
Nese momento, os dous axentes da Policía Local “esixíronlle que deixase de tocar e tentaron confiscarlle os instrumentos musicais”, ao que o músico se negou alegando “que non tiñan dereito”.
Os feitos segundo a Procuradoría
A partir dese momento, e segundo o escrito de acusación, un dos axentes “en acordo e anuencia do outro acusado, abusaron claramente do seu cargo e posición: o primeiro, sen norma que o amparase, agarrou á vítima por atrás, puxo a perna sobre as súas costas e ao mesmo tempo apertoulle fortemente o pescozo coas mans e a porra, sen que o outro acusado fixese nada para interromper esta acción”.
Foi nese momento cando a vítima, vendo que “ficaba sen aire, tentou safarse para poder respirar, agarrou con forza a porra do axente e puxou para adiante, motivo polo cal o citado axente caeu sobre el e comezou un loita en que “ambos os acusados, abusando novamente do seu cargo e sen norma que os amparase, coa única e exclusiva finalidade de atentar contra a súa integridade física e psíquica e denegrilo, comezaron a bater nel coas porras e outros obxectos non identificados, de forma repetida: na cara, cabeza,costas, zona costal , brazos e pernas”.
“No medio destas accións”, prosegue o escrito do Ministerio Público, “chegaron a rir á vez que comentaban : «este debe ser o último que saltou a cerca, a este había que darlle un tiro e acabou”.
Nese momento, a irmá da vítima, “ao ver a situación do seu irmán pediu aos acusados que parasen de golpear e os acusados, abusando do seu cargo e sen norma que os amparase, actuando conxuntamente ambos, bateron nela puxándoa polo cabelo”.
Como consecuencia destes feitos, “a vítima sufriu traumatismo cranioencefálico, feridas incisas parietal esquerda e occipital dereita, hematoma e excoriacións múltiplas, policontusións, tardando en curar 10 días dos cales 2 foron impeditivos das súas tarefas habituais. Ten como secuela unha cicatriz na cella dereita”.
Pola súa banda, a irmá sufriu “múltiplos hematomas en ambos os brazos e hematoma en rexión paravertebral dorsal esquerda, precisando unha única asistencia facultativa sen necesidade de tratamento médico nin cirúrxico. Tardou 8 días en curar, dos cales un foi impeditivo das súas tarefas habituais”.
Relatorio policial falso
Segundo o escrito de acusación, por mor deste incidente as dúas vítimas foron detidas, un acusado de atentado contra axentes da autoridade, e a segunda por resistencia, para o que realizaron un relatorio policial que entregaron na Comandancia da Garda Civil de Boiro no momento en que puxeron á súa disposición os dous detidos.
E esa é unha das chaves de todo este asunto, en que os dous axentes da Policía Local realizaron un relato dos feitos “sabendo que faltaban á verdade” e acusando o agredido de encarar os axentes cando estes acudiron ao lugar e comezando el a agresión, chegando a levantar no aire e atirar ao chan un dos axentes, que ficou conmocionado, en canto o outro tentaba reducilo, sen o conseguir, despois do que emprendeu a fuga “perdendo o equilibrio e batendo coa cabeza contra a esquina dunha casa próxima, caendo ao chan e sangrando abundantemente pola cara”.
Momento en que aparecería a súa muller que, “despois de increpar os axentes, agarrou un deles, o que permitiu que a vítima fuxise do lugar e procedendo á detención desta muller”.
Un relato dos feitos que contradi o das vítimas nunha tentativa de xustificar que a detención do home se produciu despois de ser atendido nos servizos de urxencias sanitarias onde o levou a irmá, tamén agredida.
17 anos de cárcere para cada un dos axentes por tres delitos
Por todo iso, a Procuradoría solicita para cada un dos dous axentes da Policía Local da Pobra do Caramiñal unha pena de dous anos e medio de prisión por un delito de lesións, outros 5 anos por cada un dos dous delitos de detención ilegal e cinco máis por un delito de falsidade en documento oficial. O que, en total, suma penas de 17 anos e medio de prisión para cada un dos axentes.
E que levarían, así mesmo, a inhabilitación especial para o dereito ao sufraxio pasivo e inhabilitación absoluta durante 8 anos, e a inhabilitación para o cargo de Axente da Autoridade durante seis anos.
Alén diso, o Ministerio Público pede unha indemnización de 4.000 euros por danos materiais e morais para o músico agredido, e outra de 2.000 euros para a irmá polas lesións sufridas.
Duras condenas que, en todo caso, serán examinadas na vista oral deste xulgamento que, 8 anos despois de acontecidos os feitos, terá lugar esta próxima semana nos xulgados da Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña