Na última década dous momentos destacan no que se refere aos casos de violencia estatal, os anos do 15-M e o do 1-O. Tanto en 2012 como en 2017 houbo máis de 600 denuncias por torturas no seo dos movementos sociais. Estes e outros datos son analisados no libro La tortura en la España contemporánea (Catarata, 2020) coordenado polo historiador Pedro Oliver.

Segundo os datos recompilados pola Coordenadora para a Prevención e Denuncia da Tortura, na última década dous momentos destacan no que se refere aos casos de violencia estatal. Estes dous momentos serían os anos 2011-2012, os días en que o 15M estendía o protesto en rúas e prazas, e 2017, o ano do 1-O en Catalunya. Tanto en 2012 como en 2017 foron máis as 600 denuncias por torturas no seo dos movementos sociais, os datos máis altos desde 2004 no conxunto de colectivos e que superan con moito ás denuncias emitidas durante os anos da loita antiterrorista.

Con estes datos na man, que se analisan no capítulo cinco do libro La tortura en la España Contemporánea (Catarata, 2020), Pedro Oliver, o seu coordenador, defende que, apesar do que popularmente puidese parecer, nos últimos tempos o maior número de persoas represaliadas non son terroristas, senón activistas de movementos sociais. Charlamos con Oliver, doutor en Historia e profesor de Historia Contemporánea na Universidade de Castilla-La Mancha, e con outro dos autores desta investigación, Daniel Oviedo, doutor e investigador do Fondo Documental da Memoria Histórica da Universidade Pública de Nafarroa, para analisar as mudanzas nas prácticas e nos suxeitos sobre os que recae a violencia estatal a Inquisición á actualidade.

 

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

 

Pedro, afirmas na introdución do libro que faltan moitas probas mais que hai demasiados indicios e nos sobran sospeitas. Como é investigar sobre as torturas?
Pedro Oliver: Investigar sobre as torturas, se imos moi atrás, é indagar nun mundo subterráneo de termos e de conceptos que escamoteaban a palabra tortura, aínda que é verdade que a palabra estaba formándose como tal. Hai que ir buscando nas inercias do proceso inquisitorial que ficaron nas prácticas da xustiza e hai que ir ler entre liñas nas queixas dos prisioneiros e dos presos. O normal é que se formulasen onde non poderemos nunca chegar, parece que tomaron nota algúns xuíces visitadores que foron ás prisións ou algúns políticos do liberalismo máis radical que no século XIX fixeron chegar as voces aos medios oficiais da época.

A medida que nos achegamos ás décadas charneira do XIX ao XX aparece unha figura colectiva, que contribúe a que se distinga a tortura gobernativa, que é basicamente a policial e carceraria. E esta é a figura social do anarquista, a do movemento libertario que se ve inmerso en procesos de forte represión, castigo e portanto tamén de denuncia. Eles e elas son os que saben articular unha auténtica campaña de propaganda e axitación onde a palabra tortura, asociada case sempre á pena de morte, vai adquirindo os trazos que hoxe podemos darlle, como é a denuncia do exercicio dunha violencia totalmente extraxudicial ao abrigo da opacidade dos lugares de detención ou custodia nas prisións.

 

Cazarabet conversa con... Pedro Oliver Olmo, coautor de "Protesta democrática y democracia antiprotesta. Los movimientos sociales ante la represión policial y las leyes mordaza" (Pamiela).                                                                                              Pedro Oliver

 

 

É máis fácil falar do pasado que do presente?
P. O.: Para un historiador é máis fácil falar do presente, infelizmente como cidadáns. Algúns din “aínda hai tortura” como se andásemos nun camiño de rosas cara ao ideal. E non é verdade, é consubstancial á violencia institucional que a tortura apareza na actualidade. Para os historiadores do social e do político e portanto tamén da represión e da violencia as etapas talvez máis interesantes son precisamente aquelas onde máis se abundou na investigación, como é a guerra civil ou o franquismo.

