Deron moito que falar os relatorios policiais relacionados cos procesos contra os líderes independentistas. Eses relatorios son habituais nos procesos penais, non con ese grao de pormenor talvez, mais si é frecuente que o xuíz de instrución delegue boa parte das actuacións máis burocráticas na policía para poder contar cun relatorio através do cal conseguir realizar o seu propio traballo.

 

El ministro del Interior, Fernando Grande-Marlaska, comparece ante los medios tras el Consejo de Ministros celebrado en la Moncloa, este martes.

 

Todo o anterior revela un profundo mal funcionamento do proceso penal español, que oxalá sexa corrixido nunha próxima reforma. Non é só que ao longo das décadas fose atraizoada a vontade do lexislador da vixente Lei de Axuizamento Criminal de 1882, senón que se xeraron prácticas completamente alegais, propias dun sistema claramente inquisitivo, que deben ser banidas por completo dos nosos procesos.

O plano do lexislador español de 1882 era sinxelo. O proceso penal divídese en dúas fases: a instrución e o xulgamento oral. Durante a primeira, o xuíz de instrución colleita os vestixios que deixase o feito investigado e que poidan perderse, sen tirar ningunha conclusión sobre os mesmos. Na segunda, un xuíz necesariamente diferente xulga os feitos á luz deses vestixios e as probas practicadas, sen verse ese xuíz -ou xuíces- influenciado por ningunha conclusión do xuíz instrutor, que non debe expresar a súa opinión en absoluto. O xuíz de instrución só debe recoller e compilar eses vestixios efémeros, advertir desde o principio ás persoas que aparezan involucradas nos mesmos para que poidan defenderse e encerrar a instrución sen expresar conclusión algunha, insisto, para preservar en todo caso a independencia e imparcialidade do xuíz do xulgamento oral.

Tentábase loitar así contra unha antiquísima secuela histórica: o sistema inquisitivo, cuxo nome xa di todo. Durante o mesmo, o xuíz da instrución recollía en segredo todos os vestixios. Tiraba en solitario as súas propias conclusións, advertindo de todo ao reo só no final dos seus traballos. De repente, o pobre reo estaba diante dun formidábel aparello acusatorio estruturado na súa ausencia do que xa non se podía defender. O xuíz da instrución xa estaba convencido, e era aliás o mesmo xuíz que xulgaba. Os reos eran sistematicamente condenados, como é lóxico.

O problema é que ese antigo sistema, apesar da reforma de 1882 e a moi esclarecedora exposición de motivos desa lei -non deixen de a ler, é breve- continúa a influir nos actuais xuíces, non só en España. Nos finais do XIX os antigos xuíces, apesar da nova lei, continuaron investigando sen mudaren de hábitos. Despois viñeron reformas que confundiron a súa misión. Finalmente, os xuíces agora apóianse na policía para investigar e pídenlle relatorios, que son elaborados en segredo ás costas dos posibeis implicados. Adoitan ter un marcado rumo acusatorio precisamente porque os fai a policía, que, usando a lóxica pura, se centra case exclusivamente no incriminatorio e en quen cren prematuramente responsábel, pondo de lado a presunción de inocencia porque a policía investiga en caso de dúbida, e non cre na inocencia como si debe facer un xuíz nese mesmo caso. Non é unha crítica ao seu facer, senón que é a pura coherencia da súa tarefa.

Xusto por iso o xuíz de instrución fai o correcto se, consciente do seu labor, esixe que non haxa conclusións neses relatorios policiais, senón só enumeración de indicios -incriminatorios e exculpatorios- relacionados cos feitos. Así pode valoralos sen verse influído por esas conclusións. Ao contrario, o labor de afastarse das conclusións deses relatorios é verdadeiramente titánica, por moito que teñan o deber de respectar a presunción de inocencia. É habitual que tanto xuíces de instrución, como fiscais, e mesmo -aínda que menos- xuíces de xulgamento, experimenten esa influencia policial. Vímolo nos procesos contra os líderes independentistas, ou mesmo no proceso contra Sandro Rosell, por citar apenas dous dos casos máis mediáticos. E por iso tamén é titánico o labor de defensa dun reo sinalado pola policía neses relatorios confeccionados sen a súa participación.

E así volven reproducirse os males do sistema inquisitivo, case 140 anos despois. Agora transcendeu un deses relatorios, un máis, relacionado cunha investigación sobre a actuación dos Gobernos central e autonómico na crise do covid-19. Nomes coñecidos de xuíz, superior da Garda Civil e ministro. Estamos ante o primeiro capítulo dunha historia que só acaba de comezar.

El Periódico