Nesta arcadia do estado de dereito, que demasiadas veces é o cualificativo adecuado para referirse ao actual sistema xurídico en España, poucas cousas poden xa chamar a atención.

 

 

Joan J. Queralt

 

 

Cada pouco baixamos máis un degrao cara ao estado autoritario, de leis meramente formais. Alguén debe pensar que lenta mais progresivamente é como se chega á meta. Hai un par de días, seguindo a escola do senador Cosidó de gobernar pola porta das traseiras, a sala segunda do Tribunal Supremo (TS), segundo un whatsapp do gabinete de prensa do Poder Xudiciario que teñen todos os xornalistas que figuran, parece que comina ás xuntas xerais de tratamento (órgao inexistente) a non conceder beneficios penitenciarios aos condenados no proceso polo procés.

Pola porta das traseiras? Talvez si, talvez non. Ninguén o sabe. Alén do whatsapp, ningunha voz autorizada dixo unha palabra. Afirma o texto, que ninguén calificou de apócrifo: “Caso a Xunta de Tratamento dos cárceres onde están os presos da causa do procès [sic] acorde a súa excarceración para cumpriren o confinamento nos seus respectivos domicilios, o Tribunal Supremo dirixirase a cada desas xuntas de réxime xeral e ao director/directora dos centros respectivos para que logo que posíbel expliquen o fundamento xurídico que xustifica esa decisión e identifiquen de forma nominal os funcionarios que apoiaron ese acordo. Iso encadraríase na esixencia de responsabilidades penais pola posíbel comisión dun delito de prevaricación”.

En primeiro lugar, quen ditaminou non domina ben o sistema penitenciario. De entrada, non existen xuntas de réxime xeral e os directores dos centros teñen un papel moi secundario nas decisións das xuntas de tratamento: apróbanas ou non, máis ben as tramitan; por regra xeral, non se opoñen a elas. Outro tema é a Direcció Xeral de Serveis Penitenciaris, que si que ten a última palabra en sede administrativa.

Mais o tribunal sentenciador só entra a revisar, se houber recurso, a progresión de grao do condenado, aquí de segundo a terceiro grao, non a flexibilización do segundo grao, o famoso artigo 100.2 do regulamento penitenciario. Como xa sabemos perfectamente, esta disposición pretende flexibilizar o segundo grao para preparar para o terceiro, quer dicir, para a liberdade. A revisión dos acordos que aproban ou denegan a aplicación do artigo 100.2 corresponde ao xulgado de vixilancia que ten asignado o establecemento prisional correspondente. Non chega nunca ao tribunal sentenciador

Se, como parece, o que se quer é influír na política prisional duns centros determinados sobre uns presos determinados, estamos diante dun comportamento antixurídico.

Mais se do que se trata é desde un órgao en principio incompetente, salvo os recursos que lle puideren chegar, dirixir a política prisional de tal ou tal penal, o erro -chamémoslle, de momento, erro- é descomunal. E se, como parece, o que se quer é influír na política prisional duns centros determinados sobre uns presos determinados, estamos diante dun comportamento antixurídico: intimando os funcionarios implicados a 1) dar explicacións e 2) presionándoos coa persecución dun posíbel delito de prevaricación.

Se o TS considera, despois dunha deliberación -que descoñecemos e que non foi plasmada en ningunha resolución-, que hai perigo de actuación antixurídica por parte de certos funcionarios da administración de execución de penas catalá, o que ten que facer é limitarse a agardar que lle chegue, se lle chega, o caso polos condutos procesuais adecuados. Nesa altura si que terá que resolvelo e, se cre, á vista do expediente, que hai base para pasalo á fiscalía para que formule querela, que adopte esta resolución. Mais iso no futuro, non agora, preventivamente.

Mais non é todo. O ministerio fiscal de servizo penal non abriu a boca. Non é algo estraño, porque é o que toca. Cando lle chegue o expediente, xa veremos o que fai.

O que o fiscal podería facer é abrir unhas dilixencias, polo menos informativas, para tratar de investigar a realidade do whatsapp mencionado. Ver se responde a unha realidade, quer dicir, a unha reunión dos maxistrados e a un acordo aínda non feito público, aínda que, nun estado de dereito, acordos xudiciais secretos nin hai, nin pode haber. Se se demostrase que maxistrados do TS tiveron algunha cousa a ver co comunicado coa intención que parece que ten o comunicado, habería varias opcións xuridico-penais a estudar: desde eventuais prevaricacións, pasando polas ameazas e/ou a infracción de impedir o exercicio dos dereitos constitucionais e legais previstos no ordenamento por parte dos presos previsibelmente afectados. Tampouco hai que esquecer a usurpación de funcións administrativas por parte de autoridades xudiciais.

Se, pola contra, fose ocorrencia dalgún integrante do servizo de prensa, podería falarse, igualmente, de ameazas, de falsidades e tamén de impedir o dereito dos dereitos cívicos por coaccións.

O caso é tan grotesco que faría rir, non fose porque, conforme á experiencia en materia de represión desencadeada a torto e a dereito, podería ser perfectamente posíbel. En todo caso, como o comunicado non foi desmentido nin ningún membro do gabinete de prensa xudicial foi cesado, resulta altamente verosímil.

Todo iso, sen entrarmos no comunicado da comisaria para os Dereitos Humanos da ONU, Michelle Bachelet ou do relator de Dereitos Humanos da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa.

Acabo como comezaba: son as consecuencias de vivir na arcadia do estado de dereito.

Joan J. Queralt

El Nacional