Daniel, ti que centrache a túa investigación na guerra civil, vexo que documentache torturas en ambos os bandos. Existen diferenzas?
Daniel Oviedo: Efectivamente, existen diferenzas. Un dos aspectos novos no que di respecto ao uso da tortura na guerra civil é que hai unha intensificiación e unha ampliación dos actores que se implicaron nela ou que a sufriron. Isto é común a outros tipos de violencia que proliferaron durante o conflito. O que aconteceu é que no propio esforzo bélico das partes, así como nas transformacións que sufriron as retagardas, participaron diferentes colectivos sociais e políticos e nalgúns dos casos eses actores asumiron tarefas parapoliciais e paraxudiciais, sobretodo na retagarda republicana. Dentro das súas actividades, si se documentan algunhas prácticas de malos tratos, que en ocasións poden ser catalogadas como de tortura. Por súa vez, nun contexto de violencia masiva e multilateral alimentada por motivacións moi diversas, o perfí de quen sufriu malos tratos transcendeu amplamente as figuras tradicionais dos detidos políticos e sociais e incluíu, por exemplo, persoal relixioso.

A diferenza fundamental entre zonas radica en que, na retagarda franquista resulta evidente que existiu un grao de planificación da violencia desde arriba, unha continuidade no tempo de prácticas como a tortura e, en definitiva, unha sistematicidade, que non observamos na zona republicana. Na zona republicana, apesar dalgunhas excepcións asinalabeis, a evidencia de torturas é menos abundante e todo parece indicar que tamén o foi a incidencia. Moitos dos actores que formaron parte da constelación de poderes que emerxiron ao calor do golpe de estado foron diluíndose en novos organismos instituidos polas autoridades republicanas co andamento do conflito. En último termo, desde as propias instancias gobernamentais téntanse reducir estes “excesos”. Isto non quere dicir que non houbese torturas no seo dos organismos policiais e de investigación e intelixencia que se instituíron na zona republicana (como o Servizo de Investigación Militar). Hóuboas. Contodo, esas torturas non foron tan habituais nin se nutriron dun apoio ou tolerancia decidido e sostidos desde arriba.

No caso do franquismo, estas prácticas (que tiñan xa un importante percorrido prebélico) foron prolongadas e convertéronse nunha característica definitoria do réxime e dos seus aparellos policiais. Desde os primeiros compasos da guerra e durante toda a súa existencia, o franquismo reuniu algunhas das condicións que facilitan a proliferación, o uso sostido e a transcendencia no ámbito penal das torturas. Entre estas están a prolongación dos períodos de detención e o peso das actuacións e versions policiais na instrución xudicial e nos eventuais “feitos probados”.

 

A tortura do franquismo perdura en esencia, porque estamos a falar do exercicio dunha violencia que toma ao detido como un instrumento non como unha persoa

 

Do franquismo á actualidade, estes métodos perduran, talvez non coa mesma intensidade, mais si na súa esencia? Como o vedes?
P. O.: En esencia si, porque falamos do exercicio dunha violencia completamente impropia, totalmente desproporcionada, que trata o reo ou o detido como un instrumento non como unha persoa, como unha cousa sobre a que descarregar. Esa violencia con fins completamente ilegais e inhumanos que chocan, de feito, se falamos da paradigma actual, coa Declaración dos Dereitos Humanos. Pensemos que non só se trata da violencia física, senón das pegadas psicolóxicas que todo iso deixará nesa persoa, das consecuencias que todo iso terá non só no seu presente senón na súa vida futura e na das relacións humanas coas que terá que lidar esa persoa que foi obxecto de tortura.

Verdadeiramente aí o Estado retrátase como un axente dun biopoder absolutamente desprecíbel contra o que hai que reaxir. E nese sentido non me gustaría deixar de dicir que eu percibo que hai tres tipos de reaccións ante esta existencia da violencia institucional: unha é a que o nega todo e este é o discurso hexemónico que a trata como casos isolados. Neste libro demostramos que son demasiados casos isolados como para os considerarmos isolados. Isto non só sostén o principio weberiano da lexitimidade do estado á hora de exercer a súa violencia senón que oculta a peor das violencias de estado que é a extralegal e a oculta.

