A policía española detivo o alcalde da CUP de Verges, Ignasi Sabater, e o alcalde de Celrà, Dani Cornellà, tamén da CUP, por un suposto delito de desorde pública. Tamén foron detidas nove persoas máis entre as que hai membros dos CDR e A Forxa. O avogado dos alcaldes, Benet Salellas, explicou en Catalunya Ràdio que unha patrulla do corpo policial os agardaba esta mañá diante dos seus domicilios para os deter cando saísen para ir traballar.

 

Sabater e Cornellà están acusados de desorde pública mais o seu representante legal asegura non saber “nin cando se produciu a desorde nin a que feitos se fai referencia”. Da mesma maneira, explicou que a detención non é o máis habitual en casos de desorde pública: “por estes delitos cítante no xulgado para esclarecer os feitos, non te deteñen”.

Segundo o Tribunal Superior de Justícia de Catalunya, as seis detencións están relacionadas coa ocupación das vías da AVE de Girona durante o aniversario do referendo do 1 de outubro. Engade que se trata de detencións policiais e que, portanto, non están ordenadas por un xuíz. O pasado 1 de outubro unhas 400 persoas cortaron ás seis e media da mañá até o nove as vías da AVE en Girona para reivindicar o 1-O. Os manifestantes accederon ás plataformas por unha porta apesar da presenza dos Mossos d’Esquadra e de seguranza da estación, que tentaron impedirlles pasar.

A policía impede o avogado dos alcaldes entrar na comisaría por falar catalán

O avogado Benet Salellas denunciou que a policía española non o deixaba entrar na comisaría de Girona en tanto falase en catalán. O letrado representa os dous alcaldes da CUP detidos.

Salellas foi á escuadra da policía española da rúa Santa Pau de Girona, onde levaran os alcalde de Verges e Celrà. En declaracións a varios medios, o avogado explicou que cando se dispuña a entrar no edificio un axente díxolle que se falaba en catalán non o entendía e portanto non lle permitía entrar.

Finalmente, Salellas conseguiu entrar na comisaría para recibir máis información dos detidos aos que representa.

Verges, no punto de mira

Durante os últimos meses, Verges foi vítima de múltiplos ataques fascistas e de ultra dereita en forma de pintadas e pelotóns para arrincar lazos amarelos e esteladas.

No pasado mes de abril, a procuradoría de Girona xa investigou o alcalde de Verges por un suposto delito de odio e discriminación contra “a nación española e o Corpo da Garda Civil” pola denuncia pública que fixo aos medios de comunicación de furos masivos de rodas de coches.

El Nacional