Do seu laboratorio sae exclusivmente o que lle é útil, o que é imprescindíbel para a súa propia vantaxe (…) todos os outros dardos consérvaos para a vinganza persoal e o asasinato político

Stefan Zweig. Fouché

¿Qué sabemos sobre el supuesto ofrecimiento de trasladar a ...

 

Talvez vivir a sangrenta transición afiounos a sensibilidade democrática, mais é ler “malestar na Garda Civil” e removérenseme as entrañas, tanto máis se o malestar entre eses señores de uniforme provén, segundo din, do contido dunha sentenza firme en que un tribunal estableceu a verdade xudicial. Mais quen son os gardas civís para cuestionaren a aplicación da lei e o establecemento dos feitos probados após un xulgamento contraditorio realizado ante xuíces independentes e só sometidos ao imperio da lei? Pretenden xulgar os picoletos?

Non é brincadeira.  Ainda que estamos mergullados nunha situación de pesadelo sanitario e social, é imposíbel fechar os ollos ás verdadeiras violacións da orde das cousas, as da orde democrática que fai que as policías investiguen exclusivamente para someter os resultados do seu traballo á Xustiza. Someter. Dá medo este corpo que, segundo leo en El Mundo, se permitiu facer “un estudo da sentenza”, un estudo dunha sentenza, señores!, os gardas, que din que os xuíces o fixeron mal. Estamos tolos ou é algo aínda peor do que iso? Non só non é misión da Garda Civil corrixir os tribunais, e facelo público, senón que tal ousadía se afasta tanto da súa misión que parece unha revolta.

Por suposto, das partes das suposta análises publicadas só se deduce que non só deturparon ou malinterpretaron os feitos senón que, cando o tribunal esclareceu nunha magnífica sentenza o que pode considerarse probado e que non, eles insisten en varias mentiras e deducións ilóxicas que infiltraron no procedemento. Alguén vai ter que pór no seu lugar esta xente porque esta extralimitación das súas funcións, as delirantes interpretacións que realizan en casos que poden ter implicacións políticas, sempre penden para o mesmo lado.

A cuestión é que no caso de Trapero, as fantasías policiais dos beneméritos destinados en Barcelona toparon cun tribunal honesto e sabio, coa única excepción da maxistrada casada cun coronel desa institución, que subscribiu un voto particular que consistía en voltar a reproducir os atestados e dalos como palabra divina. Non sempre acontece así. Esta mesma semana en Barcelona, os delicuescentes relatorios presentados sobre un suposto “estado maior” de Puigdemont conectado coa Rusia de Putin foron dar cun maxistrado, de traxectoria polémica, que aceptou autorizar unha violación masiva dos dereitos dunha vintena de persoas baseándose nun relato que, a verdade, como pouco é enlouquecido e como moito unha delirante brincadeira de mal gusto.

Réstanos, no medio ao barullo dos toques de recoller e as alarmas, que o xuíz asumiu que Putin iría mandar 10.000 soldados a Cataluña e o escribiu en papel timbrado, co consecuente escarnio da embaixada da Rusia en Twitter e coa menos agradábel indignación diplomática expresada despois de forma oficial. O xuíz limitouse a copiar no papel un relato da Garda Civil inconexo, que confunde actividades lícitas con estrañas conspiracións, que inclúe nomes de persoas ás que nin sequera acusan de nada mais sobre as que estenden o seu fume de sospeitas, e converten relacións perfectamente normais en proba de cargo: “Foron vistos xuntos ás 14.01 no restaurante X de Barcelona, sendo aquelas datas de altísima tensión en Catalunya debido á sentenza do procés”. E cal é o delito, comer demasiado cedo para a hora madrileña? Trátase do típico método de arrastre de materiais dos que, colocados sucesivamente mais sen real implicación lóxica, por dedución ou indución, se pretende extraer conclusións.

A cuestión grave é que isto é aceptado por un maxistrado e en base a un relato, por veces enlouquecido e outras inocuo, permite que se entre e se inspeccionen os seus domicilios, que se interveñan teléfonos e se transfira o seu contido, que acceda aos computadores, servidores, tablets, discos duros, memorias USB, smartwatch, dispositivos ópticos e se realice transferencia e copia e sexan así mesmo intervidos, que se acceda á nube, autorizando o secuestro das contas, o acceso aos correos electrónicos e o secuestro das contas de mail, a utilización de software forense para ver se se produciron eliminacións e todo iso sen existir no auto ningún indicio real da comisión dos delitos que se mencionan. Todo iso baseado en conversas interceptadas, como a do tipo que fala dos 10.000 fillos de Putin, sobre as que calquera mente lóxica faría máis preguntas sobre o carácter e condicións de quen fala que sobre unha posíbel invasión “para converter Catalunya na Suíza”. Xa ven vostedes a cantidade de información privada e confidencial que pasou a poder da Garda Civil sen unha base dedutiva e incriminatoria real. Un xuíz autoríza e un arrepia.

É un auto, señores e señoras, en que nos apartado ‘indicios de criminalidade’, é posíbel ler: “Alén diso, o 12.06.2020 ás 20.31.23 horas, Vendrell comentou a María Molina que tiña iso que lle deu o Canalla dicíndolle Marta que llo dou hoxe ou mañá”. Así sen vírgulas nin nada. Xa ven con ese grande dato que novela montaría calquera autor negro! A Fiscalía non pediu ningunha medida para os detidos, non podería facelo con esas vimes.

Os CDR eran un grupo terrorista. Había un golpe de estado en Cataluña e unha rebelión violenta e os soldados rusos ían vir rematar a sacrosanta unidade de España. Sería para rir se non producise un temor visceral pensar que a mestura destes elementos policiais exasperados por unha idea fixa, que confunden o pensamento político e o lexítimo protesto, con delitos; que relatan como patolóxicas relacións de empresarios e políticos -que xa lles digo eu que se se pasean polas terrazas do Barrio de Salamanca, van encher varios centos de celas- e, sobretodo, que propician que xuíces sen criterio permitan vulnerar desproporcionadamente os dereitos de cidadáns, poden pór en serias dificuldades a vida e a liberdade dos cidadáns.

Hai malestar na Garda Civil. Os xuíces non saben xulgar. A Fiscalía non defende a legalidade e engánase porque está controlada pola maldosa fiscal xeneral. As sentenzas que son inatacabeis, dun punto de vista técnico, hai que recorrelas polos seus santos tricornios e porque eles sempre levan razón. Cada vez que a Xustiza funciona e pon coto aos seus despropósitos revólvense. Os seus mandos son intocabeis. Están en chamas cando un ministro dun goberno democrático “lles toca a tradición”.

Xa poden alterar o vello dito latino de que os xuíces coñecen o dereito (Iura novit curia), son eles, os beneméritos os que están en posesión del.

E vai sendo hora de que alguén se ocupe en serio de todo isto.