Son persoas con discapacidade xulgadas e condenadas a unha pena de prisión. Comparten módulos e un réxime interno de carácter disciplinario moi estrito que malia todo busca a rehabilitación das reclusas e reclusos en igualdade de condicións e oportunidades.

 

Resultado de imagem para carcere

 

Ana María Castro visita o cárcere da Lama cada semana. Forma parte da comisión penitenciaria do Colexio de Avogados de Pontevedra, que presta asistencia xurídica gratuíta ás presas e presos. Tramitan queixas, recursos sinxelos, terceiros graos, moitos divorcios e calquera outra cuestión que non interceda cos asuntos propios que lles levan os seus avogados. “Imos unha tarde enteira e traemos traballo para varios días”. Ana María é avogada especialista en discapacidade e dependencia.A súa experiencia levouna a observar con detemento a situación das persoas reclusas con diversidade funcional dentro da prisión. “Cada día vía que non se cumprían os dereitos que recollen os acordos internacionais así que decidín estudar con detalle a situación dos presos con discapacidade no contorno penitenciario.

Desde hai máis de seis anos desenvolve unha tese que analiza o grao de cumprimento da convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade no contorno penitenciario.

Segundo os últimos datos facilitados por Instituciones Penitenciarias, a finais de 2017 había 4.823 presas e presos con discapacidade internos en todo o Estado, arredor do 10% da poboación reclusa. Hoxe na Galiza hai 320. Presas e presos con discapacidade física, psíquica, intelectual e sensorial con necesidades específicas.

Á procura dun ambiente carcerario accesíbel

Nin a Lei Orgánica Penitenciaria de 1979 nin o Real Decreto de 1996 que desenvolve o Regulamento Penitenciario falan de discapacidade, así que son os tratados internacionais máis a Lei Xeral dos dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, de 2013, os que rexen e requiren un contorno penitenciario accesíbel ás persoas con diversidade funcional, sen barreiras que impidan a súa participación plena e efectiva no día a día, coas mesmas oportunidades que o resto dos internos.

 

«Hai situacións patolóxicas que ben ou mal diagnosticadas deberían resolverse con medidas alternativas ao ingreso en prisión». Fernando Blanco – EsCULcA

 

Un logro complicado nun “contexto escuro, pouco transparente e sen fluxos de información” como é o carcerario, di Fernando Blanco, secretario de Esculca, o Observatorio pola defensa dos dereitos e as liberdades. Desde os seus inicios, a asociación vixía e denuncia as violacións máis graves que se dan dentro dos cárceres, ademais de atender puntualmente asuntos relacionados coa sanidade penitenciaria e o estado das infraestruturas que rodean as persoas presas. “Traballamos aspectos relacionados coa tortura, cos malos tratos, casos de privación indebida ou de rigor innecesario. É un asunto nuclear para Esculca”.

En materia de discapacidade recoñece que dispoñen de poucos datos de Galiza. A primeira queixa que xestionaron foi a dun preso interno no cárcere de Teixeiro que ía en cadeira de rodas. “Coñecémolo na Lama e contactamos con el por unha cuestión que nada tiña que ver coa súa discapacidade”. Durante os dous anos que o visitaron viron como salvaba a pulso un chanzo duns 40 centímetros para poder acceder a calquera dos locutorios da prisión onde se comunicaba cos letrados. “Foi a raíz disto que descubrimos as dificultades que implica a estrutura penitenciaria mesmo en lugares onde se eliminaron as barreiras arquitectónicas”

Poden ser as máis evidentes, pero non son as únicas que estorban, e menos no medio penitenciario, onde o grupo de reclusos con enfermidades mentais é xunto ao das persoas con discapacidade intelectual un dos colectivos con diversidade funcional máis numeroso. A día de hoxe, Instituciones Penitenciarias rexistra 99 reclusos con discapacidade psíquica e 114 con discapacidade intelectual nas prisión galegas. Con todo, a letrada Ana María Castro cre que son imposíbeis de cuantificar porque moitos pasan inadvertidos como casos de drogadicción. O máis importante, di, é que se atendan as súas necesidades específicas como ordena a Convención de Nacións Unidas.

Barreiras de comprensión e comunicación

“O dereito de acceso á xustiza non se cumpre cos medios esixidos. Os presos con discapacidade psíquica ou intelectual non entenden os procedementos nin as resolucións xudiciais. Son necesarios mecanismos que garantan o pleno acceso: o uso dunha linguaxe sinxela, textos adaptados e ferramentas de acceso á comunicación.

