Tal día como hoxe de hai 73 anos –o 15 de maio de 1948– daba comezo a primeira guerra árabe-israelí, tras a “declaración de independencia” de Israel na véspera. Conflito bélico con data concreta de comezo mais que, tal e como se demostrou esta semana, semella que nunca terá fin; sen que, ademais, se albisque vontade política ningunha.
“Hamas está case exhausta, o Exército israelí non está interesado nunha invasión terrestre, mais a auténtica ameaza está dentro de Israel ─e non debería resultar sorprendente─”, resumía onte a situación actual do conflito israelí-palestino Amos Harel, xornalista do diario Haaretz.
De acordo coas últimas informacións achegadas por medios locais e axencias internacionais sobre o terreo, Israel continuou a bombardear Gaza onte, na “noite máis violenta” segundo os residentes, ao tempo que segue a acumular tanques e tropas na fronteira.
Polo menos 122 palestinos, incluídos 31 nenos, faleceron e 900 resultaron feridos desde a segunda feira. Centos de persoas refuxiáronse no norte do enclave en escolas da ONU. Mañá, está previsto que se reúna o Consello de Seguridade para abordar a situación, que o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, dixo que “vai para longo”.
73 anos de guerra
Mais como se chegou a este novo bombardeo sobre Gaza e aos violentos enfrontamentos entre comunidades dentro de Israel, que segundo a análise de Amos Harel, “reabriron vellas feridas que datan de 1948”?
Nese ano, tal día como hoxe, desencadeouse a primeira guerra árabe-israelí. Como resultado, o territorio de Palestina, baixo mandato británico, pasou a chamarse Israel, coas zonas de Cisxordania e de Gaza baixo dominio exipcio. O ano 1948 é para os israelís o da Independencia; para os palestinos, o da Nakba (“O desastre”).
Desde entón houbo máis guerras entre o novo Estado de Israel e os seu veciños árabes, así como un continuo enfrontamento cos palestinos, tanto cos que se viron obrigados a marchar das súas terras como cos que ficaron baixo soberanía do novo ente. A de 1967 é importante, xa que foi entón que Israel ocupou os territorios de Cisxordania e de Xerusalén Leste.
Os sucesos desta última semana entroncan con ese momento da historia. Israel considera Xerusalén ao completo como a súa lexítima capital. Porén, a anexión da parte oriental non foi recoñecida pola comunidade internacional, que a cualifica ─como a Cisxordania─ de “territorio ocupado” e a Israel de “potencia ocupante”.
Cinco meses de eleccións
Xa en 2021, unha aliñación de planetas produciuse nestes cinco primeiros meses: a mudanza na Casa Branca, que forzou a un cuestionado presidente palestino, Mahmoud Abbas, a convocar as primeiras eleccións en Palestina en 15 anos; e a confirmación a semana pasada da imposibilidade de Netanyahu para formar Goberno en Israel, tras os comicios de marzo (os cuartos en dous anos).
A medida que se aproximaba a data ─22 de maio─ das lexislativas palestinas, Abbas insistía en que se Israel non deixaba votar a cidadanía de Xerusalén Leste adiaría os comicios. Así o fixo o 29 de abril, desatando a ira de Hamas ─que goberna en Gaza─ e do resto de formacións.
Da outra banda, o presidente de Israel, Reuven Rivlin, encargaba o 5 de maio a Yair Lapid, líder de Yesh Atid (centrista, partidario da solución dos dous Estados), a formación de Goberno, logo de Netanyahu non sumar os apoios.
Xerusalén, cidade santa
E como pano de fondo un conflito enquistado, que se remonta a 1948 e a 1967: o desaloxo de varias familias palestinas do barrio de Sheikh Jarrah, en Xerusalén, para ser entregadas a colonos xudeus, que as reclaman desde a ocupación, xa que alí se sitúa a tumba dun venerado sacerdote.
As familias palestinas viven legalmente alí desde a década de 1950, cando a xurisdición era de Xordania ─país custodio dos lugares santos musulmáns e cristiáns de Xerusalén─. O 10 de maio estaba prevista a decisión xudicial, mais foi adiada ante os acontecementos na praza da mesquita de Al Aqsa, na Cidade Vella de Xerusalén, lugar sagrado para cristiáns, musulmáns e xudeus.
Tres día antes, nun xesto inédito, a Policía israelí entrou a dispersar con extraordinaria violencia as manifestacións a prol das familias, deixando centos de feridos. O operativo, na última sexta feira ─día sagrado para os musulmáns, ao igual que o é o sábado para os xudeus e o domingo para os cristiáns─ do Ramadán, foi tan inoportuno, que é difícil pensar que se ignoraban as implicacións.
Ameazas cumpridas
E tras tres noites seguidas de represión dos antidisturbios, ese 10 de maio todo saltou polos aires. Xornada sinalada tamén: os ultradereitistas xudeus quixeron levar o desfile polo Día de Xerusalén, efeméride no calendario sionista que celebra a captura da cidade, por diante de Al Aqsa.
As sirenas antiaéreas soaron en Xerusalén e caeron os primeiros foguetes de Hamas, que a través das Brigadas de Izz ad Din al Qassam xa advertiran día antes do “alto prezo” que Israel pagaría pola represión en Sheikh Jarrah. A actuación en Al Aqsa foi gasolina para o incendio xa en marcha. Pura piromanía.
A partir de entón, ataque e resposta. Cunha parte lanzando foguetes e a outra cun dos máis avanzados Exércitos da historia. Contra unha poboación sen poder fuxir dun “cárcere a ceo aberto”.
Lugares e celebracións sagradas; efemérides de guerras; anos de ocupación e discriminación; aborto de comicios palestinos, con Abbas eternizado no cargo…
E mentres, o líder de Yamina, o conservador Naftali Bennett, afirmou nas últimas horas que “elimina” o apoio a “un cambio de Goberno” cos partidos da oposición, xa que este non podería “xestionar os problemas das cidades mixtas”, polo que accedeu a renovar a negociación dun acordo ─agora si─ co eterno Netanyahu.
Fin de semana de protestas mundiais
Durante toda esta semana foron numerosas e masivas as marchas de apoio ao pobo palestino e en contra dos bombardeos sobre Gaza en todo o mundo. Mañá están previstas grandes manifestacións en Roma, Madrid, Londres, París, Berlín, e noutras cidades europeas como Belfast. Tamén en África, en Tunes ou Pretoria; e en Norteamérica, Nova York e Ottawa, entre outras moitas localidades dos EUA e do Canadá. Nas cidades galegas, as concentracións serán a terza feira. Onte en Compostela colocouse un checkpoint (posto de control) simbólico.
Fernando Arrizado