Conmigo se pasan tres pueblos y un caserío (como dicimos en Badaxoz), pois me encerraron xusto acabados de facer os 25 para cumprir unha condena de 11 anos por tres atracos. E este ano fixen 47, imaxina’. Así se refería Pedro Escudeiro Gallardo á situación que sufría, nunha carta do pasado 25 de marzo e publicada no blog do Grup de Suport a Presxs de Ponent, para dar a coñecer que o compañeiro fora condenado a varios anos máis de cárcere, por unha contradenuncia dos mesmos funcionarios que el denunciara por malos tratos.

 

Resultado de imagem para pedro escudero gallardo

 

E continuaba contando:

Mais para min o máis grave é que levo case nove anos sen estar no cárcere de Badaxoz, que é onde me criei e teño os dous únicos irmáns que restan con vida, á miña filla e os meus sobriños. Perdín practicamente toda a miña familia nos máis de 25 anos consecutivos que levo preso, percorrendo en inmundos furgóns da garda civil toda a península ibérica. Téñenme secuestrado e represaliado por non ser un sumiso que deixa que lle pisen os principios. O caso é que eu entrei para cumprir 11 anos por tres delitos de expropiación, ou sexa, atracos, e non paran de condenarme cada vez que se aproxima a data en que termino as condenas, coa escusa de que cometín delito de atentado á autoridade cando mallan en min, estando alxemado ás costas. Ou cando algún dos carcereiros torce un pé ou un dedo por dar tantos golpes, como foi o último caso, polo que fun condenado a 3 anos mais de prision no pasado 25 de febreiro. Téñenme encerrado nunha masmorra onde non podo ver o ceo, onde non entra nin un raio de sol e onde non hai ninguén, ningun outro preso co que poder falar ou saír ao patio diminuto as dúas horas diarias que me deixan saír.”

 

Dúvidas sobre as circunstancias da morte de Pedro Escudero Gallardo

Estaba doente de cancro, mais, en lugar de ser excarcerado  ‘por razóns humanitarias e de dignidade persoal’, como di o regulamento prisional, tíñanno na peor ‘modalidade de vida’ posíbel en cárceres españois: isolado nun departamento de ‘réxime especial’, tratado como un preso ‘extremamente perigoso’, cando o que corría perigo era a súa vida; maltratado e presionado até a asfixia, cando necesitaba coidados e un tratamento médico que tamén lle era negado.

Agora din que morreu consumido por un incendio provocado por el mesmo na cela onde estaba encerrado. Aos carcereiros responsabeis non lles dá vergoña manifestar que non o sacaron da cela incendiada por medo a que os puidese agredir, así que o deixaron abrasar vivo.

Iso din, mais hai indicios de que puidese ser aínda peor. Un compañeiro que estaba en comunicación persoal con el descríbenos, no mesmo comunicado en que nos dá a terríbel noticia da súa morte, unha serie de pormenores sospeitosos. Como o matou o cárcere? Foi asasinado polos carcereiros? Prendeu lume á cela por desespero e deixáronno morrer por covardía os ‘funcionarios’ responsabeis da súa seguranza? A súa morte é, en todo caso, o resultado do sometemento sistemático a un tratamento cruel, inhumano e degradante.

As últimas notícias directas de Pedro Escudero Gallardo parecen contradicir o relato oficial

Novamente un centro de exterminio volve gañar a partida ante a ansia de liberdade dun preso.

Onte, cuarta-feira 15 de maio de 2019, ás 23h recibo unha chamada desde un número da Coruña (mal asunto). Pregúntanme que se son familiar do preso Pedro Escudero Gallardo, ao que respondo que si, que me considero o seu irmán político. ‘Sentímolo moito, mais Pedro prendeu lume ao colchón da cela e morreu, non puidemos sacalo a tempo’ ‘Que?’

Sobre as 13h da mesma cuarta-feira chamárame un número oculto, era Pedro, contento, voltara a Teixeiro, outra vez perto de nós, da xente que o queremos. Alágame unha alegría enorme, por fin volta a nós e podemos volver visitalo. Ademais, dime que, despois de ano e medio en isolamento, seguirá uns días máis nese réxime, mais que volta ao módulo 13, a primeiro grao. Un avance enorme no seu día a día!

Algo non encaixa, está claro. Como alguén que che dí contento por estar perto da xente que o quer, 5 ou 6 horas despois préndese lume na cela? Pedro estaba á espera dun xulgamento como denunciante por unha malleira que lle deran uns carcereiros o 24 de Novembro de 2018, os carcereiros que estaban nese momento de servizo, son os mesmos que estaban cando supostamente, outro preso en isolamento (como Pedro), tamén prendeu lume na súa cela. Sospeitoso.

Outro dato, teoría miña (aínda sen confirmar), é que o preso que supostamente prendeu lume á súa cela antes de Pedro, é un mozo árabe, que tamén estaba pendente dun xulgamento por torturas e ademais, ía ser chamado para testemuñar no xulgamento de Pedro pola malleira recibida por este no 24 de Novembro 2018.

Esta entrada foi publicada en La cárcel mata no 16 maio, 2019.