Escríboo de novo porque é así de gordo: Hasel leva xa dous anos no cárcere, condenado pola letra dalgunhas cancións. Como dixo Lluís Llach, nin o poder franquista se atreveu a facer tal cousa. A ambigüidade do delito de “enaltecemento do terrorismo” e a actitude da xustiza explican esta lamentábel anomalía en Europa e fano posíbel. E o PSOE.

Supoño que lembrarás, Martxelo, o caso de Alfredo Remírez, aquel usuario vasco de Twitter ao que se acusaba de enxalzar o terrorismo, e ingresou en prisión por escribir na súa conta persoal “Gústame o cheiro das fogueiras da mañá”. Nunha referencia evidente, entendida por todos menos o xuíz, a Apocalypse Now. E non o sei, pero non me estrañaría nada, María, que na Galiza tivese pasado un caso comparábel. Pola simple razón de que o Estado actúa igual contra calquera disidencia. Onde queira que pase. 

Cando Hasel entrou en prisión, o escándalo foi enorme e Unidas Podemos presentou unha petición de indulto que foi rexeitada rotundamente polos seus socios de Goberno. Tamén recentemente, durante a reforma do Código Penal, intentouse reformar delitos de opinión que volveron acabar en nada, de novo pola intransixencia dos socialistas. E así pasa o tempo.Con efectos, por certo, non só nos implicados. Esta semana publicamos un artigo en VilaWeb explicando como o cárcere de Hasel ou o exilio de Valtònyc aumentaron a autocensura entre o colectivo de autores.

Non puidemos evitalo, entón, e Hasel pasou o seu aniversario, polo tanto, illado tras as reixas. Para vergoña de todos nós, sobre todo tendo en conta que a súa situación e o trato que recibe dentro do cárcere é unha clara vulneración incluso dos seus dereitos como preso. E este, o maltrato, só depende do Goberno catalán

Nós Diario