 

«A lei recolle centros intermedios, pero non existen. O cárcere é un medio totalmente hostil para os presos comúns e máis para os que non falan nin teñen relación con ninguén. Se se busca a reinserción da persoa, a inclusión, a igualdade, en prisión isto non existe” – Ana María Castro – Avogada

 

Non saben dicir que lles pasa, poñer unha queixa, recorrer”. Moitos teñen dificultades para ler e escribir, e no cárcere todo se tramita por escrito.

Ao seu entender faltan recursos, e sobre todo, persoas de apoio que “sen ser funcionarios de prisións presten asistencia continuada dentro do sistema”. Unha encomenda que moitas veces lidera o terceiro sector, asociacións e profesionais externas que interveñen para paliar os coidados que o sistema penitenciario non é quen de asumir.Desde 2002, Fademga Plena Inclusión Galicia vén renovando un convenio con Instituciones Penitenciarias para executar o “Programa de atención a persoas reclusas ou sometidas a medidas alternativas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento”.

Rocío Rei é unha das tres técnicas que visitan semanalmente os cárceres de Teixeiro, A Lama e Pereiro de Aguiar. Aos de Bonxe e Monterroso acoden tres ou catro veces ao ano para facer un seguimento dos presos trasladados. Na actualidade atenden 57 internas e internos, ademais de prestarlles apoio aos que saen en liberdade e de colaboraren en espazos de formación e prevención para evitar que outros cometan delitos, sexan vítimas ou cómplices sen se decatar.

 

Resultado de imagem para carcere

 

“Traballamos cun colectivo moi específico de reclusos que veñen de contornos moi marxinais e cun abano de necesidades moi amplo. Atendemos as propias de cadaquén pero tamén facemos actividades en grupo, máis dinámicas: obradoiros de coiro e pintura, talleres de pensamento libre, debates sobre asuntos de actualidade e temas que lles preocupan”.

Hai quen non sabe os días da semana, quen precisa apoio para mirar a hora, para manexar os cartos, para interpretar o que pasa coa axuda de pictogramas, e sobre todo, para saber onde está e que ten que facer.

“Comprender as normas e o funcionamento interno resúltalles moi complexo. Facerlles entender que hai que erguerse ás oito, asearse, manter os espazos limpos é fundamental”, tamén para evitar sancións inxustificadas.

 

«Cando o sistema actual non pode abarcar todas as necesidades dos presos polas súas características cómpren centros alternativos. Hai que adaptalos e levalos ao día a día para que sexan unha opción real” – Rocío Rei – Fademga

 

“Os nosos compañeiros de Asturias elaboraron unha guía adaptada de lectura fácil que explica os primeiros pasos en prisión, e comeza a implantarse un vídeo explicativo para persoas con discapacidade sensorial”.

Presos dun sistema inflexíbel

Malia que hai máis información e o sistema é sabedor das limitacións de acceso e dos dereitos específicos das persoas con discapacidade, a “lóxica penitenciaria” non deixa avanzar cara a implantación de políticas realmente inclusivas na busca duns criterios mínimos de igualdade entre todos os reclusos.

Segundo Fernando Blanco, a rixidez do réxime penitenciario coarta calquera mecanismo de rehabilitación ou de accesibilidade plena por parte do sistema, “se é que iso existe”.

Neste contexto, “as persoas con discapacidade son aínda máis vulnerábeis” engade Rocío Rei. “Velo cando estás dentro. Moitos non queren ser etiquetados nin falar abertamente do que lles pasa por se quedan marcados. Outros nin sequera saben da situación na que están. Son máis suceptíbeis de sufriren abusos”.

Ana María Castro presentará en setembro as conclusións de sete anos de traballo. Malia os avances en materia de formación e xurisprudencia é moi crítica. “Eu vexo a situación peor do que a perciben os presos. Moitos descoñecen o seu dereito de acceso á xustiza ou a protección da saúde mental máis aló do control da medicación e de terapias puntuais, a letras máis grandes, se non ven, a un sistema de luces ou intérpretes, se non oen. Non vale dicir que non hai recursos, recólleo unha lei de obrigado cumprimento. Haberá que destinar partidas a subsanar estas carencias”.

SUSANA ROIS

Semanario Sermos Galiza