O Eduskunta (Parlamento finlandés) aprobou na pasada segunda-feira a chamada Lei de Seguranza do Paciente, unha reforma legal promovida polo Goberno de centro-esquerda para garantir a asistencia sanitaria esencial limitando o dereito á greve dos profesionais da saúde.

 

O “Direito” à Greve – Aventar

 

 

A nova lei permitirá as autoridades sanitarias rexionais restrinxiren os paros convocados naqueles servizos sociais e de saúde considerados esenciais, como os coidados intensivos e a atención domiciliar, e obrigar a traballar o persoal que se estime necesario.

Esta lei foi tramitada con carácter de urxencia para facer frente a varias greves convocadas a partir desta terza-feira nas unidades de atención a domicilio e coidados intensivos de varias cidades do país, entre elas Helsinqui.

As negociacións para renovar o convenio colectivo entre os dous principais sindicatos do sector, Tehy e SuPer, e a organización patronal que representa aos municipios, responsabeis de xestionar a sanidade pública, levan meses estancadas.

As organizacións sindicais esixen unha serie de melloras salariais e laborais que a patronal considera inasumibeis, polo que Tehy e SuPer ameazaron con mobilizacións masivas na sanidade pública se as súas reivindiccións non foren atendidas.

En concreto, os sindicatos esixen, entre outras melloras, un aumento salarial extraordinario do 3,6 % anual durante os próximos cinco anos, á que habería que sumar o aumento anual recollido nos convenios en vigor, para manter o poder adquisitivo dos sanitarios.

Segundo o sindicato SuPer, a súa reivindicación elevaría o salario básico medio dunha enfermeira de hospital en 492 euros, até os 3.308 euros brutos mensais, e o do persoal de atención a domicilio en 427 euros, até os 2.633 euros.

A semana pasada, un tribunal de Helsinqui impediu que levase a cabo unha greve de enfermeiras de coidados intensivos nos distritos hospitalares de Turku, Oulu e Kanta-Häme, ao impor unha sanción dun millón de euros a cada sindicato por cada hospital que seguise adiante coa greve.

SWI