A Xustiza de Israel ignora os argumentos da poboación palestina e non cre que fosen “residentes permanentes” desde antes de comezos da década de 1980, momento en que o Exército decretou que o territorio de Masafer Yatta, na Cisxordania, era “zona de treinamento”.
.
Israel expulsará 1.300 palestinos dos seus fogares para converter o lugar nunha zona de adestramento do Exército photo_camera Acción de protesta en Masafer Yatta (Cisxordania) contra os asentamentos israelíes. (Foto: Ihab Alami / APA Images)
.
.

O pasado mes de maio o Tribunal Superior de Xustiza de Israel deu luz verde á expulsión de 1.300 cidadáns e cidadás palestinos e a destrución dos seus casas na comunidade de Masafer Yatta (Cisxordania), após considerar que a área é “unha zona de adestramento” do Exército israelí.

Deste modo, os xuíces ignoraron o argumento esgrimido polas persoas residentes, que as súas familias habitaban o lugar, que comprende unha extensión de 3.500 hectáreas, desde moito antes de o Exército de Israel ter decretado que se trata dunha “zona de adestramento” a comezos dos anos 80.

Segundo o tribunal, en dúas décadas de litixio, non se conseguiu demostrar, que as familias que serán expulsadas eran residentes permanentes deste territorio antes da chegada das tropas israelitas.

Tampouco quedou demostrado, sempre segundo esta controvertida sentenza, que se trate dun “deslocamento forzoso” da poboación, malia que todo apunta a que si o será. En concreto, o maior desde 1967, pois serán obrigadas a deixar as súas casas un total de 1.300 persoas.

A coordenadora humanitaria da ONU en territorio palestino ocupado, Lynn Hastings, alertou en declaracións recollidas por France 24 que “calquera despexo que resulte nun deslocamento podería constituír unha transferencia de poboación á forza, o que vai en contra das resolucións do Consello de Seguranza das Nacións Unidas e do dereito internacional”.

Xa neste mes de xuño, nos últimos días, o Exército comezou a ofensiva contra unha comunidade, a de Masafer Yatta, que se nega a abandonar as súas casas.

A ONU culpa Israel da inestabilidade e tensións na rexión

Esta mesma semana, por outra parte, a ONU presentou un relatorio en que conclúe que a ocupación exercida por Israel sobre os territorios palestinos e a discriminación da poboación son as “principais causas” da inestabilidade e as tensións permanentes nesta rexión.

Así, apunta precisamente aos deslocamentos forzosos, as demolicións, a violencia exercida polos colonos israelitas, o bloqueo de Gaza e a “cultura da impunidade” ante todas estas cuestións como chave para entender a persistencia no tempo, mesmo agravamento nos últimos meses, deste conflito.

Nós Diario