Hai poucos días fíxose público, pasando case desapercibido, o Auto do Tribunal Constitucional de 15 de setembro polo que enterra, parece que definitivamente -polo menos no ámbito interno español- calquera expectativa de xustiza que puidesen albergar as vítimas dos máis abominabeis crimes do franquismo e da guerra civil, blindando xuridicamente a impunidade adquirida frente a calquera tentativa, mesmo a través dunha futura Lei de Memoria Democrática, de levar xustiza ás vítimas.

 

Unha persoa camiña polas inmediacións do Tribunal Constitucional, a 1 de xullo de 2021, en Madrid, (España).- EUROPA PRESS

 

Eirene de Prada

O auto refírese ao arquivamento da denuncia por torturas sistemáticas a que foi sometido Gerardo Iglesias durante a ditadura. O Tribunal Constitucional nin sequera quixo ditar unha sentenza de fondo en que se puidese debater en profundidade, ouvindo o Ministerio Fiscal e o demandante, sobre os importantes aspectos xurídicos discutidos referidos á investigación xudicial dos crimes franquistas, postergados desde a transición democrática, como a lei de amnistía de 1977, e a impunidade que até agora conferiu, deixando o Reino de España moi lonxe do que acontece no noso contorno de países democráticos e dos estándares internacionais na materia. O que sitúa o Reino de España no reduto de países que non quixeron revisar, desde a xustiza, un vergoñoso pasado de violacións sistemáticas dos dereitos fundamentais de moitos dos seus cidadáns.

O Tribunal pon de manifesto que a imposibilidade de persecución penal dos feitos denunciados, asóciase á actuación simultánea das regras da prescrición e á aplicación da lei de amnistía de 1977.

Entre os seus argumentos, non dubida en acudir ás formulacións máis retrógradas negando calquera valor ao dereito penal internacional consuetudinario, contrapóndoo e declarándoo incompatíbel cunha visión hiperformal, super-estreita e distorcida do principio de legalidade penal, por inexistencia de normas penais relativas a crimes internacionais e, en calquera caso, por prescrición das torturas infrinxidas ao demandante Gerardo Iglesias, admitindo sen ambiguidade, e sen vergoña, a impunidade como resultado. Tampouco considera a posibilidade doutra lectura, diríase que constitucional, da lei de amnistía -propiciadora durante estas décadas da impunidade- facendo unha aproximación relativista á prohibición de amnistías para crimes internacionais contra os dereitos humanos e dándolle, en definitiva, carta de natureza.

Resulta certo que, até o momento, por diversos motivos técnicos, fundamentalmente pola antigüidade dos feitos denunciados en relación coa entrada en vigor dos Convenios Internacionais que os instauran, nin o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos nin o Comité dos Dereitos Humanos das Nacións Unidas se pronunciaron de forma favorábel ás vítimas na súa demanda de xustiza. Mais si o fixeron moi relevantes organismos especializados das Nacións Unidas, denunciando a impunidade dos crimes franquistas e propugnando e dando orientacións na aplicación do Dereito Internacional dos Dereitos Humanos. Así o facía Pablo de Greiff, Relator Especial da ONU sobre a promoción da verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición no relatorio de 22 de xullo de 2014, despois de analisar en profundidade a situación española, suxerindo que fose o Constitucional español quen compatibilizase a lei de amnistía española coas obrigacións internacionais do Reino de España de investigar penalmente os crimes franquistas; o mesmo que o Grupo de Traballo sobre as Desaparicións Forzadas ou Involuntarias na súa Misión a España, 2 de xullo de 2014.

Nun recente informe, o novo Relator Especial da ONU, Fabián Salvioli, reiterou as críticas anteriormente formuladas ao Reino de España xa que as vítimas da guerra civil e do franquismo continúan vendo recusados os seus dereitos á verdade, xustiza, reparación, memoria e garantías de non repetición e mesmo ve con seria preocupación que o Proxecto de Lei de Memoria Democrática consiga de maneira efectiva eliminar os obstáculos existentes en materia de xustiza. Tamén inciden neste aspecto as recentes observacións remitidas polo Comité de Desaparicións Forzadas nos finais de setembro.

Merece especialmente a pena a lectura detallada do voto particular discrepante da maxistrada Mª Luisa Balaguer, ao que se une Xiol Rios, que, facendo unha crítica elegante mais sumamente contundente ao auto da maioría, expón un catálogo completo das posibilidades que ofrece o dereito internacional xeralmente recoñecido para levar a cabo un labor mínimo de xustiza transicional no Reino de España en relación cos crimes franquistas, outorgando o obrigado recoñecemento aos dereitos á verdade, xustiza e reparación ás súas vítimas, frente ás tradicionais actitudes negacionistas do dereito internacional dos dereitos humanos dos tribunais españois, incluído, agora, na cúspide, o Tribunal Constitucional.

Resalta o interese e valor do dereito internacional penal consuetudinario, cuxos aspectos básicos aplicabeis aos crimes do franquismo están perfectamente cristalizados, nalgúns casos, desde hai décadas, en documentos e tratados internacionais e cuxo valor e significado, alén de ser perfectamente evidente e aprehensíbel para calquera ser humano, xa que se trata das formas máis básicas e elementares do respecto da vida e da dignidade humana, constitúen dereito internacional perfectamente vixente e obrigatorio, por máis que a maioría do TC se esforce en negalo, acudindo para iso forzadamente ao principio de legalidade como garantía, mais esquecendo as múltiplas manifestacións da legalidade, o carácter funcional do principio e as diferentes formas de operar que ten no ámbito interno e no internacional. En palabras da maxistrada Balaguer, o auto resolve a cuestión desenvolvendo unha doutrina que ou ben nega a existencia do ius cogens internacional ou ben lle nega virtualidade para superar e oporse ao principio de legalidade penal tal como é definido na xurisprudencia tradicional do TC.

Frente à criticábel renuencia do Tribunal Constitucional de entrar en profundidade na constitucionalidade da lei de amnistía de 1977 ou facer unha interpretación constitucional dela limitando a súa vixencia en relación con crimes internacionais, lémbranos a maxistrada Balaguer que calquera esforzo para facer efectivo o dereito á promoción da verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición das vítimas dos delitos amnistiados en 1977 forma aínda hoxe parte esencial pendente da culminación do consenso constituínte en superación dunha desatención que, tantos anos despois, debe ser superada no interese da normal convivencia democrática.

É, en definitiva, iso o que está en xogo, como o estivo en todos os países que enfrentaron dunha ou outra forma, o seu pasado como forma de chegar á normal convivencia democrática, naus que aparece como materia pendente na nosa, postergando unha e outra vez, como un mal estudante, examinarse dela.

O Tribunal Constitucional, tal como nos ten afeitos ultimamente, cunha interpretación da Constitución politicamente enviesada e con evidente desconexión coa sociedade á que se debe, lonxe de abrir o camiño para o cumprimento por parte dos nosos tribunais da legalidade internacional en materia de xustiza transicional, reconstruíu os obstáculos, dándonos a súa visión xuridicamente anacrónica e interesada dos problemas perfectamente superados noutros sistemas.

Desde Rights International Spain, organización entre cuxos fins fundacionais están o recoñecemento e promoción dentro do noso país do Dereito Internacional dos Dereitos Humanos, vemos con extrema preocupación esta deriva e chamamos á opinión pública a estar alerta ante esta clase de retrocesos que significan un salto cualitativo cara atrás de varias décadas na protección dos dereitos humanos.

Público