«¿Sospeitas que o teu veciño ten unha plantación disto? ¿Sabes de alguén que vende sustancias estupefacientes? Hoxe é bo día para dicírnolo, colabora con nós aportando información. Podes facelo de xeito anónimo e confidencial». Con este chamado, publicado na súa páxina do Facebook, a Policía Local de Rianxo súmase á cada vez máis estendida práctica de alentar delacións ´-anónimas e confidenciais- sobre a conduta privada doutras persoas, neste caso veciñas ou veciños que poderían cultivar macoña nas súas casas.

Repárese en que nin sequera é preciso ter a certeza. Basta que algúen sospeite que unha persoa cultiva a planta para ser obxecto de delación. Un traballo fácil e sen riscos porque a propia policía facilita un correo electrónico, non esixe identificación da/o denunciante e garante a confidencialidade da información.

Segundo diferentes media, a persoa que estaría por detrás desta mensaxe sería José Ramón Rial, quen, orgulloso dos resultados da súa campaña, xa anunciou que poucas horas despois de publicar o chamado xa chegara o primeiro aviso.

Ler máis.