Neste mundo en que tentan facernos comungar con rodas de moiño, os titereiros poden ser perigosos jihadistas e os apartamentos turísticos deixaren de ser morada, permitindo que policías insidiosos arromben as portas de calquera cuarto de hotel, apartamento alugado ou caravana cando queiran e sen mandado xudicial.

Ningún traballo honesto é fácil – William Faulkner

Un policía con mascarilla en Madrid.

Foi preciso chegar á Audiencia Provincial de Madrid e empregar uns sete xuíces e varios procuradores -alguns con posicións inexplicabeis-, desmascarar un ministro, maxistrado en servizos especiais, e arrastrar o Goberno progresista de España para chegarmos á conclusión obvia desde o inicio: partir portas cun ariete para atallar infraccións administrativas é un delito e negarte a deixar entrar a Policía na túa morada sen mandado xudicial é defender os teus dereitos.

Calquera cunha mínima sensibilidade democrática sabíao xa desde o primeiro momento mais, neste mundo en que tentan facernos comungar con rodas de moíño, os titereiros poden ser perigosos jihadistas e os apartamentos turísticos deixar de ser morada, abrindo a vía para que policías insidiosos arromben as portas de calquera cuarto de hotel, apartamento alugado ou caravana cando lles apetecer e sen mandado xudicial. Lémbrolles que o alarde de ‘polisprudencia’ -i.é. da xurisprudencia creada pola inventiva policial- pasaba por establecer unha afirmación que repugna calquera mente lóxica: se eu, policía, che digo que me abras a túa casa e ti recusas, estás a desobeder a autoridade, ergo estás a cometer flagrante delito que me permite entrar á forza. A polisprudencia dos policías, que serán imputados por esta acción pois foi ordenada unha dedución de testemuño, acaba dunha asentada co dereito fundamental recollido no artigo 18.2 da Constitución ao devir imposíbel. Todos os nosos domicilios fican ao seu alcance, sen mandado xudicial, xa que chega con ordenar abrir para producir a desobediencia que che fai incorrer no flagrante delito que lles permite entrar. Adeus, xuíces. Olá, Estado policial.

Esta vergoñosa escusa, esta inaceptábel estupidez democrática, nom ficou só nunha actuación en que “se produciu por parte dos axentes un exceso no exercicio da autoridade con infracción do dereito á inviolabilidade do domicilio”, como di a Sección 23 da Audiencia de Madrid, senón que foi expresamente respaldada por un ministro do Interior, xuiz, que negou terminantemente que tivesen sido vulnerados dereitos fundamentais. Marlaska e o seu respecto polo dereitos fundamentais. Marlaska e a súa profundidade xurídica. Marlaska, o xuiz polo que España recibiu máis condenas de Estrasburgo por non investigar torturas. Non contente coa súa fazaña xurídica, arrastrou todo o Consello de Ministros e obrigou a porta-voz do Goberno máis progresista da historia a contarnos que aquela porta reventada “non era dunha morada senón dun apartamento turístico”. Hai que bater neles e bato. Como comprenderán, se eu son capaz de detectar o agre cheiro da vulneración de dereitos e de consultar con especialistas en tres, dous, un… que estas persoas que encarnan tan altas maxistraturas se atiren como pombiños a abrazar a vergoñosa interpretación policial é inconcebíbel. Marlaska, ese home que tanto fixo lucir este Executivo. Pediría que o poñan no caderno do axuste de outono mais ainda sería peor que voltase a un tribunal de Xustiza. Non quero imaxinalo.

Mais continuemos, porque neste asunto hai cera para moitos. Temos a xuiza de garda de Plaza de Castilla, Antonia de Torres, a quen chegou o pedido de habeas corpus dunha das detidas. Trátase dun dereito ao que pode acudir a persoa privada de liberdade que cre estar detida ilegalmente, como de facto estaba. O auto polo que foi recusado un habeas corpus de manual produce un embarazo difícil de ocultar. Unha xuíza que esquece que os únicos motivos constitucionalmente lexítimos para non o admitir residen en que non se de o suposto dunha privación de liberdade sen intervención xudicial ou sexan incupridos os requisitos formais do artigo 4 da Lei de Habeas Corpus. Ningunha das dúas circunstancias concorrían neste pedido mais ela despachou o asunto cun vergoñoso “A privación de liberdade é razoábel pola actitude adoptada por Isabel”. Os que viron o vídeo nas redes xa saben que a actitude da solicitante consistiu basicamente en dicir aos policías que ela coñecía os seus dereitos. Agora a Audiencia Provincial fai corar a xuíza por non ter protexido quen debería protexer.

Outro puxón de orellas merece o xuiz de Plaza de Castilla ao que chegou a denúncia policial imputando os moradores do apartamento os delitos de desobediencia e resistencia á autoridade que agora a Audiencia obriga a arquivar. O xuiz Marcelino Sexmero ten percorrido abondo para saber perfectamente o que agora lle lembra a instancia superior, iso e que as denuncias poden ser archivadas nun fólego caso seren, como esta, tolas.

Temos portanto máis unha vez o problema dos policías sen formación nin sensibilidade en dereitos humanos, e mesmo sen o coñecemento xurídico básico, que para poren multas consideran apropiado primeiro tentar abrir a porta, despois tirar o cilindro do fecho e, finalmente, utilizar un ariete de man que destroza a porta e parte da parede dun apartamento, para acabaren cometendo eles mesmos un delito

Temos portanto máis unha vez os xuíces de instrución que, en lugar de xuíces, se consideran os xefes dos policías e os seus valedores, e que se revoltan cando se fala de establecer reformas que nos doten dun verdadeira xuiz de garantías, agora que tantos parecen ter esquecido que ese é un dos seus papéis fundamentais.

Portanto aí temos a deriva anti-democrática que fai que parte da sociedade non comprenda que pór orde non pode implicar a eliminación de todos os dereitos máis básicos -e cal outro máis básico que a inviolabilidade do noso espazo íntimo!- e que a Policía non só non sempre leva razón senón que hai que manter sobre ela un control permanente de legalidade.

E así nos luce tamén un ministro-xuiz que nos revela non apenas as súas deficiencias técnico-xurídicas senón tamén calquera sensibilidade ante aquilo a que debeu consagrar a súa vida: a defensa e respecto dos dereitos constitucionais.

Así vamos.

Tivemos sorte, entendan a retranca, porque esta vez os atropelados eran cidadáns estranxeiros mais de moi boa posición e unha española filla dun rexistrador da propiedade. Dígoo porque estas cousas deben estar pasando todos os días a centos de estranxeiros e españois pobres e nin sequera nos enteiramos nin, por suposto, ningún xuiz lles dará tampouco un habeas corpus.

Tivemos sorte, e isto sexa dito con toda a seriedade, porque no deterioramento progresivo e constante do exercicio da función xudiciaria ainda hai profesionais que poñen a tempo as cousas no seu lugar -como Rosario Esteban, José Sierra e Jesús Bergés-, embora cada vez o seu número sexa máis reducido. E avogados dispostos a se bateren, como Ospina, que coa presentación da querela contra os policías evitou que os moradores tivesen que declarar como imputados.

Aplaudo uns e abomino outros e escríboo porque só con transparencia descubriremos o verdadeiro alcance do desastre da nosa Xustiza.