O grupo de apoio a Valtònic e o rapeiro Pablo Hasel denuncian na Eurocámara os “ataques” á liberdade de expresión no Estado. Despois da fuga do cantor a Bélxica para evitar o ingreso no cárcere e que o Ministro de Xustiza, Rafael Catalá, teña demandado unha euroorde de detención para Valtònic, nesta quinta-feira celebrouse un acto no Parlamento Europeo pola liberdade de expresión e de información en Europa, onde se falou da situación.

Ver imagen en Twitter
O conseller de cultura do goberno catalán, Lluís Puig i Gordi, estivo entre as persoas que asistiron ao acto. Pablo Hasel denunciou que “non é que no Estado español a liberdade estexa en risco, é que non a hai”. “Ningún de nós ten liberdade para poder criticar a monarquía, a brutalidade policial ou a igrexa con total tranquilidade, porque se o facemos sabemos que podemos ser detidos”, afirmou Hasel.

 

Pablo Hasel denuncia os xornalistas “fascistas de dereitas” que teñen total liberdade e impunidade.

 

A iniciativa foi impulsionada polo BNG e os Verdes-EFA e coordenada pola eurodeputada Ana Miranda (BNG). O acto contou cunha ampla representación de escritores, músicos e xornalistas de diversos lugares do estado, vítimas procesos ou condenas por expresaren publicamente as súas ideas.

Xornalistas e artistas criticaron a represión do Estado

A xornadas tamén contou, entre outras persoas, coa xornalista Beatriz Talegón, o escritor Suso de Toro ou o correspondente de Libération en Bruxelas jean Quatremer. Talegón criticou a popularmente coñecida como “Lei Mordaza” e “o excesivo uso de dereito penal”, así como “o debilitamento” da separación de poderes no Estado. “A falta de liberdade de expresión é un sintoma dunha falta de democracia clarísima”, dixo Suso de Toro. “Así, Europa, é hoxe o Reino de España”, sentenciou o escritor.

 

Na mesa de relatorios centrados nas redes, o Youtuber Alex García, investigado por “enaltecemento do terrorismo” polo vídeos no canal coñecido como Resistencia Films, explicou o seu caso. “Pensamos que é algo novo mais a ausencia de liberdade ven do 1929”. “A transición foi a última manobra do fascismo para agarrarse ao poder”, dixo García.

O xornalista Boro LH, de Kaos en la Red e La Haine, tamén acusado de enaltecemento do terrorismo, expuxo que lle peden seis anos de cárcere polos feitos acontecidos durante unha manifestación de protesto contra a monarquía. “Acúsanme falsamente de ter agredido dous policias”, lamentou. “Moitos casos non comezaron coa lei mordaza mais sí que se agravaron”, acrecentu. O xornalista condenou tamén que en canto “opinar sae moi caro” para algúns no Estado para outros sae “gratis”, en referencia á ultradereita. O xornalista concluiu a súa intervención rachando unha imaxe de Franco, Juan Carlos e Felipe VI: “O que temos de facer é cortar con eles e coa falsa transición”.