A Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias aprobou unha instrución que bloque o acceso aos expedientes elaborados polo persoal dos cárceres sobre a conduta das persoas presas.

 

Funcionario de prisiones.

 

A Instrución 13/19, asinada polo Secretario Xeral de Institucións Penitenciarias, Ángel Luís Ortiz, establece o procedemento que regula o acceso das persoas presas ao seu propio expediente, así como as tres causas que permiten vetar ese acceso. Tres causas que se resumen nunha única censura: evitar que a persoa presa poda coñecer os relatos e valoracións que se fan sobre o seu comportamento no cárcere e quen os fai.

Garantir o anonimato dos funcionarios

Así, a consulta do expediente poderá ser vetada “por circunstancias acreditadas de perigo ou que afecten a seguranza dos técnicos que emitiron os relatorios aos que se pede acceso”.

Os expedientes inclúen relatorios e opinións dos funcionarios de prisións que tratan co recluso, do psicólogo e do traballador social da prisión, así como doutro persoal do centro penal. Esta restrición iría portanto na liña de evitar que, por exemplo, unha persoa presa poida ver que certo funcionario emitiu un informe negativo sobre a súa conduta, ou que opinou de forma negativa sobre a concesión dun beneficio penal.

Evitar a perda de confianza

Tamén se contempla, como outro motivo para denegar a consulta do expediente, que ese acceso poña en risco “a efectividade do tratamento prisional e/ou interrompa a relación de confianza entre internos e profesionais, como consecuencia do coñecemento que os internos puideren ter dos informes técnicos emitidos respecto deles”.

Neste caso, o director decidirá se permitir ou non á persoa presa ou á súa defensa consultar o expediente  “tendo en conta o manifestado a respecto diso polo profesional no momento da súa emisión”.

Pedir o acceso de forma reiterada ou abusiva

Ademais, a terceira razón para bloquear a petición dunha persoa presa de consultar o seu expediente é que “pretenda acceder a información dunha forma reiterada ou abusiva”, ou ben “requira documentación que pola súa natureza debe estar en poder do interno”.

Institucións Penitenciarias considera repetitivo “o exercicio do dereito de acceso en máis dunha ocasión durante o prazo de seis meses”, tal e como se establece na Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Un dereito até agora non regulado

Desde o sindicato ACAIP aseguran que até agora a decisión de permitir ou non consultar o expediente tomábao cada director de prisión, sen unha norma específica que seguir.

Un portavoz de Institucións Penitenciarias confirma que até agora non existía unha instrución que regulase este asunto, senón que se articulaba en base a normas superiores que se citan, como regulamentos e directivas europeas sobre protección de datos, leis nacionais sobre regulación prisional así como sobre protección de datos, transparencia e expedientes administrativos, e xurisprudencia de tribunais.

Neste último caso, cítase como precedente para regular este asunto unha sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos que condenou o Reino de España por non proceder a entregar unha copia do expediente disciplinar a un preso.

Por iso apróbase esta instrución, que establece como principio xeral “o acceso ao expediente penitenciario”, que haberá de facerse mediante instancia dirixida á Oficina de xestión.

A instrución tamén contempla que as persoas presas sometidas ao réxime FIES (Ficheiro de Internos de Especial Seguimento), poidan pedir igualmente acceder ao seu ficheiro FIES co mesmo procedemento e coas mesmas excepcións.

El Confidencial Digital