Despois hai outra reacción, poderiamos dicir, a que é mecanicista que vén dicir que como todo Estado exerce a violencia pois o que hai que facer é negar o propio Estado. Do meu punto de vista esta é máis respectábel mais non a vexo moi funcional. Creo que é moito máis interesante aplaudir quen está na outra vía, a vía prevencionista. Como se prevén? Através da denuncia, mais tamén através da asistencia á xente que é violentada e torturada.

O que si que creo que mudou son as reaccións ante a tortura. Se dicimos que os anarquistas conseguiron situar a tortura como concepto moderno de denuncia política á que logo se unirían a principios do século XX socialistas e republicanos, hoxe en día tamén hai que saudar quen insiste nos comités contra a tortura e nas asociacións prodereitos humanos en prevenir isto.

D. O. : Resulta habitual que algúns dos actores que protagonizan ou amparan desde as institucións a tortura se refiran a ela como unha invención das vítimas para socavaren a credibilidade do Estado. Ao longo de todo o período estudado, moitas queixas ou retractacións das persoas afectadas que ante os xuíces voltaban atrás das súas declaracións arrancadas pola forza eran rotuladas como invencións e estratexias armadas, nomeadamente polos presos políticos, para xerar confusión e minar a autoridade dos funcionarios. Este tipo de apreciación ten un amplo percorrido cronolóxico e é un dos argumentos que alicerza a profunda indefensión dos detidos.

As dificultades inherentes a contar a tortura constitúen outra constante ao longo do tempo. A tortura bate duramente na alma e o corpo e, a miúdo, somete quen a sofre a experiencias e secuelas difíceis de ser contadas e comprendidas coas ferramentas conceptuais e mesmo emocionais comúns ao conxunto da sociedade. Por outro lado, alén de permaneceren ocultas por vontade dos seus perpetradores, estas prácticas levaron aparellado un certo tabú no seo de parte dos grupos que as sufriron. Así, en non poucos momentos e contextos as persoas sometidas a tortura arrastraron un certo estigma por suporse que puideran facilitar algún tipo de información e foron por iso tamén sinaladas como posibeis delatoras ou como traidoras.

A tortura por veces é exercida con prácticas arrepiantes mais a máis común, a máis cotiá, é a da malleira

 

 

O que si ha ir mudando son as persoas que sofren esta tortura, como as persoas migrantes ou racializadas ou os movementos sociais.
P. O.: No capítulo cinco do libro, Eduardo Parra, através da información que foi elaborando a Coordenadora para a Prevención e Denuncia da Tortura que nos fala dos perfís das persoas que sofren as torturas, e en contra do que popularmente se transmite, que os membros de ETA, os terroristas ou aqueles que se ven inmersos en procesos de detención e denuncian torturas o fan como unha estratexia máis de defensa e de virar o Estado do aveso son os maioritarios, mais non é verdade. Os datos din que, á parte da presenza de denuncias de militantes de organizacións armadas, temos principalmente vítimas de movementos sociais, movementos de protesto nos últimos anos.

Tamén hai outra maneira de ver como se han ir exercendo estas prácticas dependendo do xénero, da clasificación que o Estado atribúe ao reo. A tortura é dolorosísima para os detidos por causas políticas, principalmente na época ditatorial. Mais non esquezamos que o que chamamos tortura e malos tratos exércese tamén contra o preso criminalizado totalmente, o preso común, aquel que non ten o respaldo dun contorno familiar, político ou de asociacións ou movementos que poidan dar un certo apoio moral. E esa xente é a que sofre dunha maneira máis calada.

A tortura ás veces exércese cunhas prácticas arrepiantes mais a tortura máis común, a máis cotiá, é a da malleira.

