto- “seis días antes” do inicio da nova misión de rescate, programado para a pasada segunda-feira.

A resolución do despacho proporcionoulle a resposta. A Capitanía Marítima, amparada pola Dirección Xeral da Mariña Mercante, bloqueou o Open Arms no porto de Barcelona. Segundo o seu criterio, o bloqueo dos portos italianos e malteses xerou unha nova situación pola que o buque humanitario “é forzado” a percorrer longas distancias cos rescatados a bordo, co que se acaba “incumprindo” a normativa marítima.

Que opina da resolución?

O capitán marítimo agora parece que dá clases de política internacional no despacho. Paréceme absurdo que, tendo os papeis en regra, o barco inspeccionado, e todo pronto, nos den unha conferencia sobre as responsabilidades doutros países e a situación que se dá por culpa doutros países.

Agora vai resultar que ningún barco español pode cruzar a zona SAR libia. Ou unicamente nós? É curioso que o Goberno utilice un capitán marítimo para iso.

Cre portanto que o capitán marítimo cumpre con ordes do Goberno?

Por suposto. É unha decisión política. Pedimos ao Goberno que nos acompañe ao Tribunal de Hamburgo para denunciar todos estes incumprimentos dos Estados europeos que nos detallou por escrito ao longo da resolución.

Se coñece todas estas irregularidades levadas a cabo por Estados europeos, debería denuncialas. Non ir por nós, que salvamos vidas e, se non estamos, morrerán. Non sei como poden durmir polas noites.

Por que cre que lles denegaron o despacho agora? En misións anteriores si se permitiu a saída do Open Arms.

Por medo político. Por medo escénico. Necesitamos un presidente do Goberno valente e non sei se o temos.

Non se pode dicir que adoptas posicións progresistas, que queres mudar a política migratoria de Europa para que sexa respectuosa cos dereitos humanos e, despois, coller a única ONG española que defende os dereitos humanos no medio do mar Mediterráneo e reterlle o barco por unha estupidez. Eu creo que é unha decisión política que busca protexer a súa campaña electoral.

A este goberno dálle medo a utilización política de todo o referente ao migratorio. Outro exemplo é a mudanza de comunicación de Salvamento Marítimo, que rescata balsas e xa non informa diso. O Goberno copia Salvini. En Italia tamén hai chegadas a Sicilia e non se comunican. O mesmo está a facer Malta. Agora España quere actuar igual.

A resolución fai referencia ao bloqueo dos portos italianos e malteses e, con iso, a supostos incumprimentos de Open Arms ao verse forzado a percorrer longas distancias con tantas persoas rescatadas a bordo.

Nós non entendemos ningún incumprimento pola nosa banda. Porque sempre contactamos con todos os centros. Na última misión, Italia non respondeu. Malta non respondeu. A Tunisia non respondeu. Francia non respondeu. A Grecia moi cortésmente, enumerounos os portos seguros que había antes de chegar alí.

Gravámolo todo, todo está rexistrado e os xornalistas que levamos a bordo dan fé do que ocorre. Por unha banda, o capitán marítimo bloquéanos por non podermos desembarcar os náufragos no porto máis próximo. Por outro, o Goberno español permitiunos atracar en Alxeciras, apesar de que hai portos españois moito máis próximos á zona de rescate que este. É incongruente.

A Capitanía Marítima conclúe que, dada a situación do bloqueo de portos, o Open Arms vese forzado a percorrer longas distancias coas persoas rescatadas a bordo, para o que deberían contar cun certificado para transportar pasaxeiros. Van ter que obter ese recoñecemento?

Din que non estamos capacitados para transportar tantas persoas tanta distancia. O noso barco non é de pasaxeiros, é de salvamento. E, segundo o dereito de salvamento, os náufragos non ocupan praza. Non nos poden pedir que o Open Arms sexa un barco de pasaxe, porque non o é.

Se non, aos pescadores que van a esa zona a faenar e rescatan persoas que están en perigo tamén llo van a aplicar? O Loreto, por exemplo, tivo que rescatar en varias ocasións. Tamén van consideralo un barco de pasaxe? O despacho non é comprensíbel de ningunha das maneiras.

Mais o procedemento pode durar até tres meses. Isto significa que na súa man está nos teren tres meses no porto.

E iso, que consecuencias pode ter?

Mortes. Moitas. Centos.

Mais, quen os vai a denunciar se non hai ningún barco no Mediterráneo central con xornalistas, documentando que deron avisos de persoas en perigo e non os encontraron? Cada vez que hai un barco de rescate na zona SAR, rescata seguro. Cando non hai, non pasa nada. Canta xente morre?

O Open Arms, na última misión, tardou 24 horas en rescatar a 300 persoas. O See Watch saíu e rescatou. Que está a pasar nestes días de boa mar sen barcos de rescate e connosco bloqueados? Morren moitas persoas, e outras serán devolvidas á Libia, aos abusos e torturas da Libia.

Puideron falar co Ministerio de Fomento?

Solicitamos unha reunión formal e non quixeron atender de momento. Non merecemos este trato dun goberno progresista.

A resolución da Capitanía Marítima di que manterá a denegación do despacho de saída do Open Arms até haber un acordo entre as autoridades das zonas SAR, quer dicir Malta e Italia, para o desembarco de náufragos. Non hai sinais que indiquen que vaian alcanzar un pacto europeo respecto diso.

Se temos que esperar a que chegue ese momento, esta organización non durará tanto tempo. Se non podemos estar no mar, non podemos pedir doazóns porque non temos diñeiro público para soster as nosas operacións. Se non podemos facer os rescates para os que pedimos o diñeiro, obrígannos a fechar.

Se tivésemos que fechar porque as administracións se tivesen feito cargo das súas responsabilidades, porque houbese gardacostas europeos ou algunha operación militar tivese as funcións de salvamento, marcharíamos a casa felices.

Mais que nos impidan salvar vidas cando somos conscientes de que, entretanto, a xente morre no Mediterráneo?

Gabriela Sánchez

El Diario