Converteuse xa en tradición, unha vergonzosa tradición, que un par de veces ao ano asistamos a ataques do exército israelí contra territorio palestino, baixo pretexto de responder a agresións. Durante días, as veces semanas, asistimos á demolición de vivendas, e á destrución, con proxectís de precisión cirúrxica, de infraestruturas chave para a vida dunha comunidade: depósitos de auga, almacéns de alimentos, hospitais, escolas, talleres…

 

Muro fronterizo de Trump: 5 claves sobre la barrera de Israel que admira el presidente de Estados Unidos - BBC News Mundo

 

Duarte Correa

Converteuse tamén en tradición que, diante deses feitos, moitas persoas boten as mans á cabeza, e as máis sensíbeis apaguen a televisión, ao ver sangue e destrución que non son agradábeis á hora do xantar ou da cea.

Pero cando apagan os focos ou viran o chorro de luz cara a outro obxectivo, fican a escuridade e o silencio. Escuridade e silencio mestos, que tentan rachar persoas con conciencia humanitaria e entidades solidarias; organizando actividades de denuncia, e esixindo da comunidade internacional unha intervención para rematar dunha vez por todas co sufrimento palestino.

Palestina leva moitas décadas nesta situación, ou hai sangue ou non se fala do que alí acontece. Dá impresión de que existe convivencia, agás nuns curtos períodos de violencia, nos que semellan ter igual responsabilidade quen ergue os muros que quen está enclaustrado detrás deles.

Construíuse un muro físico, iniciado por Israel en 2002 e que ten 800 quilómetros; muro invisíbel para o mundo, pese a ter 12 veces maior lonxitude que o famoso muro de Berlín, e ser declarado ilegal pola ONU e o Tribunal Internacional de Xustiza.

Construíuse outro muro coa impunidade coa que actúa Israel, cando levanta a bandeira do holocausto con unha man, mentres coa outra executa un xenocidio que non ten nada que envexar aos nazis. E faino co coñecemento, e por tanto coa complicidade, dese mundo civilizado que como moito deixa escapar algunhas bágoas de crocodilo.Hai máis muros, son todos os que rodean os cárceres de Israel, que albergan máis de 4500 presos e presas políticas palestinas. Moitos levan anos en prisión sen xuízo, outros tiveron xuízos carentes de calquera garantía de defensa; e non son poucos os que están na cadea despois de seren secuestrados por forzas especiais, en operacións que foron ilegais se temos en conta o dereito internacional.

Un deses presos cumpre nestes días vinte anos en prisión, sendo para grande parte do seu pobo mostra do seu sufrimento, pero tamén bandeira da súa resistencia; como o foi Nelson Mandela na Sudáfrica que loitaba contra o apartheid.

Ese preso é Ahmad Saadat, secretario xeral da Fronte Popular de Liberación de Palestina, organización política de esquerda e laica, unha das máis importantes do país. Forma parte do Consello Nacional Palestino, equivalente ao poder lexislativo nun estado independente que integra representantes dos territorios ocupados, da diáspora e das organizacións políticas e sociais.

Ahmad Saadat leva dezaseis anos en cárceres israelís, despois de ter sido secuestrado por un comando que entrou de xeito ilegal en territorio palestino; e levaba catro anos privado de liberdade por orde da Autoridade Nacional Palestina a petición de Israel. Orde declarada ilegal polos tribunais, pero a ANP non se atrevera a liberalo por medo ás ameazas de Tel Aviv.

En 2008 foi condenado nun xuízo farsa a 30 anos pese a que a fiscalía israelí recoñeceu que non había probas. Desde que foi condenado trasladárono de prisión varias veces, estando en celas de illamento en diversos períodos. Pero esa tortura non conseguiu dobregalo, polo que en diversas ocasións a presión israelí dirixiuse contra a súa familia, como o pasado 5 de xaneiro, cando soldados asaltaron a súa vivenda en Ramala, destruíndo grande parte do que había nela e ameazando os seus ocupantes.

Hai meses que os focos non iluminan Palestina, pero acenderanse de novo calquera día amosando de novo morte e destrución. Se non acreditamos nesa tradición de silencio e vergonza debemos manter acesa cada día a luz da nosa solidariedade, denunciando a política xenocida de Israel e defendendo o dereito de Palestina a construir o seu futuro como estado independente.

Nós Diario