Durante a guerra civil e o franquismo as mulleres sufriron un tipo tortura diferenciada, con prácticas especialmente crueis como agresións sexuais, correntes eléctricas e queimaduras nos xenitais ou humillacións, paseos e raparlles o cabelo.

Falades das torturas asociadas ao xénero. Na guerra civil houbo bastantes prácticas específicas contra as mulleres, como as violacións non foi?
D. O.: No caso da guerra civil e o franquismo é bastante evidente e está documentado que existe un tipo de represión sexuada que muda en función do suxeito que a sofre. E neste caso cando a sofren mulleres apréciase que esta violencia se dirixía especificamente aos elementos considerados característicos da feminidade. É certo que as mulleres sufriron os mesmos golpes que os homes. Contodo, deuse tamén un asañamento particular mediante prácticas concretas como determinadas agresións sexuais, golpes, correntes eléctricas e queimaduras nos xenitais ou os peitos. As mulleres eran espidas con frecuencia e sometidas a todo tipo de humillacións. Algunhas autoras concluíron que as violacións chegaron a converterse en toda unha arma de guerra.

Alén desta vertente parcialmente soterrada, oculta principalmente por atrás dos muros dos espazos de detención, boa parte das humillacións a que eran sometidas as mulleres tiñan un notorio ingrediente público. É o caso, por exemplo, dos paseos ou os cortes de cabelo á escobiña. A literatura sobre a guerra demostrou que estas prácticas responden a unha vontade de devolver a muller aos seus roles tradicionais por medio da forza e de reverter os procesos de modernización, limitados mais visíbeis, que se produciron no primeiro terzo do século XX e sobretodo durante a experiencia republicana.

Pensando en todas as etapas que engloba o libro, cal é a época con máis luz, con máis focos sobre a tortura?
P. O.: Do punto de vista cidadán, desde logo a actual, porque existiron unhas condicións máis ao alcance da man para poder traballar e de recoñecemento. É a etapa con máis luz. Ora ben, non deixa de ser unha contradición falar de luz sobre algo que é fundamentalmente obscuro e o será nestes mesmos momentos. Talvez nestes instantes alguén nalgunha prisión sofre un tipo de malos tratos degradantes. E por que talvez? Porque os prevencionistas da tortura, tamén somos antiestatalistas, queremos parar aí.

A luz foi posta sempre desde abaixo, ás veces con axuda xudicial, polos os movementos sociais. Fixérono a finais do XIX e principios do XX. Tentaron facelo aqueles grupos que desde a clandestinidade na ditadura franquista pretendían denunciar e levalo á opinión pública internacional xa que aquí era tan complicado facer ese tipo de denuncias. E despois, cando chegou a democracia, como moita xente abrazou o principio de aquí non pasa nada, ficaron as asociacións de apoio aos presos e son as que deitan luz.

Non foi a República un bo momento para a denuncia da tortura?
P. O.: Foi, si, un bo momento para empoderarse no sentido de tentar que recuasen ou mesmo que fosen abolidas certas prácticas, como ocorreu coa pena de morte, que ninguén puidese levantar a bandeira dun punitivismo excesivo, por exemplo da cadea perpetua que fora abolida en 1928, e tamén a denuncia da violencia nas prisións ou das torturas.

Foi un momento de oportunidade. Mais ollo, a República, despois de pasar as etapas máis eufóricas, incluíndo o propio goberno azañista reformista, logo deu os seus pasos contrarios, recuou. Por exemplo no campo das prisións, caería Vitoria Kent como un emblema de posíbel renovación. E no campo tamén destas expectativas que creara a República, pois logo comezou a crear un discurso de lei e de orde. A propia Lei de Defensa da República, a Lei de Vagos e Maleantes. A República ten tamén a súa visión punitivista e, sobretodo, os seus medos que a fan reaccionar con control e apagou aquelas expectativas.

