Para garantir o dereito á información veraz dos españois non se contemplan medidas de control algún, nin antes da divulgación, nin durante, nin despois. Só existen delitos de inxurias ou calumnias, mais non se protexe o público de ser desinformado con falsidades.

 

 

Fake news, la palabra del año según el Diccionario Oxford

 

Un dos argumentos esgrimidos desde dereita á esquerda para se oporen a unha lexislación que actúe contra as fake news, é dicir, as mentiras que poidan ser divulgadas nun medio de comunicación, quer como noticia ou como dato falso inserido nun artigo de opinión, é que podería ser utilizado desde o poder de forma arbitraria e abriría a porta á censura. Segundo os opositores a esta lexislación, o límite entre verdade e mentira é difuso e podería danar a liberdade de expresión.

É curioso porque acaba de ser aprobada vía Real Decreto a denominada Lei Iceta, en referencia ao ministro de Cultura e responsábel desta, que incorpora a transposición do artigo 17 da directiva do Copyright europea, referente aos dereitos de autor.

O decreto lei recolle que os medios de comunicación deben contar “cunha autorización do titular dos dereitos” da obra para poderen subila e a partillar nos agregadores de noticias e “garantir que os autores obteñan unha remuneración adecuada e proporcionada pola cesión dos seus dereitos”. É por iso que agora poderá voltar a España Google News despois de negociar individualmente con cada medio ou grupo de comunicación para incorporar ou indexar no buscador os seus contidos, podendo os medios renunciar á percepción de calquera compensación económica por indexaren os seus contidos e noticias na plataforma.

A parte máis controvertida é a referente a que os prestadores de servizos como as redes sociais ou os buscadores serán responsabeis directos de retransmisións con material considerado ‘pirata’ e, portanto, “deben inhabilitar o acceso aos mesmos ou retiralos do seu sitio web durante a retransmisión do evento en directo en cuestión”.

Quer dicir, se Google ou Facebook non logran bloquear un vídeo ou audio considerado ‘pirata’, enfrenta mesmo a responsabilidade penal. Trátase, portanto, de que estas plataformas establezan unha censura previa sen control xudicial nin administrativo algún para impediren a violación do dereito de autor.

Mais é sobexamente coñecido que a cantidade de información que os usuarios soben a estas redes é tan abafadora que só pode ser filtrada mediante robots que recorran a algoritmos, por iso é polo que esta acción é denominada “censura algorítmica”.

Ao tratarse dun Real Decreto-Lei deberá ser convalidado no Congreso dos Deputados nun prazo de 30 días. Alí só se permite a votación da totalidade do Decreto-Lei, é dicir: o seu convalidación ou a súa derrogación en bloque tal e como marca a Constitución e o propio Regulamento do Congreso. De modo, que todo fai pensar que se aprobará esta “censura algorítmica”.

Alén de compartirmos ou non esta medida para protexer os dereitos de autor de titulares como a liga de Fútbol, Netflix ou unha empresa de concertos musicais, o que eu quero salientar é a facilidade coa que se lexisla unha censura cando se trata de respectar dereitos comerciais (porque o dereito a difundir un partido de fútbol ten máis de dereito comercial que de dereito de autor) e o complicado e complexo que nos presentan a “censura” de noticias falsas.

Para garantir o dereito á información veraz dos españois, tal e como establece o artigo 20 da Constitución, non se contemplan medidas de control algún, nin antes da difusión, nin durante, nin despois. Só existen delitos de inxurias ou calumnias destinados a protexeren o prexudicado por unha información, mais non o dereito do público a non ser desinformado con falsidades.

En troca, cando se trata de protexer os intereses comerciais da liga de Fútbol ou Netflix non se dubida en impor unha censura previa decidida por un robot. Dicían que establecer a verdade e a mentira nunha información era moi difícil e que perigaba a liberdade de expresión, mesmo se o determinasen peritos, analistas, especiaistas ou xuíces; mais, en troca, para impor unha censura por un contido que ameace os negocios chega un algoritmo.

A conclusión é clara. É cuestión de prioridades, o dereito ao negocio dunha empresa cun xogo de fútbol, un concerto ou un filme está por cima do dereito a unha información veraz de 47 millóns de habitantes. Contodo, algúns pensamos que para que unha democracia sexa efectiva é máis importante que eses millóns de habitantes reciban información veraz que non que se vulneren os dereitos comerciais dun xogo de fútbol.

elDiario.es