Seguen as mostras de solidariedade co nove activistas do País Valenciano e de Catalunya acusados de incitación ao odio e ameazas por pedir a un festival de música que cancelase a invitación dun cantante defensor das intervencións militares israelís contra os palestinos.

 

El cantante israelí Matisyahu, en una imagen de archivo. 

 

Un acto en València o vindeiro sábado 12 pola liberdade de expresión e contra a criminalización da solidariedade co pobo palestino impulsará unha semana decisiva para nove activistas acusados de cometeren actos de promoción e incitación ao odio e quen a procuradoría pede até catro anos de cárcere. Os feitos aconteceron no verán de 2015, no cadro dunha campaña pacífica levada a cabo por redes sociais que tiña como obxectivo convencer o festival de reggae Rototom Sunplash, que se celebra en Benicàssim, de cancelar o convite ao cantante sionista Matisyahu.

Durante esta xornada, que se celebrará no emblemático Palau de l’Exposició, está prevista a intervención dunha das persoas procesadas, que están chamadas a declarar en sede xudicial na segunda-feira dia 14. En sinal de solidariedade, tamén as acompañará a xornalista Lola Bañón, unha das últimas galardoadas nos Palestine International Award, Liliana Córdova, coordenadora europea da Rede Internacional Xudía Antisionista (IJAN), David Couso, activista contra a impunidade e portavoz da asociación Irmáns, Amigos e Compañeiros de José Couso (HAC), Rosa de Falastin Mustafà, deputada de Lles Corts polo PSPV-PSOE e Pau Alabajos, cantautor.

Con todo, as mostras de apoio aos nove procesados veñen de lonxe. Durante estes meses, recolléronse máis de 2.000 adhesións solidarias de persoas a título individual, máis de 300 de organizacións e entidades, e máis dun centenar de grupos musicais. De feito, durante a mesma edición do festival, algúns grupos como La Gossa Sorda ou o disc-jockey Carles Biano, decidiron cancelar a súa actuación e sumarse ao boicote.

Defensor da intervención militar
“Pediamos coherencia a un festival que leva por principios os dereitos humanos e a paz”, relata Irene, unha das mozas activistas. A activación da campaña perseguía, de feito, que a organización do festival dese a posibilidade ao cantor norteamericano de pedir desculpas por un historial de defensa de crimes de guerra e de violacións dos dereitos humanos. O cantor non accedeu e o festival cancelou a actuación. Apesar diso, poucas horas despois, o festival corrixiu a súa posición polas presións de varias embaixadas e administracións e devolveu o convite ao artista.

Segundo denuncia a campaña, Matisyahu negou en reiteradas ocasións a existencia do pobo palestino, colaborou na captación de fondos para o exército do apartheid israelita através da asociación Amigos do Exército Israelita (FIDF) e xustificou o asalto á Flotilla da Liberdade de 2010 por parte do exército israelita, en que morreron dez activistas. “Non promovemos esta campaña porque Matisyahu sexa norteamericano ou xudeu, senón porque é sionista”, subliña a denunciada.

Durante aqueles días de agosto de 2015, centenares de persoas secundaron a campaña nas redes promovida, entre outros grupos, polo BDS (Boicote, Desinvestimentos e Sancións a Israel). De feito, as probas documentais adxuntas á querela ocupan 6.000 follas a dobre cara onde se recollen os chíos e os perfís dos usuarios que participaron. “É unha denuncia a todo un movemento de solidariedade coa Palestina e en defensa dos dereitos humanos”, sentencia Irene.

 

Resultado de imaxes para activistas matisyahu valencia rottotom

 

Contra a liberdade de expresión
Consultada para este artigo, Maria Josep Martínez, unha das avogadas da defensa, considera que a causa non debería prosperar. “Os feitos non son constitutivos de ningún delito, nin de odio nin de ameazas nin moito menos de propaganda antisemita. A campaña que levou a cabo está amparada pola liberdade de expresión”, sostén.

Apesar diso móstrase cautelosa nesta fase de instrución, xa que unha das posibilidades é que se chegue a xuízo. “Este caso podería sentar un precedente. De feito, ese é o obxectivo que persegue a entidade que exercita a acusación popular: conseguir acalar o debate público sobre as políticas do estado de Israel de vulneración sistemática dos dereitos fundamentais e de recoñecemento do pobo palestino através da instrumentalización dos procedementos penais”, expresa Martínez.

Persecución ao BDS
Por trás da querela está Abel Isaac de Bedoya Piquer, que preside o Comité Legal contra o Antisemitismo e a Discriminación. Tal e como xa difundiron outros medios como Directa, este avogado é coñecido nas contornas xudiciais por defender acusados por corrupción como Lorenzo Sanz, ex-presidente do Real Madrid, ou Carlos Pascual Ortín Barrón, captador de clientes da empresa Gescartera, que foi condenado a tres anos de prisión por apropiación indebida.

Contodo, un dos puntos máis rechamantes do seu currículo recae na defensa de Carlos Alfonso de Bedoya, un dos detidos polo asasinato do mozo Aitor Zabaleta, asasinado as inmediacións do estadio Vicente Calderón en 1998. Apesar de que Carlos Alfonso de Bedoya foi finalmente absolvido, tratábase dun membro destacado do grupo ultra Bastión, responsábel da morte do seguidor da Real Sociedade, e da organización neonazi TNT.

Xunto coa asociación Acción e Comunicación en Oriente Medio (ACOM), que estes días tamén se pronuncia en redes contra as activistas que afrontan a querela, o Comité Legal contra o Antisemitismo e a Discriminación converteuse nun dos principais actores de criminalización das campañas pacíficas e de apoio aos dereitos humanos do pobo palestino e, en particular, dirixida contra o movemento BDS. Para os procesados, todos eles do País Valenciano e de Catalunya, non é de balde, xa que nestes territorios déronse algúns dos avances máis significativos nos últimos anos. A cidade de València e Lles Corts son, sen ir máis lonxe, a cidade e o parlamento declarados espazos libres de apartheid israelita que representan a máis poboación do mundo.