Pode considerarse a conduta dos maxistrados do Tribunal Constitucional de pospor a decisión acerca da situación de prisión provisoria en que está Oriol Junqueras como un suposto de demora maliciosa, isto é, como unha “demora provocada para conseguir calquera finalidade ilexítima (art. 449 do Código Penal)? Pode haber algunha motivación “obxectiva e razoábel” que xustifique pospor a decisión? Trátase dun caso tan extraordinariamente complexo e sobre o que é preciso obter e analizar información adicional, a fin de os maxistrados poderen ditar sentenza? Pode xustificarse no feito de que vai ser aberto no Tribunal Supremo o xulgamento oral contra Oriol Junqueras a posposición da decisión ou máis ben habería que considerar que a abertura do xuízo oral debería conducir á conclusión contraria? Que sentido tería que o Tribunal Constitucional considerase que a prisión provisoria de Oriol Junqueras foi contraria á Constitución e ao Convenio Europeo de Dereitos Humanos unha vez que o Tribunal Supremo tivese ditado sentenza? Non debería pronunciarse o Tribunal Constitucional sobre tal circunstancia antes de se iniciar o xulgamento? En poucas palabras: Que “finalidade lexítima” pode perseguir o Tribunal Constitucional pospondo a decisión?

O avogado de Oriol Junqueras anunciou a súa decisión de dirixirse ao Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos a fin de denunciar a “perda do obxecto” do recurso que interpuxo xunto do Tribunal Constitucional como consecuencia da inactividade deste. “Sen que, en ningún caso, poida producirse indefensión”. Estes son os termos que a Constitución utiliza ao recoñecer o dereito á tutela xudicial efectiva, que, no que aos dereitos fundamentais se refere comprende tamén o Tribunal Constitucional. E indefensión é, xustamente, o que padece Oriol Junqueras pola conduta dos maxistrados do Tribunal Constitucional.

A dificultade para que o TEDH admita a trámite o recurso que puder interpor o avogado de Oriol Junqueras salta á vista. Non se está recorrendo unha decisión, senón unha ausencia de decisión. Mais tamén as circunstancias que concorren neste caso son excepcionais. E coñecidas fora das fronteiras españolas. Entendo, ademais, que o que se solicitaría do TEDH é que se dirixise ao Tribunal Constitucional para que dese unha explicación de por que non adopta a decisión e se lle comunicase o tempo que necesita para facelo, instándoo a que ordenase a non abertura do xulgamento oral no Tribunal Supremo até non o facer.

En todo caso, a defensa de Oriol Junqueras pode solicitar ao Tribunal Supremo que pospoña a abertura do xulgamento oral até o Tribunal Constitucional ter resolvido e, caso de non ser atendida tal solicitude, podería interpor un novo recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional, solicitando a suspensión da abertura do xulgamento. Sobre este recurso o Tribunal Constitucional só podería ou inadmitilo a trámite ou admitilo e resolvelo. En calquera dos dous supostos xa se disporía dun acto que esgota a vía xudicial e que permitiría acudir ao TEDH.

O xuízo non debe poder abrirse sen a decisión do Tribunal Constitucional sobre a prisión provisoria de Oriol Junqueras. O Tribunal Constitucional e o Tribunal Supremo deberían ser os máis interesados en que así fose, mais, polo visto iso é como pedir o imposíbel.

Javier Pérez Royo

eldiario.es