D. O.: A etapa actual é quizá a de máis luz, mais, como adverte Pedro, convén non aforrar matices a este respecto. Temos, por exemplo, un ministro de Interior que foi reprobado varias veces por non prestar a debida atención a posibeis torturas denunciadas por persoas a que se instruían procesos no seu xulgado. Os organismos internacionais competentes condenaron e lamentaron que, como pouco, non contribuíse a que aquelas denuncias fosen tramitadas e, portanto, a ofrecer garantías para a prevención destas prácticas.

 

A nova Lei de Memoria Democrática non garante a persecución penal dos crimes franquistas

 

A Lei Amnistía que chegou coa democracia e pola que España xa foi reprobada por algunhas institucións como a ONU condúcenos á impunidade dos crimes franquistas. Cres que finalmente poderán ser xulgados algúns dos torturadores do réxime?
D. O.: A Lei de Amnistía foi utilizada de forma reiterada para evitar que sexan investigadas e xulgadas persoas con diversas responsabilidades na existencia e aplicación de torturas. Xa non se trata apenas de que non poidan ser condenadas, é que, coa interpretación que se fixo da Lei de Amnistía, nin sequera se procede a investigar en suficiente profundidade se existiu ou non delito que for susceptíbel de ser amnistiado.

Se se observasen os acordos internacionais en materia de dereitos humanos que España subscribiu, a tortura debería ser investigada e xulgada. O que acontece é que en ocasións se interpreta que non había sistematicidade nas torturas e nas violacións dos dereitos humanos e, portanto, o seu carácter imprescriptíbel é negado. Contodo, do punto de vista dos dereitos humanos, trátase de delitos que non prescriben nin poden ser obxecto de amnistía. Por iso é polo que, por exemplo, o relator especial da ONU reprendeu España pola vixencia e a aplicación desta lei.

 

Daniel Oviedo Silva – Microhistory Network                                                                                                           Daniel Oviedo

 

Una das vías abertas na actualidade, precisamente botando man da xurisdición universal, é a coñecida como ‘querela arxentina’ que segue a xuíza arxentina María Servini. O estado español puxo bastantes empecillos á investigación dificultando, por exemplo, que algunhas testemuñas e posibeis imputados chave prestasen declaracións. Finalmente hai non moito declarou o ex ministro Rodolfo Martín Vila, a quen se relaciona con algúns delitos graves perpetrados durante a Transición. É unha vía lenta que tampouco ten garantías de chegar a bo porto, mais serve para esgotar as posibilidades que ofrece o dereito internacional e para visibilizar unha problemática cuxa solución doméstica continúa sendo adiada. En materia de tortura, é habitual personalizar e a vía xudicial pode dar a sensación de que esa tendencia se acentúa. É común prestar atención a figuras como Billy el NIño ao tempo que se perde de vista que el foi só un dos axentes asiduos a estas prácticas e, en último termo, unha manifestación dun aparello policial e de orde pública que facilitou o seu emprego sistemático..

E que hai do Anteproxecto de Lei de Memoria Democrática? Establece algún compromiso a este respecto?
D. O.: O Anteproxecto de Lei de Memoria Democrática fai algunha mención á necesidade de investigar os crimes franquistas, mais non garante a súa persecución penal. Podería pensarse, mesmo, que é deliberadamente vago a este respecto. É por iso que diversos colectivos poñen en dúbida o papel tería a figura do novo Procurador público que se menciona no texto.

Respecto das torturas, sería preciso saber, por exemplo, se esta Procuradoría estaría facultada para perseguir eses delitos ou para solicitar dos arquivos das forzas de seguranza do Estado (Garda Civil, DGS e, en particular, Brigada Político Social) as identidades dos responsabeis nas datas e lugares que indicasen os denunciantes e testemuñas. Así o expresaron recentemente, por exemplo, os colectivos organizados en torno ao Encontro Estatal de Colectivos de Memoria Histórica e de Vítimas do Franquismo.

Sara Plaza Casares

El Salto Diario